ACCIÓN! ACCIÓN! ACCIÓN! ACCIÓN! ACCIÓN!

Escaladores de Greenpeace entran na regasificadora de Reganosa para denunciar o impacto do gas no medio ambiente e nas facturas do gas e da luz

15-11-2021

  • Logo do resultado insuficiente da COP26, Greenpeace denuncia a dependencia do gas e súmase ás mobilizacións para pedir a súa eliminación e a do resto de combustíbeis fósiles 
  • A organización ecoloxista, xunto con asociacións veciñais e ecoloxistas locais, súmase ao recurso contra a nova autorización da planta de Reganosa
  • Greenpeace lanzou unha iniciativa cidadá europea para prohibir o lavado de imaxe das empresas de combustíbeis fósiles con campañas enganosas

 

“O GAS É CARO E CONTAMINA”. Esa é a mensaxe contundente que, a máis de 30 metros de altura, activistas de Greenpeace colocaron hoxe nos depósitos da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos (A Coruña) para demandar o seu peche e pedir á clase política e ás empresas enerxéticas un plan de abandono progresivo do gas no noso país. A organización ecoloxista denuncia a dependencia do gas, causante da suba do prezo da enerxía e da emerxencia climática.

O gas é un combustíbel fósil contaminante, como o petróleo ou o carbón. É un potente emisor de gases de efecto invernadoiro composto fundamentalmente por metano, un gas cun potencial de quecemento global 84 veces superior ao do CO2 aos 20 anos, e sen a súa eliminación paulatina non se poderá frear a emerxencia climática e a crise enerxética.  

“Viñemos a un dos lugares nos que se xera tanto a crise enerxética como a climática para dicir que o gas non é a solución a ningunha das dúas cousas», manifestou Francisco del Pozo, responsábel da campaña para a eliminación dos combustíbeis fósiles en Greenpeace España.«Están a vendernos que o, mal chamado, “gas natural” é un combustíbel verde e de transición, pero en realidade é un destrutor do clima, que está a levar aos fogares a padecer altas tarifas de luz e calefacción».

Logo do insuficiente acordo da COP de Glasgow, cómpre máis ca nunca que os gobernos dean un paso á fronte. O Goberno español leva tempo presumindo de compromiso contra a crise climática, pero se non traballa nun plan para o abandono dos combustíbeis fósiles como o gas, estará a dar as costas ás recomendacións científicas para evitar os peores impactos contra o cambio climático e protexer así ás persoas. Outra grave consecuencia é a suba da factura da luz e do gas: O incremento dos prezos da enerxía está causado pola volatilidade do gas e a dependencia que temos doutros países  e, só planificando o seu abandono, os gobernos poderán protexer ás persoas máis vulnerábeis afectadas pola crise enerxética.

O gas é o combustíbel fósil que máis medra no mundo e mudou na segunda fonte de enerxía fósil en Europa. A organización ecoloxista considera imprescindíbel establecer un calendario para o abandono deste combustíbel, xunto co resto de enerxías sucias, e aumentar a proporción de enerxía renovábel no mix enerxético, contando coa participación da cidadanía. Greenpeace demanda un sistema eléctrico 100% renovábel, libre de gas fósil, non máis tarde de 2030, e acadar o cero neto das emisións en 2040.

A planta de  regasificación á que hoxe accedeu Greenpeace, propiedade de Reganosa, con participación da Xunta de Galicia, é un dos puntos quentes da chamada crise do gas. Á escalada de prezos que están a vivir os fogares, súmase a actual emerxencia climática. Só en 2021, estímase que a planta de Mugardos vai ser responsábel de máis de 5 millóns de toneladas de emisións directas anuais de CO2 (as mesmas emisións que case 1,6 millóns de coches ao longo dun ano).

Oposición veciñal e ecoloxista local contra Reganosa
A protesta pacífica realizada hoxe por Greenpeace, conta co apoio de representantes do Comité  Cidadán de  Emerxencia para a Ría de Ferrol, plataforma que, desde hai anos, agrupa a numerosas entidades locais contra a presenza da regasificadora en Mugardos. “Durante máis de dúas décadas, e co beneplácito dos gobernos, Reganosa dedicouse a comprar vontades para lexitimar a súa presenza ilegal na nosa ría, agachando o impacto ambiental na mesma e contribuíndo á emerxencia climática«, declarou o Coordinador do Comité, Manuel Rodríguez Carballeira.

Por outra banda, Greenpeace sumouse á loita que leva realizando, tamén desde hai décadas, o Comité  Cidadán de  Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCERF), uníndose ao seu recurso contra a legalización da planta de Reganosa. “Esiximos unha data de paralización e desmantelamento da planta de Mugardos polo seu perigo e polo seu custo social e climático, asegurando un peche ordenado e unha transición xusta que xere empregos verdes e alternativos para a rexión” declarou Patricia Gabeiras, responsábel legal do CCERF.

Petición contra o branqueo dos combustíbeis fósiles
O pasado 4 de outubro, Greenpeace, xunto con outras 20 organizacións, lanzou unha iniciativa europea cidadá para prohíbir a publicidade e patrocinios dos combustíbeis fósiles. O obxectivo é acadar un millón de sinaturas a través da web Basta de publicidade de combustíbeis fósiles! [1]. Con este fin, Greenpeace realizou accións de protesta similares en puntos da xeografía española como Sagunto e tamén noutros países europeos como Holanda ou Croacia.

 

 


Notas

[1] Máis información sobre a Iniciativa Cidadá Europea para Prohibir a publicidade e os patrocinios de combustibles fósiles: www.banfossilfuelads.org. (Unha Iniciativa Cidadá Europea (ICE) é unha petición recoñecida oficialmente pola Comisión Europea. Se unha ICE alcanza un millón de firmas verificadas no prazo permitido, a Comisión Europea está legalmente obrigada a responder e pode considerar a posibilidade de incorporar as nosas demandas á lexislación europea). 


¡ Comparte !