Equipo de Liderado Estratéxico Compartido

O posto de Dirección Executiva é seleccionado pola Xunta Directiva. A partir dese momento, ten a responsabilidade de coordinar a xestión diaria da organización. Ocúpase da representación pública de Greenpeace e entre as súas funcións está a de dirixir os contactos con representantes do mundo político, económico e social, así como cos medios de comunicación. Selecciona o equipo directivo de Greenpeace España, xunto ao que coordina todo o persoal que traballa profesionalmente ou como parte do voluntariado para Greenpeace no noso país.

Eva Saldaña Buenache
Directora Executiva de Greenpeace España

Eva (Madrid, 1977) cre que se conseguimos ampliar a concepción do activismo e pór en marcha o poder da xente, chegariamos a esa masa crítica que, tal e como a historia nos amosou, pode producir cambios rápidos e profundos cara a unha cultura reconectada coa natureza e resiliente fronte aos retos que encaramos.

É Licenciada en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Ecoloxía, pola Universidad Autónoma de Madrid. Antes de se incorporar a Greenpeace, traballou na Oficina Ecocampus para co-coordinar a xestión e educación ambiental do Campus universitario da UAM, ademais de participar en proxectos desta natureza na Patagonia Arxentina, na Amazonía Peruana e en Costa Rica.

É especialista en procesos participativos, de liderado transformacional, traballo en equipo e resolución non violenta de conflitos polo IIFAC e en Deseño de sistemas complexos sostíbeis por Gaia Education. Realizou o Máster en dirección e xestión de ONG impartido por ESADE University e o Deep Dive Future Leaders co Presencing Institute.

Estivo como Coordinadora da Cooperación Internacional e da Rede de Centros de Desenvolvemento do Liderado da Mocidade Indíxena en Agroecoloxía dentro do SPERI (Social Policy Ecology Research Institute) durante 2011 en Vietnam, período durante o que axudou a fundar a rede TOA (Towards Organic Asia) na rexión do Mekong e Bután.

Amante da natureza e aprendiz dos procesos colectivos, a súa traxectoria en Greenpeace comeza en 2002 como voluntaria, educadora e activista. A partir de entón, foi Responsábel da Área de Voluntariado ata 2006, Responsábel da Área de Educación e Formación Ambiental ata 2009 e, en 2012, asumiu a Dirección do Departamento de Mobilización. Actualmente desempeña o cargo de Directora Executiva.

Edurne Rubio
Directora de Comunicación, Fundraising e Transformación Dixital

Edurne (Valencia, 1977) sempre creu no poder transformador da comunicación na acción colectiva. Por iso, despois de traballar varios anos como periodista en gabinetes e medios, orientou a súa carreira cara á comunicación en organizacións.

Antes de se incorporar ao equipo de Greenpeace en febreiro de 2018, traballou 13 anos en Amnistía Internacional: primeiro na súa sede central en Londres, como responsábel de proxectos dixitais en Campañas, e despois na oficina española, onde chegou a ser directora de Márketing e Fundraising. Estivo vencellada ao Observatorio de boas prácticas do Face to Face da Asociación Española de Fundraising dende a súa creación e formou parte do Comité Executivo na súa primeira etapa. Na actualidade, forma parte da Xunta Directiva.

Gústalle ir en bici a traballar e, de cando en vez, percorre o mundo en bicicleta. Interésanlle os procesos transicionais e de recuperación da memoria democrática, polo que estivo vencellada como activista ao movemento memorialista español.

A súa etapa en Greenpeace comeza en 2018 como directora de Engagement, un período no que é responsábel das estratexias de comunicación e fundraising da organización. En xaneiro de 2021, asume a dirección do novo eido estratéxico People Power, co reto de potenciar a capacidade transformadora da cidadanía na protección do medio ambiente e da paz.

Ricardo Magán
Director de Estratexia Sistémica

Ricardo (Madrid, 1971) cre na capacidade das persoas para se organizaren e impulsaren cambios sistémicos. A súa pronta incorporación ao escultismo determinou o seu amor pola natureza e a súa crenza na forza do colectivo cando se achega compromiso, visión, paixón e valentía.

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidad Autónoma de Madrid, pronto decidiu dedicarse á cooperación internacional para contribuír á mellora na vida das persoas en situación de vulnerabilidade.

Tras se dedicar á xestión do voluntariado e a comunicación en varias entidades, comezou a traballar en Oxfam, organización á que dedicou case 23 anos. Dende a coordinación de campañas de incidencia política nacionais e internacionais e o deseño de estratexias de participación cidadá ata a dirección executiva en varios países, viviu coma un privilexio liderar moitos equipos e aprender deles. Foi asesor do goberno español nas Nacións Unidas e responsábel do deseño e execución de campañas de incidencia social e política en España e en países como Nicaragua, El Salvador, Perú e Canadá. Nos seus últimos postos especializouse na procura de novas formas de crecemento, influencia e transformación social a través da innovación, a análise estratéxica e o cambio organizativo.

En novembro de 2021 asume en Greenpeace a tarefa de definir e impulsar estratexias de cambio que permitan un novo contrato co planeta, un novo xeito de producir, consumir e relacionarnos coa natureza que nos leve a reverter a crise climática e a perda de biodiversidade.

Sagrario Monedero
Directora de Impacto e Acción Sistémica

Sagrario (Cuenca, 1981) síntese unha privilexiada por poder dedicarse profesionalmente ao traballo en favor dos dereitos humanos, os feminismos e o ecoloxismo social. Isto permitiulle coñecer de primeira man, apoiar e emocionarse coas loitas colectivas que se están a levar a cabo en moitos lugares do planeta e que se asentan sobre os mesmos ideais e soños que inspiran Greenpeace.

É licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidad Pontificia de Comillas-ICADE e Máster en Cooperación pola Universidad Complutense. Posúe outros estudos en dereito internacional humanitario, xénero, transición enerxética e liderados colaborativos en contornas complexas.

Traballou en favor dos dereitos humanos e da igualdade de xénero en diversos países de América Latina, Oriente Medio e Europa. Durante catro anos, e con sede en Xerusalén Este, desempeñou o posto de Coordinadora de Xénero e Dereitos Humanos para Palestina, Líbano e Xordania de Alianza por la Solidaridad e foi directora en España da organización británica InspirAction-Christian Aid.

Nos últimos anos, a súa carreira centrouse na loita pola xustiza ambiental e contra o cambio climático. Traballou como consultora para organizacións como a Fundación Biodiversidad en cuestións relacionadas co xénero e co medio ambiente e ocupou durante un ano o posto de coordinadora da campaña de gas en Ecoloxistas en Acción.

Únese a Greenpeace en novembro de 2021 como Directora de Acción e Impacto Sistémico traendo con ela alegría, compromiso e entusiasmo cun proxecto que aspira a pór A VIDA, con maiúsculas, no centro.

Mariana Ruiz de Lobera
Directora de Cultura e Liderado

Mariana (Madrid 1968) entende que a emerxencia ambiental e social supón non só a necesidade dun cambio urxente, senón tamén de algo novo que xa está a emerxer: unha cultura rexenerativa baseada en novas formas de colaboración.

O seu percorrido profesional comeza en Brasil, onde descobre as metodoloxías participativas de investigación-acción e adquire un forte compromiso cos Dereitos Humanos tras convivir co Movemento Sem Terra en Rio Grande do Sul. Traballou en Cooperación Internacional, con Enxeñeiros sen Fronteiras en Nicaragua e Médicos do Mundo en España, tamén en Mediación Social intercultural. Máis tarde especialízase en tecnoloxías sociais innovadoras baseadas no diálogo. Considera que as organizacións, as institucións e os equipos de traballo se constrúen a través de redes de conversacións que podemos mellorar. Dende este enfoque, traballou como consultora os últimos 6 anos e demostrou a súa efectividade con todo tipo de entidades, universidades, sindicatos, fundacións, ONG, concellos e grupos de voluntariado.

É licenciada en Socioloxía, doctorada en Psicoloxía Social, especialista en Investigación-Acción Participativa (Universidad Complutense) con formación internacional en Liderado Participativo (Art of Hosting), Theory U (Presencing Institute), Transformación de Conflitos (Sanbanci Universitesi Estambul), profesora do Máster de Xénero e Desenvolvemento (UCM) e Subdirectora do Experto en Intervención social para a diversidade cultural no ámbito local (UAM)

En novembro de 2021 incorpórase a Greenpeace para afrontar o reto de impulsar e liderar unha cultura organizativa colaborativa, inclusiva, xusta e segura de coidados e aprendizaxe, coa confianza da experiencia acumulada e a forza do compromiso para avanzar cara a ese outro mundo, que é posíbel.