A sobreexplotación da pesca industrial afecta ao 85 % dos peixes do Mar Mediterráneo e a case o 40 % das especies do Océano Atlántico

63 %
das poboacións mundiais de peixes considéranse sobreexplotadas
40.000 empregos
perdéronse co colapso dunha soa poboación de bacallau que foi sobreexplotada
200 anos
pode chegar a vivir o peixe reloxo laranxa do Atlántico

O problema

A explotación pesqueira está comprometendo a supervivencia de especies que son altamente vulnerábeis á presión da pesca e das que en moitas ocasións non hai evidencia do estado de conservación das súas poboacións. Debido á implacábel evolución da tecnoloxía, os nosos océanos están a ser alterados a grande escala e a unha velocidade sen precedentes.

Ademais, os gobernos favoreceron estas prácticas excesivas, que teñen un terríbel impacto ambiental e social. E con isto, abandonaron a pesca sostíbel —en moitos casos artesanal— que, malia representar un 77 % da frota e un 80 % da pesca continental, só recibiu un 20 % das cotas de pesca. Barcos monstruosos usan ecosondas potentes para arrasaren bancos enteiros de peixes e son tamén plantas procesadoras boiantes con enormes sistemas de conxelación e procesado de fariñas de peixe e con potentes motores similares aos dun avión para devastaren extensións do fondo mariño.

De feito, ao ritmo de captura actual, corremos o risco de perdermos moitas das especies que consumimos hoxe en día, xa que non permite a recuperación dos stocks de xeito natural. Pero non só iso: un tipo de pesca tan intrusiva e tan pouco selectiva tamén afecta a outras especies en perigo como tartarugas, quenllas ou golfiños e degrada os ecosistemas mariños, xerando un dano que pode ser irreversíbel para o equilibrio trófico mariño.

A crecente demanda mundial de peixe fixo que se disparen formas de explotación abusivas coa biodiversidade e co medio mariño, que non teñen en conta os impactos sobre os ecosistemas e sobre as comunidades locais que dependen deses recursos. Frotas pesqueiras diríxense a novas augas porque esgotaron os seus antigos caladoiros de pesca.

As poboacións dos principais depredadores están a desaparecer a un ritmo aterrecedor:

  • Perdemos o 99 % das anguías europeas e o 95 % do atún vermello do Sur e do Pacífico.
  • Os salmóns desapareceron de moitos ríos a ámbolos dous lados do Atlántico e figuran en numerosas listaxes de especies ameazadas.
  • Aproximadamente un 80 % de todos os principais peixes depredadores desapareceron das zonas costeiras do Pacífico Norte e do Atlántico Norte.

A solución

Para que no futuro poidamos obter comida e ingresos, necesitamos uns océanos vivos e unha industria pesqueira sostíbel. Precisamos crear santuarios mariños para mellorarmos o estado de conservación do mar e as súas poboacións de peixes. Temos que mellorar enormemente o xeito en que pescamos e deixar de extraer os recursos máis rápido do que o océano é quen de repoñelos.

Só un modelo de pesca 100 % sostíbel garante un futuro con océanos cheos de peixes e emprego para as comunidades costeiras que dependen deles. E o cambio cara a ese modelo debe comezar cunha lexislación axeitada dende o Goberno.

Algunhas medidas de protección de ecosistemas mariños tomadas polo Estado español, como a declaración de Reservas Mariñas ou a protección de especies como a posidonia, foron moi positivas, se ben outros países, como Francia, Reino Unido ou Países Baixos, lévannos vantaxe en políticas de xestión pesqueira.

Malia que poida parecer un problema distante, isto aféctanos a todos. Pero hai moita falla de información da cidadanía sobre a orixe e a sustentabilidade do peixe, polo que esiximos aos gobernos que regulen mecanismos para garantir a trazabilidade e ofrecer ao consumidor a opción de mercar peixe sostíbel, en definitiva, a opción de poder escoller.

Pescadores usando la caña para pescar atunes Pescadores pescando atún con métodos sostenibles en las islas Maldivas Atunes atrapados en una red de pesca de un cerquero colombiano

Que está a facer Greenpeace

Greenpeace quere transformar o sector e propón un modelo de pesca 100 % sostíbel social, ambiental e economicamente, baseado no apoio da pesca artesanal e na recuperación dos recursos pesqueiros.

Para conseguilo, Greenpeace traballa en:

  • Apoio da pesca artesanal e sostíbel.
  • Eliminación progresiva das artes de pesca destrutivas.
  • Creación dun Tratado Internacional dos Océanos para protexer as augas internacionais.
  • A creación de Santuarios mariños que regulen a pesca.
  • Avance e conversión da pesca de altura cara á sustentabilidade.
  • Limitación das explotacións de acuicultura.
  • Medidas dirixidas á información e concienciación dos consumidores.
  • Control da contaminación no medio mariño.

Este modelo garantiríanos un futuro con océanos ben conservados, máis zonas protexidas e uns stocks pesqueiros recuperados. Suporía tamén a creación de máis de 60.100 empregos netos e un aumento da produción en beneficios de 4.000 millóns de euros.