O plástico asolagou a nosa vida diaria: podemos atopalo en envases de produtos, ingredientes de cosméticos, o téxtil da roupa, materiais de construción...

Cada ano chega a mares e océanos o equivalente en lixo a ata
1.200 veces
o peso da Torre Eiffel
Só un
30 %
dos plásticos se reciclan en España
Unha botella de plástico tarda uns
500 anos
en se descompoñer

O problema

Os plásticos tomaron a Terra. A súa crecente produción e uso ameazan con contaminar cada recuncho do planeta, especialmente os mares, destino final de moitos deles, onde prexudican seriamente a saúde dos ecosistemas acuáticos e a supervivencia das especies que os habitan. Podémolos atopar na praia, nas rochas, aboiando na auga e incluso nas zonas máis profundas. Dende o Ártico ata a Antártida, en zonas poboadas e en illas deshabitadas. Cada ano, os mares e océanos son receptores de ata 12 millóns de toneladas de lixo.

A situación mundial é dramática, máis aínda tendo en conta que a produción de plásticos se achegará en 2020 aos 500 millóns de toneladas (un 900 % máis ca en 1980). Estas cantidades, a súa doada dispersión e o seu lento proceso de degradación converten o plástico no inimigo número un de mares e océanos. O seu uso é un problema asociado aos xeitos de consumo, xa que a meirande parte se emprega para envases dun só uso. España é o quinto meirande produtor da UE.

Particularmente prexudiciais resultan os microplásticos, fragmentos inferiores a 5 mm que poden vir da rotura de anacos grandes ou ben seren fabricados directamente así, como é o caso das microesferas presentes en produtos de hixiene e limpeza como exfoliantes, pastas dentífricas ou deterxentes. Calcúlase que cada bote de 100 ml pode conter entre 130.000 e 2,8 millóns destas diminutas bólas de plástico que chegan ao mar a través do vertedoiro, porque o seu tamaño tan reducido fai que non queden atrapadas nos filtros das depuradoras. Estudos recentes observaron que os animais mariños están a inxerir estes microplásticos, o que está a provocar bloqueos gastrointestinais e alteracións nos seus patróns de alimentación e reprodución. Pero non remata aí: hai evidencias de que se transfiren ao longo da cadea alimentaria e chegan ata os nosos pratos.

E aínda hai máis, porque tanto os microplásticos como os macroplásticos teñen enormes impactos económicos e sociais. O lixo acumulado nas praias afecta directamente a un sector turístico dependente da boa saúde do litoral e o medio mariño, mentres que as necesarias labores de limpeza causan enormes desembolsos de diñeiro público.

A solución

Reducir o uso e o impacto que os plásticos teñen sobre os ecosistemas é responsabilidade de todos e todas, tanto das administracións públicas como da cidadanía. Os seus efectos, aínda que poidan parecernos imperceptíbeis, son demoledores, estendéndose dende o Ártico á Antártida, e causan estragos nas especies mariñas.

O uso do plástico é insostíbel e é un claro exemplo dos impactos da cultura do usar e tirar. Por iso, cómpre ir á orixe do problema e, en primeiro lugar, reducir a cantidade de plástico que se pon en circulación e, despois, apostar pola reutilización. Xa hai un movemento crecente de persoas en todo o mundo que están a apostar por un estilo de vida libre de plásticos dun só uso.

Botella de Coca-Cola en la playa Voluntarios de la organización ecologista Greenpeace llevan a cabo una limpieza de residuos, dentro de la campaña

Que está a facer Greenpeace

Reducir o uso e o impacto que os plásticos teñen sobre os ecosistemas é responsabilidade de todos, tanto das administracións públicas como das empresas fabricantes e do usuario.

Greenpeace forma parte do movemento global Break Free From Plastic, no que centos de ONG de todo o mundo traballan por un futuro libre de contaminación por plásticos.

Ademais, en España, Greenpeace pide ao Goberno español, ás administracións locais e ás empresas que suban a esta vaga contra o plástico e tomen medidas para reducir a produción e o consumo de plásticos, como:

  • Fomentar medidas baseadas na economía circular, na que se dá prioridade á redución e se aposta pola reutilización da materia prima e por novos materiais cun menor impacto ambiental.
  • Eliminar o abandono de envases e garantir sa súa correcta reciclaxe mediante a implantación de sistemas de retorno de envases.
  • Prohibir o uso de microesferas de plástico.
  • Fomentar a innovación e a implantación de alternativas que reduzan o uso de plásticos.