Greenpeace considera que non se deben crear novos residuos radioactivos. O almacenamento dos existentes debe usar as mellores técnicas dispoñíbeis e as mellores prácticas reguladoras, e o financiamento do almacenamento temporal deben proporcionalo na súa totalidade os operadores nucleares, aplicando un firme principio de "quen contamina, paga".

As centrais nucleares producen residuos durante o seu funcionamento. De xeito irresponsábel, a industria nuclear continúa a producilos sen atopar ningunha solución satisfactoria para a súa xestión. Os residuos nucleares manteñen a súa radioactividade durante centos de milleiros de anos, durante os que hai que xestionalos adecuadamente. Non desaparecen xamais, por moito almacenamento ou moitos plans que fagamos, e así o podemos constatar en España en Palomares ou Huelva, entre outros lugares.

Ata os anos 80, moitos países botaban os residuos ao mar. Esta práctica foi prohibida, en parte grazas á campaña de denuncia realizada por organizacións ecoloxistas como Greenpeace.

As solucións que propón actualmente a industria nuclear son o enterramento, o almacenamento xeolóxico profundo e o almacenamento en superficie (en seco ou en piscinas). Todos eles poden ser considerados como solucións temporais, pois mesmo o almacenamento xeolóxico profundo non conseguiu demostrar que será capaz de acoller os residuos sen fugas radioactivas durante os milleiros de anos que será preciso. Ademais, esta tecnoloxía significa que os residuos non serían recuperábeis, de maneira que as xeracións futuras non poderían utilizar as posibles técnicas que, de se descubriren, permitan resolver o problema dos residuos radioactivos.

Os residuos nucleares existentes deberían, en principio, ficar nos sitios onde se crearon. As exencións baseadas en ameazas de seguridade externas ou internas deben estar xustificadas de xeito transparente e completo. Por este motivo, de tódolos métodos que existen actualmente, o menos perigoso que Greenpeace considera aceptábel como solución temporal para xestionar os residuos nucleares das centrais españolas é a construción de almacéns temporais individualizados (ATI) en seco (sen necesidade de usar un refrixerante líquido) construídos xunto ao lugar no que se xeran os residuos nucleares: as centrais nucleares. Ademais, varias centrais nucleares téñenos xa construídos ou vanos construír nos próximos anos. Non hai ningunha necesidade nin urxencia para construír un cemiterio nuclear.

O desmantelamento nuclear é un feito necesario e inevitábel e, pola súa implicación nas comunidades locais, merece ser controlado pola sociedade. Greenpeace quixo aportar o seu grao de area a este debate e publicou o estudo “El inevitable cierre de las centrales nucleares españolas. Una oportunidad económica y social”, elaborado por Abay Analistas para Greenpeace, no que se poñen números ás oportunidades que se abren co seu peche, que non son só medioambientais e de seguridade, senón tamén económicas e sociais. Cando se pecha unha central, o propio proceso de desmantelamento e a diversificación económica que adoitan experimentar as localidades nas que se asentaban as instalacións poden carrexar a xeración de novas oportunidades laborais.

Os datos falan por si mesmos: o peche gradual das centrais nucleares e a substitución da enerxía nuclear por outras fontes que inclúan renovábeis suporán a creación neta duns 300.000 empregos, dos que 100.000 proceden do desmantelamento das centrais e da xestión dos seus residuos, e un aumento do PIB próximo aos 20.000 millóns de euros.