Usamos cookies para mellorar a túa experiencia.
Entendemos que estás de acordo se segues navegando.

Greenpeace fai desaparecer a praia de Rodas, nas Cíes, para pedir á cidadanía galega que mañá vote pensando no planeta

11-07-2020


Notas
  • A organización ecoloxista lembrou hoxe aos electores que mañá o seu voto decide tamén no eido ambiental, ilustrando nunha fotografía modificada como serán as Illas Cíes se non freamos a emerxencia climática 
  • A imaxe retocada amosa a transformación que sufrirá a costa galega segundo as predicións do Comité Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPPC) se non actuamos fronte ao cambio climático 
  • Para evitarmos consecuencias devastadoras, a vindeira lexislatura debe marcar o roteiro para que as emisións de CO2 se reduzan cando menos un 55% en 2030 a respecto de 1990

Galicia, 11 de xullo de 2020. – Activistas de Greenpeace acudiron hoxe á Praia de Rodas das Illas Cíes para pór en evidencia a situación que se agarda nas costas galegas se non se actúa contundentemente perante a emerxencia climática e para pedir á cidadanía que vote en consecuencia. Un voluntario da organización ecoloxista sostivo unha fotografía modificada na que se pode ver a devastadora subida do nivel do mar que se acadaría no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia se non seguimos as recomendacións da comunidade científica para enfrontar o cambio climático. A praia une actualmente dúas das illas Cíes, a de Monteagudo e Faro, pero a posíbel subida do nivel do mar provocaría a súa separación. Detrás da imaxe simulada, a marabillosa realidade actual dunha praia paradisíaca que aínda pode salvarse. E no cartel, unha mensaxe crave: Emerxencia climática: Vota con sentidiño.

Greenpeace quixo deste xeito chamar a atención dos millóns de galegos e galegas convocados mañá ás urnas, para lembrarlles que as decisións políticas son en gran medida as que poden mudar patróns ou tomar camiños axeitados para dar solucións aos problemas ambientais e para pedirlles que voten tendo isto en conta.

aumento do nivel do mar para 2100 podería ser de case un metro se o quecemento global supera os 3°C, que é o que acontecerá cos miúdos compromisos adquiridos actualmente polos estados, segundo o informe de océanos do Comité Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) do pasado setembro. O documento recolle datos alarmantes tamén en canto ao aumento da acidez do mar, a liberación de gases de efecto invernadoiro que causa o desxeo do permafrost e o medre das ondas de calor mariñas.

Neste senso, diante da imaxe que amosa a transformación que sufrirán as Illas Cíes, Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia, afirmou: “Este é o futuro que nos agarda se non tomamos en serio as advertencias da ciencia e non actuamos de xeito urxente e contundente perante o cambio climático. A vindeira Xunta de Galicia terá unha responsabilidade moi grande, por iso pedimos á xente que pense no medio ambiente á hora de votar”. “Diante da crise ecolóxica na que estamos mergullados o silencio non é unha opción, temos que votar e facelo con sentidiño”, engadiu Santos.

Greenpeace presentou o pasado 23 de xuño o documento Propostas de Greenpeace para as eleccións ao Parlamento de Galicia. (Da crise ecolóxica á COVID-19. Cómpre unha transformación do sistema), no que se expoñen unha serie de medidas para poñer en marcha unha transformación do sistema en clave verde e social. A organización enviou este documento ás forzas políticas e reuniuse con boa parte delas para presentalo e debatelo.

Greenpeace demanda que esta lexislatura se estableza o itinerario para lograr unha redución de cando menos o 55% das emisións de CO2 para 2030 respecto a 1990 e o cero neto para 2040 e que se aprobe unha Lei Galega de Cambio Climático ambiciosa en termos de redución de emisións e transición xusta.

Nota:

Esta foto foi elaborada tendo en conta as proxeccións de subida do nivel do mar a escala global do IPCC e debe entenderse como unha ferramenta que axuda a identificar os lugares que se verán afectados


Comparte!

Material audiovisual relacionado
FOTOGRAFÍAS EN ALTA CALIDADE E BRUTOS PARA TELEVISIÓN
Si quieres estas imágenes en alta definición escríbenos o llama a nuestra oficina de prensa