Greenpeace reclama un Tratado Global dos Océanos dende o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

05-02-2022

  • Máis de trinta persoas voluntarias da organización despregaron pancartas na Illa de Cortegada para alertar sobre a emerxencia ambiental que sofren os nosos océanos
  • De igual xeito membros da ONG recollerán sinaturas ao longo do día para apoiar un Tratado Global que protexa o 30% da superficie dos océanos do planeta para 2030 e que se presentarán na ONU en marzo

Galicia, 5 de febreiro de 2022-. Voluntarios e voluntarias de Greenpeace acudiron hoxe á Illa de Cortegada, que forma parte dun dos catro arquipélagos do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, para alertar sobre a crise que sofren os nosos océanos a nivel planetario. Coa exuberancia arbórea da illa e as augas da ría de Arousa como fondo despregaron varias pancartas, entre elas unha de gran tamaño co lema “O tempo esgótase para os nosos océanos. Actúa xa”. Actos similares aconteceron ao mesmo tempo noutra vintena de localizacións do Estado.

Así, a ONG quixo chamar a atención sobre a necesidade de coidar os océanos e pedir ao Goberno do Estado que se implique de xeito proactivo, coa coordinación dos diferentes ministerios implicados, na xuntanza que terá lugar o vindeiro mes de marzo nas Nacións Unidas para tratar esta emerxencia ambiental. Greenpeace uniuse á recolleita de sinaturas da que se está a dar conta a nivel internacional para lograr un Tratado Global que protexa o 30% da superficie de océanos no planeta para 2030. Trátase dunha iniciativa na que están a participar países de todo o mundo e que levarán á Organización de Nacións Unidas para impulsar as negociacións do devandito tratado.

Apoios que cambian o mundo

Esta tarde, asemade, o voluntariado de Greenpeace en Galicia tamén instalará un posto informativo na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa para recoller sinaturas a favor do tratado. Case catro millóns de persoas en todo o mundo e máis de duascentas mil en España uníronse a esta petición e calquera persoa pode facelo nesta ligazón. O apoio da cidadanía será chave nos vindeiros meses para conseguir un Tratado Global que sexa sólido, é dicir, que realmente supoña unha xestión completa e integrada de tódalas actividades, desde a pesca en augas internacionais, á incipiente concesión de licenzas da minería submarina.

”Chegou o intre de pór as palabras en práctica e que os gobernos, especialmente o Goberno Estatal, encabece as negociacións nas Nacións Unidas para garantir un tratado sólido que regule as actividades en alta mar e que prime a protección no 70% do noso planeta, que é ‘terra de ninguén’”, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Os océanos e as especies que os habitan ven como se multiplican as ameazas á súa supervivencia. Namentres, os gobernos do mundo pasaron anos atrasando as decisións que poderían pór fin a esa desprotección. As xuntanzas para acordar un Tratado Internacional dos Océanos foron sucedéndose sen que as áreas protexidas que tanto necesita o noso planeta se poñan en marcha. A situación de emerxencia ambiental nos océanos é tal que sabemos máis da superficie da lúa que do fondo dos océanos. En 10 anos, entre 2000 e 2010, censáronse máis de 6.000 novas especies descoñecidas até a data en augas abertas e tan só se investigaron un 0,002% dos 170.000 montes submarinos que existen. Xunto co descoñecemento científico a actividade humana vai esquilmando cada vez máis os nosos océanos, de feito en máis da metade dos nosos mares, o 55% da súa superficie, desenvólvense actividades pesqueiras e un 59,9% das poboacións de peixes analizadas están explotadas até o seu rendemento máximo sostíbel.

Á vez que o voluntariado de toda España saíu hoxe en todo o territorio, o buque rompexeos de Greenpeace, o Arctic Sunrise está en augas antárticas constatando os rápidos cambios que sofre a Antártida, onde algunhas colonias de pingüíns minguaron en número de individuos até nun 77 % nos últimos 50 anos.

A importancia do tratado é tal que suporía:

  • Ter un mecanismo global para o establecemento dunha rede de santuarios oceánicos ben xestionados, permitindo así á comunidade internacional cumprir o obxectivo «30×30» de acordo coas recomendacións científicas e os crecentes compromisos políticos. A protección do 30% do mar antes de 2030.
  • Dispor, como Constitución dos Océanos similar aos Acordos do Clima, mecanismos efectivos de toma de decisións que impidan que algúns países bloqueen ou atrasen decisións, como aconteceu coa creación de Áreas Mariñas Protexidas no Ártico ou a Antártida.
  • Regular actividades como a pesca ou a extracción de minerais, para xestionar as múltiples presións á que se enfrontan as augas internacionais.

Máis de 100 gobernos comprometéronse co obxectivo 30×30.

“Aínda que case catro millóns de persoas en todo o mundo están a demandar aos ministros un compromiso claro para dar forma ao destino dos océanos, para as xeracións presentes e futuras, aínda non se lle está a dar a importancia diplomática internacional que se merece e ten un perfil político moi baixo, por iso hoxe en Galicia e noutros lugares do Estado pedimos que se lle dea a importancia que se debe ao Tratado Global dos Océanos e ao momento histórico”, terminou Manoel Santos.


Comparte!