Greenpeace reta ao Concello de Vilagarcía a “que pase do gris ao verde” traballando na renaturalización da cidade

24-03-2022

  • A organización ecoloxista cuestiona anteriores actuacións urbanísticas como as da Praza de Galicia e Camilo José Cela e pide ao Concello que non repita o mesmo modelo “gris” na humanización de Arcebispo Lago
  • A ONG considera que o Concello está a esforzarse en gañar espazo para o peón e a mobilidade non motorizada, mais debería avanzar nunha renaturalización da cidade con vexetación autóctona e chans naturais
  • Vilagarcía só conta con 7,2 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes por habitante, cando a Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que a cidade ideal debería contar con 50 metros cadrados

Vilagarcía de Arousa, 24 de marzo de 2022-. A organización ecoloxista Greenpeace cuestiona o proxecto para a humanización da céntrica rúa de Vilagarcía de Arousa Arcebispo Lago, pola falta de infraestrutura e espazo verde. As peonalizacións son boa nova para o Concello e xeran moitos beneficios para a cidade, o seu medio ambiente, a calidade do aire e os seus habitantes, pero Greenpeace demanda que as intervencións contemplen e integren o verde urbano, algo que o concello está a esquecer nas súas formulacións e políticas de cidade.

A organización lembra que actuacións xa realizadas, como as da Praza de Galicia ou Camilo José Cela, melloraron a habitabilidade, mais teñen un enorme déficit de cobertura vexetal, especialmente arbórea, e chans naturais, facéndoas case inhabitábeis nos meses de máis calor. O verde urbano é enormemente beneficioso para a saúde e axuda a combater a contaminación, a mitigar as temperaturas altas nos meses máis abafantes, a evitar asolagamentos e facer cidades máis resilientes fronte ao cambio climático, entre outros moitos beneficios. Greenpeace demanda ao concello de Vilagarcía que modifique o proxecto de Arcebispo Lago introducindo máis cobertura arbórea e chans naturais e corrixa as deficiencias nos “lugares grises”, aqueles onde o concello non introduciu suficiente espazo verde, que creou na cidade. Transformar as cidades para crear lugares sostíbeis, de emisións cero e verdes, tamén implica renaturalizar espazos urbanos, que en Vilagarcía poderíanse emprender en parte do Río do Con ou na franxa de praia de Compostela máis achegada ao centro urbano.

Nos últimos anos o Concello de Vilagarcía de Arousa estáse a esforzar en implementar un novo modelo de cidade. Fixeron unha aposta pola mobilidade ciclista e cada vez son máis as rúas peonís, polo que semella camiñar na boa dirección. Con todo, consideramos que hai proxectos que nesta transformación da cidade non están a ter en conta a importancia das zonas verdes e espazos naturalizados no centro urbano”, afirmou Mariló Ramos, de Greenpeace.

Segundo o informe de Greenpeace, “Reverdecer as cidades. Os espazos urbanos e o seu impacto na saúde e o benestar”, as cidades deberían seguir a regra do 3-30-300, de xeito que cada persoa poida ver polo menos 3 árbores desde a súa casa, ter un 30% de cobertura vexetal no seu barrio e estar a 300 metros dun parque considerábel. Asemade, as cidades deberían contar cuns 50 m2 de superficie vexetal por habitante, aínda que 15 m2 considérese aceptábel (o mínimo son 9 m2). Segundo o EDUSI 2020 de Vilagarcía, o concello conta con 270.745 m2 de espazos libres e zonas verdes (que inclúen parques, xardíns, áreas recreativas, espazo libre e un parque forestal), co que no mellor dos casos só conta con 7,2 metros cadrados por habitante, unha cifra escandalosamente baixa. É por iso que Greenpeace reta ao concello a que pase do gris ao verde, xa que agora mesmo está lonxe de conseguilo.

O papel das cidades é fundamental para frear os efectos da emerxencia climática. Actualmente os núcleos urbanos son responsábeis do 70% das emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial, amais de consumir dúas terzas partes da enerxía e recursos do planeta. É por iso que resulta esencial reformular o modelo de cidade existente, transformándoo nun modelo no que prime a mobilidade sostíbel, as zonas peonís e verdes”, concluiu Mariló Ramos.

Greenpeace tamén pide en Vilagarcía de Arousa que:

  • Amplíen as zonas públicas verdes existentes e cren novas infraestruturas verdes en todos os barrios seguindo os principios de planificación urbana sostíbel e de accesibilidade e equidade para facer fronte á crise climática e de biodiversidade e impulsar a cohesión comunitaria. Isto inclúe a conversión ou renaturalización, con especies autóctonas, de espazos verdes urbanos e a integración de sistemas de produción de alimentos básicos.
  • Deteñan os plans de urbanización e desenvolvemento nas zonas urbanas e os seus arredores que ameacen a protección e conservación dos espazos verdes públicos e os ecosistemas naturais locais como os bosques, os humidais e as montañas.
  • Promovan a conexión social e a inclusión entre as comunidades introducindo políticas sobre os bens públicos, como os espazos verdes públicos, que se baseen nos últimos avances científicos e na promoción do benestar das persoas en lugar de centrarse unicamente na eficiencia ou a rendibilidade.

Comparte!