Vasiños de torta de lima
Receita de outono
Chega o outono, comeza a asomar a patiña o frío e, vendo as follas amarelar, apetécenos… un doce! Non si? E se é local, ecolóxico e de tempada, mellor que mellor. Pois ninguén mellor para nos dar ideas ca Alma Obregón, que nos trae unha espectacular torta de lima en vasiños que ademais podes adaptar para facérela tamén de tempada noutras épocas. Porque un doce sempre presta :).
Ingredientes
Para a base
- 60 g de manteiga fría en cubos
- 60 g de azucre de cana integral
- 60 g de fariña
- 60 g de aaméndoas moídas
Para a crema de lima
- 4 xemas
- 100 ml zume de lima
- Rela de dúas limas
- 110 g de azucre
- 66 g de manteiga a temperatura ambiente
Para o merengue
- 2 claras
- 120 g de azucre
- 30 ml de auga
- 1/2 cullerada de glicosa
Elaboración
Para a base
→ Integramos todos os ingredientes cunha picadora ou robot de cociña ata que teña a consistencia dunhas “migas”. Estendemos sobre unha bandexa de forno e enfornamos a 180º ata que estea dourado. Deixamos arrefriar por completo e repartimos nos vasiños.
Para a crema de lima
→ En primeiro lugar, batemos as xemas enerxicamente co azucre. Incorporamos o zume de lima e batemos de novo ata ter unha mestura homoxénea. Quentamos a mestura ata que empece a espesar un pouco. Unha vez engorde, retiramos do lume e engadimos a manteiga. Remexemos ata que se incorpore por completo. Repartimos nos vasiños e deixamos arrefriar por completo.
Para o merengue
→ Mesturamos o azucre coa auga e a glicosa nun cazo e poñémolo a quentar ata que a temperatura do termómetro de azucre acade os 118ºC. Namentres, montamos as claras a punto de neve. Cando o almibre acade a temperatura indicada, botámolo sobre as claras moi pouco a pouco, sen deixar de bater, coma se fose un fío (con coidado de que non caia o almibre nas varas do batedor). Seguimos a bater ata que o merengue estea brillante. Decoramos os vasiños co merengue e torramos cun soprete.