Por que comer de tempada?

É importante favorecer o consumo das froitas e verduras locais e de tempada polo seu sabor, pero tamén para reducirmos o noso impacto sobre o medio ambiente. Ademais, se son de produción ecolóxica, aínda mellor. Porén, non sempre é doado orientarse nin imaxinar receitas. Por iso, elaboramos unha guía práctica moi completa especialmente para ti.

Mans con froita
© Caner Ozkan / Greenpeace

4 razóns para consumir froitas e verduras locais e de tempada en troques de produtos importados:

Mans con cereixas
© Peter Caton / Greenpeace

1. Consumir alimentos de tempada significa aproveitar todos os beneficios nutricionais

Os alimentos de cada estación responden a unha necesidade do corpo humano. No inverno, co frío e a falla de sol, o noso corpo reclama máis nutrimentos e vitamina C. Tanto mellor, porque é a tempada das verduras ricas en minerais (allos porros, coles, espinacas) e dos cítricos cheos de vitamina C (laranxas, mandarinas, caquis, etc). No verán, coa calor, o noso corpo gasta menos calorías, pero require máis auga. Todas as froitas e verduras da tempada están repletas dela: melóns, tomates, cabaciñas, sandías, etc.!

Outra vantaxe das froitas e verduras de tempada é a meirande probabilidade de que madurecesen ao sol e estean recollidas no seu punto óptimo de maduración e, por tanto, que sexan máis sabedeiras cás froitas e verduras que madurecen durante o transporte ou que están producidas en invernadoiros. Poderás gozar do seu sabor, das súas vitaminas e de todos os seus beneficios.

Agricultora con cesta
© Tomas Halasz / Greenpeace

2. Consumir alimentos de tempada é favorecer a produción local

Consume de tempada para favoreceres a produción local e para teres un menor impacto no planeta. Para saberes que froitas e verduras son as de tempada e de produción local, debes reparar nestas tres cousas:

  1. No supermercado, repara na orixe e a estacionalidade das froitas e verduras. Cantas máis froitas e verduras merques producidas de maneira ecolóxica, local e de tempada, máis limitarás a pegada de carbono, é dicir, máis contribuirás á redución das emisións e menos probábel será que procedan de grandes invernadoiros (unha desfeita ecolóxica1).
  2. Merca en tendas ecolóxicas e/ou supermercados cooperativos. Preocupados polo medio ambiente, adoitan ofrecer alimentos frescos e locais e, claro está, de produción ecolóxica.
  3. Acude a mercados de produtores e grupos de consumo. Pódeste asociar ao grupo de consumo máis próximo á túa casa e obter as túas froitas e verduras directamente das persoas produtoras; así evitas os grandes sistemas de distribución e axudas a romper o seu dominio dos mercados. En ámbolos dous casos, mercas directamente das persoas produtoras, axudando a que obteñan un prezo xusto pola súa colleita e reducindo os refugallos (normalmente estes produtos adoitan venderse a granel ou con pouca embalaxe). Ás veces ata pode saírche máis barato cando os podes recoller na súa finca.

1) Os invernadoiros industriais non respectan os ciclos da natureza e, polo tanto, para manter os seus altos niveis de produción, poden facer un grande uso de enerxía -para manter a temperatura desexada, por exemplo- e de insumos coma fertilizantes e praguicidas, así como de auga. A súa grande implantación xera unha gran presión sobre os acuíferos, non só pola gran demanda de auga, mesmo en zonas onde ás veces escasea, senón tamén por todos os contaminantes que chegan aos acuíferos. Ademais, como moitos están feitos de plástico e utilizan moitos insumos deste material, son grandes xeradores de refugos de plástico. A súa concentración tamén xera un importante impacto na paisaxe.

Mazás
© Richard Lutzbauer / Greenpeace

3. Consumir alimentos locais e de tempada é protexer o medio ambiente

As froitas ou verduras fóra de tempada e importadas adoitan transportarse en avión ou en barco (produtos conxelados ou latas de conserva) e logo en camión, en condicións que permitan a súa conservación (refrixeración, ar acondicionado). Estes tres medios de transporte son moi contaminantes para o planeta. Ademais, para evitar que as froitas madurezan rápido de máis durante o transporte ou que se estraguen, recóbrense con produtos químicos que permiten a súa conservación. A isto hai que lle sumar o uso de praguicidas na agricultura industrial, produtos que destrúen a biodiversidade -matan mesmo as abellas e outros polinizadores (esenciais para a biodiversidade e a seguridade alimentaria)-, contaminan a auga e adoitan estar (sobre)envasados para os protexer durante o transporte. Os produtos fóra de tempada, aínda que se produzan en España, adoitan proceder de cultivos industriais que usan praguicidas e calefacción para garantir as producións.

Comer produtos locais e de tempada axuda tamén a reducir o gasto de insumos -combustíbeis, fertilizantes, praguicidas, auga, etc.- nos nosos campos; ademais, as froitas e verduras locais pódense mercar sen envase ningún, directamente do agricultor ou pasando por moi poucos intermediarios. Menos envases significa menos refugos.

Agricultora con caixas de froita
© Mitja Kobal / Greenpeace

4. Consumir alimentos ecolóxicos, de tempada e locais é reducir o desproveito alimentario

O desproveito alimentario é unha das consecuencias graves do noso complexo sistema alimentario. Por exemplo, durante a recollida e selección de froitas e verduras en produción industrial para a súa posta á venda, desbótase parte do produto por ter un aspecto considerado non atraente, aínda que teña os mesmos valores nutricionais. Ademais, durante o transporte (en especial cando percorren longos traxectos), parte das froitas e verduras estráganse e teñen que desbotarse tamén. Por este motivo, se consumes verduras e froitas de produción local e de tempada ou directamente do agricultor, reduces o desproveito alimentario.

Para seguires a minimizar o desproveito alimentario, podes consumir verduras e froitas ecolóxicas, que non conteñen praguicidas nin fertilizantes sintéticos e que che permiten poder aproveitar todas as súas partes, incluídas, por exemplo, a tona das mazás e das cenorias ou as follas da coliflor e do brócoli, que teñen tantas vitaminas e minerais coma as partes usualmente consumidas, xa sexa en cru ou cociñadas. Ademais, dado que os produtos ecolóxicos adoitan ser un pouco máis caros cós convencionais, é máis importante a planificación e o bo aproveitamento de todas as súas partes.