Por que comer de tempada?
É importante favorecer o consumo das froitas e verduras locais e de tempada polo seu sabor, pero tamén para reducirmos o noso impacto sobre o medio ambiente. Ademais, se son de produción ecolóxica, aínda mellor. Porén, non sempre é doado orientarse nin imaxinar receitas. Por iso, elaboramos unha guía práctica moi completa especialmente para ti.

4 razóns para consumir froitas e verduras locais e de tempada en troques de produtos importados:

1. Consumir alimentos de tempada significa aproveitar todos os beneficios nutricionais
Os alimentos de cada estación responden a unha necesidade do corpo humano. No inverno, co frío e a falla de sol, o noso corpo reclama máis nutrimentos e vitamina C. Tanto mellor, porque é a tempada das verduras ricas en minerais (allos porros, coles, espinacas) e dos cítricos cheos de vitamina C (laranxas, mandarinas, caquis, etc). No verán, coa calor, o noso corpo gasta menos calorías, pero require máis auga. Todas as froitas e verduras da tempada están repletas dela: melóns, tomates, cabaciñas, sandías, etc.!
Outra vantaxe das froitas e verduras de tempada é a meirande probabilidade de que madurecesen ao sol e estean recollidas no seu punto óptimo de maduración e, por tanto, que sexan máis sabedeiras cás froitas e verduras que madurecen durante o transporte ou que están producidas en invernadoiros. Poderás gozar do seu sabor, das súas vitaminas e de todos os seus beneficios.

2. Consumir alimentos de tempada é favorecer a produción local
Consume de tempada para favoreceres a produción local e para teres un menor impacto no planeta. Para saberes que froitas e verduras son as de tempada e de produción local, debes reparar nestas tres cousas:
- No supermercado, repara na orixe e a estacionalidade das froitas e verduras. Cantas máis froitas e verduras merques producidas de maneira ecolóxica, local e de tempada, máis limitarás a pegada de carbono, é dicir, máis contribuirás á redución das emisións e menos probábel será que procedan de grandes invernadoiros (unha desfeita ecolóxica1).
- Merca en tendas ecolóxicas e/ou supermercados cooperativos. Preocupados polo medio ambiente, adoitan ofrecer alimentos frescos e locais e, claro está, de produción ecolóxica.
- Acude a mercados de produtores e grupos de consumo. Pódeste asociar ao grupo de consumo máis próximo á túa casa e obter as túas froitas e verduras directamente das persoas produtoras; así evitas os grandes sistemas de distribución e axudas a romper o seu dominio dos mercados. En ámbolos dous casos, mercas directamente das persoas produtoras, axudando a que obteñan un prezo xusto pola súa colleita e reducindo os refugallos (normalmente estes produtos adoitan venderse a granel ou con pouca embalaxe). Ás veces ata pode saírche máis barato cando os podes recoller na súa finca.

3. Consumir alimentos locais e de tempada é protexer o medio ambiente
As froitas ou verduras fóra de tempada e importadas adoitan transportarse en avión ou en barco (produtos conxelados ou latas de conserva) e logo en camión, en condicións que permitan a súa conservación (refrixeración, ar acondicionado). Estes tres medios de transporte son moi contaminantes para o planeta. Ademais, para evitar que as froitas madurezan rápido de máis durante o transporte ou que se estraguen, recóbrense con produtos químicos que permiten a súa conservación. A isto hai que lle sumar o uso de praguicidas na agricultura industrial, produtos que destrúen a biodiversidade -matan mesmo as abellas e outros polinizadores (esenciais para a biodiversidade e a seguridade alimentaria)-, contaminan a auga e adoitan estar (sobre)envasados para os protexer durante o transporte. Os produtos fóra de tempada, aínda que se produzan en España, adoitan proceder de cultivos industriais que usan praguicidas e calefacción para garantir as producións.
Comer produtos locais e de tempada axuda tamén a reducir o gasto de insumos -combustíbeis, fertilizantes, praguicidas, auga, etc.- nos nosos campos; ademais, as froitas e verduras locais pódense mercar sen envase ningún, directamente do agricultor ou pasando por moi poucos intermediarios. Menos envases significa menos refugos.

4. Consumir alimentos ecolóxicos, de tempada e locais é reducir o desproveito alimentario
O desproveito alimentario é unha das consecuencias graves do noso complexo sistema alimentario. Por exemplo, durante a recollida e selección de froitas e verduras en produción industrial para a súa posta á venda, desbótase parte do produto por ter un aspecto considerado non atraente, aínda que teña os mesmos valores nutricionais. Ademais, durante o transporte (en especial cando percorren longos traxectos), parte das froitas e verduras estráganse e teñen que desbotarse tamén. Por este motivo, se consumes verduras e froitas de produción local e de tempada ou directamente do agricultor, reduces o desproveito alimentario.
Para seguires a minimizar o desproveito alimentario, podes consumir verduras e froitas ecolóxicas, que non conteñen praguicidas nin fertilizantes sintéticos e que che permiten poder aproveitar todas as súas partes, incluídas, por exemplo, a tona das mazás e das cenorias ou as follas da coliflor e do brócoli, que teñen tantas vitaminas e minerais coma as partes usualmente consumidas, xa sexa en cru ou cociñadas. Ademais, dado que os produtos ecolóxicos adoitan ser un pouco máis caros cós convencionais, é máis importante a planificación e o bo aproveitamento de todas as súas partes.