Entrada de blog por Manoel Santos - 25-06-2020


Eleccións galegas 2020: o verde é máis que unha cor

O primeiro no que repara calquera persoa que viaxe dende os campos de Castela a este curruncho noroeste que é Galicia, é no abrupto salto cromático que vira de súpeto os chairegos e luminosos ocres nun vizoso verde de mil tons. Porén, por baixo dese manto esmeralda fica aínda un longo camiñar no eido das políticas públicas que deben velar polos equilibrios ecolóxicos desta terra atlántica, para que a verde Galicia mude de vez nunha Galicia verde.

O vindeiro 12 de xullo as galegas e os galegos estamos citados nas urnas para decidirmos quen vai guiar o noso futuro até 2024. Nun contexto marcado pola dolorosa pandemia da COVID-19, o goberno que emane destas eleccións ten a obriga de abordar con moita máis decisión e de xeito transversal a crise ecolóxica e a crecente desigualdade social. Xa que logo, chegou a hora de votar pola nosa saúde e a do planeta.

Dende Greenpeace levamos moito tempo tendo interlocución cos axentes sociais e políticos de Galicia. Froito desas aprendizaxes elaboramos un documento de medidas para a vindeira lexislatura que poñan a vida e as persoas no centro. Estruturadas en tres grandes eixes, esta batería de demandas chaman a atención sobre a emerxencia climática e a necesidade de reducirmos máis e máis axiña as emisións, sobre a urxencia de situar a preservación dos nosos ecosistemas na base de calquera desenvolvemento social e sobre a perentoria obriga de mudarmos os nosos xeitos de producir e consumir para deixarmos unha Galicia e un planeta vivíbeis para o futuro. As necesidades e as urxencias non son menores:

O futuro en Galicia é renovábel

Temos unha dependencia colosal dos combustíbeis fósiles, absolutamente incompatíbel con calquera medida que trate de evitar a suba de 1.5º C na temperatura global de aquí en dez anos, como urxe a comunidade científica internacional. Todo o que non pase por aumentar a ambición en termos de redución de emisións nunha futura lei galega de cambio climático, pechar definitivamente –cunha transición xusta– as centrais de carbón e irmos axiña cara a un sistema enerxético 100% renovábel e en mans da xente, supón camiñar directamente polo bordo dun precipicio de caída impredicíbel.

A biodiversidade como táboa de salvación

A crise da COVID-19 amosounos de xeito dramático que protexer a vida pasa por protexer os ecosistemas. Galicia é a Comunidade Autónoma con menos superficie protexida do Estado e a pesares de ter a maior lonxitude de costa a nivel peninsular, en máis do 40% do litoral non existe ningunha figura de protección da natureza. Ampliar a rede de espazos naturais protexidos, dotándoos de ferramentas de xestión, mais tamén recoñecer o valor ecosistémico das áreas emprazadas fóra deses espazos protexidos debe ser a base da Galicia verde coa que soñamos.

A Galicia rural como solución

Nun territorio tan antropizado e disperso como o galego, con máis da metade dos núcleos de poboación do Estado, o rural ten que ser a cerna desa mudanza no xeito de vivir, de producir e consumir, que precisamos. Fomentar a soberanía alimentaria baseada na agroecoloxía, apostar de vez pola pesca artesanal, mudar a xestión forestal e abandonar o modelo de gandería industrial, así como garantir o dereito a contar cuns servizos acaídos, deberan ser medidas estratéxicas para os sucesivos gobernos da Xunta.  

Reinventar as nosas vilas e cidades

As nosas áreas urbanas asumen cada día máis porcentaxe de poboación, pero externalizan a maioría dos custes ambientais que isto supón, impactando de cheo en todo o territorio. Apostar dende o local por modelos de produción e consumo sustentábeis, mudar de raíz o modelo de separación e tratamento de residuos e avantar nunha lei galega de mobilidade sostíbel que priorice o transporte público e compartido e os modos non motorizados, poñendo o bo vivir das persoas por diante dos motores de explosión particulares, son absolutas prioridades.

Unha fiscalidade xusta e verde

Non podemos esquecer que a xustiza ambiental e a xustiza social deben ir da man. Cómpre pór en marcha unha reforma fiscal que incentive a transición ecolóxica e reduza as desigualdades sociais, garantindo por lei o dereito ao acceso ás subministracións básicas de tódalas persoas.

Galicia non foi un modelo de sustentabilidade nas últimas décadas. Os nosos gobernos case sempre priorizaron os intereses económicos a curto prazo sobre o coidado da terra, provocando unha alarmante degradación ambiental en toda a comunidade, contribuíndo a facer medrar a crise ecolóxica global e hipotecando o futuro das xeracións vindeiras. 

En Greenpeace cremos que os esforzos para parar a crise ecolóxica non se poden levar a cabo sen mudanzas radicais no noso modelo de sociedade e sen poñer en cuestión o crecemento económico e as estruturas de produción e de propiedade existentes. Con todo, seguimos a ter o futuro nas nosas mans. Emporiso pedímosche que o vindeiro 12 de xullo votes pensando no planeta, na terra, na saúde. Por unha Galicia verde.

Versión en castelán aquí.

Manoel Santos - autor del blog.
Manoel Santos
Zoólogo y máster en Gestión y Conservación de la naturaleza. Coordinador de Movilización de Greenpeace en Galicia.
8 posts

¡ Comparte !


Comentarios

10 comentarios
Bruno Míguez 30/06/2020

Forza💪💪💪

Responder
Greenpeace España 01/07/2020

:)

Milagrosa 30/06/2020

Estoy súper de acuerdo con la recomendación, pero me pregunto que dónde está el partido verde de Galicia para poderlo votar? 💁🏻‍♀️

Responder
Alex 30/06/2020

Parabéns e moitas grazas polo iniciativa e o traballo Manoel.
Forza!!

Responder
Greenpeace España 01/07/2020

Grazas!

Xacobe 30/06/2020

Iso todo levao o bloque no seu programa.

Responder
geronimo Duran Costas 30/06/2020

Hola buenas, decir que partido se compromete con esto,y yo le doy mi voto,pero si no lo poneis no lo sabemos

Responder
Greenpeace España 02/07/2020

Buenos días y mil gracias por tu interés.

En Greenpeace trabajamos para tratar que a todos los niveles, también el político, se generen cambios hacia una sociedad y un planeta más sostenibles. Podemos hacer recomendaciones a las fuerzas políticas en este sentido, pero depende de ellas el introducirlas en sus líneas de trabajo o en las instituciones. Somos una organización políticamente independiente, por lo que no podemos ni debemos recomendar el voto hacia ningún partido en concreto.

Sí apelamos a que la ciudadanía tenga en cuenta nuestro planeta a la hora de votar, comprobando cuáles son las propuestas de los partidos en este sentido.

Un saludo grande.

Daniel rico 01/07/2020

Animo manoel todos xuntos podemos grazas a todos

Responder
Greenpeace España 01/07/2020

Animo!

¡ Comparte !