Un cento de persoas convocadas polo Concello de Ribeira e Greenpeace limpan pellets na zona cero afectada polo contedor do Toconao
- As persoas voluntarias actuaron nas praias de Balieiros e As Barreiras, no cabo Corrubedo (A Coruña), o lugar onde chegaron os primeiros sacos de pellets plásticos o 13 de decembro
- O longo areal forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Complexo Húmido de Corrubedo, que con 9.263 de hábitats prioritarios e de interese comunitario integra a rede Natura galega
- Greenpeace insiste en reclamar coordinación entre as administracións e moita máis axilidade á hora de abordar a chegada de plásticos, que se non se retiran volven a diseminar as mareas
Millóns de granulados plásticos de menos de cinco milímetros (pellets) levan semanas chegando á costa galega e xa alcanzaron á costa cantábrica. O primeiro lugar onde se detectaron foi na costa do cabo Corrubedo, onde un veciño e hostaleiro do pobo, Rodrigo Fresco, sacou decenas de sacos do litoral e advertiu ao 112 con pouco éxito. A Xunta de Galicia non activou o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) até a primeira semana de xaneiro, cando xa decenas de voluntarios e voluntarias saíron a limpar de pellets a costa de forma autoorganizada.
Pero a crise non rematou, polo que un cento de persoas, coordinadas polo concello de Ribeira e en colaboración con Greenpeace, saíron este sábado á que xa se considera a zona cero da crise dos pellets para recoller parte dos millóns de microplásticos que seguen saíndo ás praias. Por indicacións do concello concentráronse nas praias de Balieiros e As Barreiras, onde dende o pasado xoves detectáronse grandes cantidades. A zona, caracterizada por un longo areal en mar aberto, está apoiada por un sensíbel cordón dunar e forma parte da rede Natura 2000 de Galicia, a máis exigua do estado cun escaso 12% da superficie da comunidade.
IMAXES DISPOÑÍBEIS PARA MEDIOS AQUÍ
O voluntariado distribuiuse en grupos para peitear todas as zonas da praia, as marxes do cordón dunar e revisou a costa rochosa achegada para detectar a posíbel chegada de sacos e no seu caso avisar ás autoridades. Os traballos, realizados cunha meteoroloxía adversa, resultaron moi complicados pola enorme dispersión da marea branca.
A chegada de millóns de gránulos plásticos á costa galega está a xerar un drama ambiental de considerábeis proporcións e puxo de relevo a escasa efectividade dos plans anticontaminación cando se trata de dar unha resposta rápida. A descoordinación entre as administracións requiriu de novo, como xa aconteceu na crise do Prestige, que a sociedade civil organizada saíse a limpar a costa sen as necesarias instrucións e protocolos de seguridade e limpeza, que a Xunta de Galicia non fixo públicos até o 10 de xaneiro na páxina web do Camgal.
Diante desta nova crise nas nosas costas, Greenpeace considera fundamentais as seguintes demandas:
- A colaboración entre as administracións a todos os niveis ten que ser a prioridade, así como a aplicación dos protocolos anticontaminación, que non pode depender en exclusiva dunha decisión política. Debe formarse un comité técnico-científico que en base aos datos tome as mellores decisións para evitar magnificar estes desastres ambientais.
- Coordinación por parte dos Concellos das recollidas. A xenerosidade das persoas voluntarias que están a realizar labores de limpeza ten que estar coordinada polas administracións locais para asegurar que contan cos medios necesarios e adecuados e que os refugallos se dispoñen adecuadamente.
- Maior transparencia e información para coñecer tanto a composición como a toxicidade e perigo dos pellets. Greenpeace recolleu mostras e que serán analizadas pola súa Unidade Científica en Exeter (Reino Unido).
- Apoiar de forma clara o Tratado Global de Plásticos, unha oportunidade única para resolver o problema da produción e uso descontrolado dos plásticos e resolver o problema de contaminación que orixinan. Grazas ao Tratado debe conseguirse unha redución da produción de plástico en, cando menos, un 75% para 2040. Se a industria se sae coa súa, a produción de plástico podería duplicarse nos vindeiros 10 a 15 anos e triplicarse para 2050.
- Depurar as responsabilidades deste delito ambiental. A empresa armadora propietaria do buque portacontedores Toconao debe, como mínimo, facerse cargo dos custos de limpeza e restauración.