Galicia, unha comunidade chave para abordar os incendios forestais na España baleirada
Galicia volve arder e en Greenpeace non podemos evitar lembrarnos das vagas incendiarias de 2012 e 2017. Seguimos sen entender a ausencia de plans de prevención, especialmente flagrante para zonas protexidas do macizo central de Ourense (a provincia con máis incendios do territorio, 14.653 entre 2005 e 2016) e do Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés, que se queiman un ano si e outro tamén. Algúns concellos chegaron a arder até 700 veces!
No entanto, Galicia podería xogar un papel chave na prevención dos lumes forestais en todo o territorio, sobre todo naqueles lugares afectados polo despoboamento e o abandono rural. Contámosche por que.
Galicia é unha das rexións máis afectadas polos lumes forestais
Galicia pertence á Rexión Noroeste, xunto ás comunidades de Asturias, Cantabria e País Vasco, así como as provincias de León e Zamora. Segundo estatísticas oficiais, no decenio 2006-2015, esta zona concentrou o 54% do total dos sinistros de España. O 29,22% producíronse só en Galicia. Emporiso, calquera medida eficaz que se tome para previr os incendios nesta comunidade terá un grande impacto e podería ser escalábel, tendo en conta a realidade das distintas rexións nas que se divide o territorio español.
En Galicia hai unha cultura arraigada no uso do lume
Na Rexión Noroeste, o 76,83% dos incendios son intencionados. Xa o explicamos neste post: os incendios intencionados meirande parte dos casos teñen que ver co “beneficio do uso do lume” que, lonxe de ser vandalismo ou piromanía, trátase dun uso cultural do lume para a xestión dos ecosistemas (queimas agrícolas e queimas para ampliar pasteiros) que non deben realizarse nun contexto de emerxencia climática. Neste punto, é importante non confundir o risco de ignición (causa de orixe) co de risco de propagación (causas que facilitan a propagación), como explicamos a continuación.
O cambio climático ten relación cos peores incendios en Galicia
A emerxencia climática aumenta e agrava as vagas de calor e as secas e, xa que logo, agrava a virulencia de incendios forestais. O caso de Galicia é un claro exemplo diso. Os dous peores anos de lumes nesta comunidade, 2012 e 2017, coinciden con fortes e/ou frecuentes episodios de vagas de calor. Por exemplo, en outubro de 2017, en Galicia producíronse 264 incendios forestais nunha soa fin de semana: arderon 49.000 hectáreas.
A evolución da seca é clara: o sur de Galicia e Asturias evidencian que case o 75% do territorio mudou en extremadamente seco e propicio a grandes incendios forestais (máis de 500 hectáreas).
Os datos falan por si sós. Debemos preparar os nosos bosques (os de Galicia e os de todo o territorio) diante da ameaza do cambio climático.
Galicia ten máis superficie forestal cada ano. E non, iso non é sempre bo
A pesares dos moitos incendios forestais e da superficie queimada, Galicia incrementou a súa superficie forestal nos últimos 40 anos. En 1966, Galicia tiña 974.000 hectáreas arborizadas e en 2009, 1.416.000 hectáreas, un 45% máis, segundo o Inventario Forestal Nacional.
Este continuo medrar concéntrase nas provincias de Lugo e Ourense. Por que? A explicación hai que procurala nun desenvolvemento económico asociado ao abandono das actividades agrarias e a procesos de revexetación espontánea e de reforestación, no caso de Ourense piñeiros na súa meirande parte. Isto provocou a desaparición do sistema agrario tradicional, da paisaxe en mosaico e do uso do monte, de xeito que agora hai máis masas continuas de combustíbel.
Por outra banda, ao estar o sur de Galicia na zona de transición do clima eurosiberiano (ou Atlántico) e mediterráneo, xérase moita biomasa nos meses húmidos que, despois no verán, con temperaturas altísimas, é unha polvoreira.
O resultado son masas forestais que, lonxe de ser o que entendemos como bosque, son máis vulnerábeis e que, asemade, teñen escasa xestión. O 88,6% da superficie forestal NON ten plans de ordenación segundo datos oficiais.
A Galicia rural perde poboación
O 34,14% dos municipios galegos perderon poboación entre 2000 e 2018 segundo o INE. Galicia conserva un 26% de poboación rural, pero esta atópase moi avellentada. O resultado: o abandono rural.
As zonas queimadas nos últimos anos coinciden cos territorios que máis se despoboaron, co consecuente abandono agrario e forestal. Este abandono de terras é máis notorio nas comarcas centrais e do suroeste, onde a súa superficie, que era practicamente agrícola, reduciuse en máis de 52.000 hectáreas entre 1990 e 2018. Pola súa banda, a superficie forestal medrou en máis de 44.000 hectáreas.
Por iso desde Greenpeace apostamos polo fortalecemento do medio rural para facer fronte aos peores impactos da emerxencia climática, como o aumento da intensidade e virulencia dos incendios forestais.
Demandas específicas de Greenpeace para Galicia
Os lumes son un problema social e ambiental complexo que require solucións que abranguen distintas direccións. Galicia é unha das comunidades autónomas que debe priorizar este problema. Estas son as demandas que desde Greenpeace facemos á administración:
- Establecer unha política de prevención de incendios forestais que prepare os montes no contexto do cambio climático.
- Xestión forestal preventiva.
- Campañas de extinción de incendios que non estean ligadas á época estival, evitando parches de última hora de inicios anticipados por primavera seca ou ampliacións por outonos calorosos.
- Estabilidade laboral no sector forestal evitando que as contratacións se centren só nos meses de maior risco de incendio.
- Crear campañas de sensibilización e de participación cidadá.
- Sobre comportamento cidadán fronte ao lume.
- Sobre alternativas ao uso cultural do lume.
- Cumprimento da normativa, plans preventivos, de emerxencia local e de plans de autoprotección das vivendas e urbanizacións. No informe “Protexe o bosque, protexe a túa casa” alertamos da planificación tan deficitaria de Galicia.
- Establecer un plan de ordenamento territorial (plans urbanísticos) no monte que teña en conta o risco de incendio forestal.
- Mellorar a capacidade e os medios dos equipos de investigación dos incendios que permitan levar diante da xustiza aos responsábeis.
- Promover prácticas rurais sustentábeis que recuperen a paisaxe en mosaico tradicional. Fomento da gandería extensiva, pastoreo, cultivos, etc., procurando a fragmentación do territorio como medida de xestión forestal para a redución do combustíbel.
- Promover unha política forestal que diversifique a produción de produtos do monte, que combine actividades e especies forestais que sexan quen de xerar paisaxes máis resilientes ao lume, mellore a biodiversidade e evite a eucalipitización do territorio.
- Demandas post-incendio:
- Realizar medidas urxentes de control das cinzas e escorras para evitar procesos erosivos e de contaminación de cursos de auga.
- Realizar plans de recuperación das zonas queimadas.
- Establecer axudas ás vítimas das zonas incendiadas para reparar os danos en infraestruturas.
E isto o que pedimos á poboación:
- Extremar as precaucións, non acender lume no monte sen autorización e menos en época estival.
- Colaborar para identificar as persoas responsábeis dos incendios, evitando a sensación de impunidade.
- Asumir o risco de incendio no medio rural, elaborando plans de autoprotección nas súas vivendas e urbanizacións.
Sempre houbo incendios forestais. E vai seguir habéndoos. Porén, estes evolucionaron nun contexto de cambio climático e de continuidade de combustíbel, de xeito que é vital que se xestione o monte con esta nova realidade. Os equipos de extinción, a quen desde Greenpeace queremos mandar unha mensaxe de apoio, son cada vez máis eficaces, pero isto non é a solución. Debemos abordar os lumes dunha forma efectiva para minimizar o seu impacto, así como enfrontar a ameaza do cambio climático coa urxencia e contundencia que necesita. Canto menos tempo perdamos, mellor para a poboación e para os nosos bosques.
*Malia que o termo “España baleirada” popularizouse e quere reflectir unha situación con diferentes arestas, dende Greenpeace queremos matizar que, con el, referímonos ao conxunto de factores que desde a industrialización do territorio provocou o abandono paulatino da xestión sustentábel do territorio. Non debe ser un termo finalista porque existe un país sostíbel, de baixa densidade de poboación, pero moi afastado do baleiro que sinala o termo. Necesitamos uns pobos, campos e montes dignos e con futuro para loitar contra a emerxencia climática e a crise de biodiversidade.
Comentarios