Entrada de blog por Mónica Parrilla - 16-09-2020


Galicia, unha comunidade chave para abordar os incendios forestais na España baleirada

Galicia volve arder e en Greenpeace non podemos evitar lembrarnos das vagas incendiarias de 2012 e 2017. Seguimos sen entender a ausencia de plans de prevención, especialmente flagrante para zonas protexidas do macizo central de Ourense (a provincia con máis incendios do territorio, 14.653 entre 2005 e 2016) e do Parque Natural da Baixa Limia e Serra do  Xurés, que se queiman un ano si e outro tamén. Algúns concellos chegaron a arder até 700 veces!

No entanto, Galicia podería xogar un papel chave na prevención dos lumes forestais en todo o territorio, sobre todo naqueles lugares afectados polo despoboamento e o abandono rural. Contámosche por que.

Galicia é unha das rexións máis afectadas polos lumes forestais

Galicia pertence á Rexión Noroeste, xunto ás comunidades de Asturias, Cantabria e País Vasco, así como as provincias de León e Zamora. Segundo estatísticas oficiais, no decenio 2006-2015, esta zona concentrou o 54% do total dos sinistros de España. O 29,22% producíronse só en Galicia. Emporiso, calquera medida eficaz que se tome para previr os incendios nesta comunidade terá un grande impacto e podería ser escalábel, tendo en conta a realidade das distintas rexións nas que se divide o territorio español.

En Galicia hai unha cultura arraigada no uso do lume

Na Rexión Noroeste, o 76,83% dos incendios son intencionados. Xa o explicamos neste post: os incendios intencionados meirande parte dos casos teñen que ver co “beneficio do uso do lume” que, lonxe de ser vandalismo ou  piromanía, trátase dun uso cultural do lume para a xestión dos ecosistemas (queimas agrícolas e queimas para ampliar pasteiros) que non deben realizarse nun contexto de emerxencia climática. Neste punto, é importante non confundir o risco de  ignición (causa de orixe) co de risco de propagación (causas que facilitan a propagación), como explicamos a continuación.

O cambio climático ten relación cos peores incendios en Galicia

A emerxencia climática aumenta e agrava as vagas de calor e as secas e, xa que logo, agrava a virulencia de incendios forestais. O caso de Galicia é un claro exemplo diso. Os dous peores anos de lumes nesta comunidade, 2012 e 2017, coinciden con fortes e/ou frecuentes episodios de vagas de calor. Por exemplo, en outubro de 2017, en Galicia producíronse 264 incendios forestais nunha soa fin de semana: arderon 49.000 hectáreas.

A evolución da seca é clara: o sur de Galicia e Asturias evidencian que case o 75% do territorio mudou en extremadamente seco e propicio a grandes incendios forestais (máis de 500 hectáreas).

Evolución del índice estandarizado de Precipitación-Evapotranspiración 1980, 2000, 2019.

Evolución do índice estandarizado de Precipitación-Evapotranspiración 1980, 2000, 2019. Elaboración: MEDIXXI para Greenpeace.

Os datos falan por si sós. Debemos preparar os nosos bosques (os de Galicia e os de todo o territorio) diante da ameaza do cambio climático.

Galicia ten máis superficie forestal cada ano. E non, iso non é sempre bo

A pesares dos moitos incendios forestais e da superficie queimada, Galicia incrementou a súa superficie forestal nos últimos 40 anos. En 1966, Galicia tiña 974.000 hectáreas arborizadas e en 2009, 1.416.000 hectáreas, un 45% máis, segundo o Inventario Forestal Nacional.

Este continuo medrar concéntrase nas provincias de Lugo e Ourense. Por que? A explicación hai que procurala nun desenvolvemento económico asociado ao abandono das actividades agrarias e a procesos de  revexetación espontánea e de reforestación, no caso de Ourense piñeiros na súa meirande parte. Isto provocou a desaparición do sistema agrario tradicional, da paisaxe en mosaico e do uso do monte, de xeito que agora hai máis masas continuas de combustíbel.

Por outra banda, ao estar o sur de Galicia na zona de transición do clima  eurosiberiano (ou Atlántico) e mediterráneo, xérase moita biomasa nos meses húmidos que, despois no verán, con temperaturas altísimas, é unha polvoreira.

Evolución da superficie agraria, forestal e de poboación de Galicia entre 1990 e 2018. Elaboración: MEDIXXI para Greenpeace.

O resultado son masas forestais que, lonxe de ser o que entendemos como bosque, son máis vulnerábeis e que, asemade, teñen escasa xestión. O 88,6% da superficie forestal NON ten plans de ordenación segundo datos oficiais.

A Galicia rural perde poboación

O 34,14% dos municipios galegos perderon poboación entre 2000 e 2018 segundo o INE. Galicia conserva un 26% de poboación rural, pero esta atópase moi avellentada. O resultado: o abandono rural.

As zonas queimadas nos últimos anos coinciden cos territorios que máis se despoboaron, co consecuente abandono agrario e forestal. Este abandono de terras é máis notorio nas comarcas centrais e do suroeste, onde a súa superficie, que era practicamente agrícola, reduciuse en máis de 52.000 hectáreas entre 1990 e 2018. Pola súa banda, a superficie forestal medrou en máis de 44.000 hectáreas.

Por iso desde Greenpeace apostamos polo fortalecemento do medio rural para facer fronte aos peores impactos da emerxencia climática, como o aumento da intensidade e virulencia dos incendios forestais.

Demandas específicas de Greenpeace para Galicia

Os lumes son un problema social e ambiental complexo que require solucións que abranguen distintas direccións. Galicia é unha das comunidades autónomas que debe priorizar este problema. Estas son as demandas que desde Greenpeace facemos á administración:

  1. Establecer unha política de prevención de incendios forestais que prepare os montes no contexto do cambio climático.
    1. Xestión forestal preventiva.
    2. Campañas de extinción de incendios que non estean ligadas á época estival, evitando parches de última hora de inicios anticipados por primavera seca ou ampliacións por outonos calorosos.
    3. Estabilidade laboral no sector forestal evitando que as contratacións se centren só nos meses de maior risco de incendio.
  2. Crear campañas de sensibilización e de participación cidadá.
    1. Sobre comportamento cidadán fronte ao lume.
    2. Sobre alternativas ao uso cultural do lume.
  3. Cumprimento da normativa, plans preventivos, de emerxencia local e de plans de  autoprotección das vivendas e urbanizacións. No informe “Protexe o bosque, protexe a túa casa” alertamos da planificación tan deficitaria de Galicia.
  4. Establecer un plan de ordenamento territorial (plans urbanísticos) no monte que teña en conta o risco de incendio forestal.
  5. Mellorar a capacidade e os medios dos equipos de investigación dos incendios que permitan levar diante da xustiza aos responsábeis.
  6. Promover prácticas rurais sustentábeis que recuperen a paisaxe en mosaico tradicional. Fomento da gandería extensiva, pastoreo, cultivos, etc., procurando a fragmentación do territorio como medida de xestión forestal para a redución do combustíbel. 
  7. Promover unha política forestal que diversifique a produción de produtos do monte, que combine actividades e especies forestais que sexan quen de xerar paisaxes máis resilientes ao lume, mellore a biodiversidade e evite a  eucalipitización do territorio. 
  8. Demandas post-incendio:
    1. Realizar medidas urxentes de control das cinzas e  escorras para evitar procesos  erosivos e de contaminación de cursos de auga.
    2. Realizar plans de recuperación das zonas queimadas.
    3. Establecer axudas ás vítimas das zonas incendiadas para reparar os danos en infraestruturas.

E isto o que pedimos á poboación:

  1. Extremar as precaucións, non acender lume no monte sen autorización e menos en época estival.
  2. Colaborar para identificar as persoas responsábeis dos incendios, evitando a sensación de impunidade.
  3. Asumir o risco de incendio no medio rural, elaborando plans de  autoprotección nas súas vivendas e urbanizacións.

Sempre houbo incendios forestais. E vai seguir habéndoos. Porén, estes evolucionaron nun contexto de cambio climático e de continuidade de combustíbel, de xeito que é vital que se xestione o monte con esta nova realidade. Os equipos de extinción, a quen desde Greenpeace queremos mandar unha mensaxe de apoio, son cada vez máis eficaces, pero isto non é a solución. Debemos abordar os lumes dunha forma efectiva para minimizar o seu impacto, así como enfrontar a ameaza do cambio climático coa urxencia e contundencia que necesita. Canto menos tempo perdamos, mellor para a poboación e para os nosos bosques.

*Malia que o termo “España baleirada” popularizouse e quere reflectir unha situación con diferentes arestas, dende Greenpeace queremos matizar que, con el, referímonos ao conxunto de factores que desde a industrialización do territorio provocou o abandono paulatino da xestión sustentábel do territorio. Non debe ser un termo finalista porque existe un país sostíbel, de baixa densidade de poboación, pero moi afastado do baleiro que sinala o termo. Necesitamos uns pobos, campos e montes dignos e con futuro para loitar contra a emerxencia climática e a crise de biodiversidade.

Mónica Parrilla - autor del blog.
Mónica Parrilla
Ingeniera Técnica Forestal por la Universidad de Valladolid. Máster en Gestión de Residuos (Instituto de Investigaciones Ecológicas). Diploma universitario como Experta en Igualdad por la UNED. Responsable de campañas del Área de Biodiversidad de Greenpeace España Twitter: @MonicaParrill
46 posts

¡ Comparte !


Comentarios

0 comentarios

¡ Comparte !