Testamento solidario polo planeta
A túa maneira de viaxar ao futuro
Podo deixar a miña herdanza ao planeta?
Un testamento solidario polo planeta é un xeito de seguires a coidar do planeta e dos seres que viven nel, mesmo cando xa no esteas. En poucas palabras, consiste en incluíres unha ou varias ONG no teu testamento, sexa deixando un ben concreto (legado), unha herdanza ou unha porcentaxe dela. É un xesto sinxelo cun grande impacto, que non prexudica en ningún caso a parte correspondente ás herdeiras e/ou herdeiros forzosos, se os houber.
5 razóns para facer un testamento solidario polo planeta
Contigo ao noso carón poderemos
Con 1.800 €
Proporcionamos aos nosos activistas un traxe de supervivencia no Ártico para resistiren o frío polar durante as accións.
Con 12.000 €
Mantemos durante un mes a unha tripulación de trinta persoas nun dos nosos barcos, a base de dieta sostíbel.
Con 35.000 €
Adquirimos unha lancha pneumática, elemento chave nas nosas accións e investigacións no mar.
Con 75.000 €
Dotamos de orzamento anual a nosa campaña de protección dos océanos e das especies que os habitan.
Que tipo de testamento solidario podo facer?
Existen diferentes maneiras de incluír a Greenpeace e facer un testamento solidario polo medio ambiente. Dependendo das túas circunstancias e o teu desexo, poderás facelo:
Como herdeira universal
Se non tes herdeiros ou herdeiras forzosas e queres deixar á organización beneficiaria todos os teus bens, dereitos e accións.
Como coherdeira
Se queres deixar os teus bens a varias persoas ou institucións, asignando a porcentaxe que desexes a cada unha das partes.
Deixar un legado
É dicir, un ben concreto como cartos ou propiedades, entre outros.
“Quero que este xesto sirva para que as xeracións futuras poidan gozar da Terra como eu o fixen.”
Preciso un gran patrimonio ou non ter herdeiros para facer un testamento solidario?
Non. Para incluíres a Greenpeace no teu testamento solidario non fai falla ter un gran patrimonio; recibimos cada achega como o meirande acto de xenerosidade. Ademais, podes incluír unha doazón ou legado sen prexudicar a parte correspondente das túas herdeiras ou herdeiros forzosos. Deste xeito, a través de protexer o planeta, tamén protexes os teus.
Facer un testamento ou reescribir o que xa tes non é complicado; máis ben é un procedemento sinxelo, rápido e económico. Se tes dúbidas ou precisas axuda, poñemos á túa disposición asesoramento xurídico gratuíto, sen compromiso e confidencial.
Datos fiscais:
Greenpeace EspañaCIF G-28947653
C/ Valores 1, 28007 Madrid
“Mamá, prométeme que farás todo o que sexa para salvar o planeta.”
Por que Greenpeace?
Porque te aseguras de seguir a protexer o planeta. Somos unha organización ecoloxista e pacifista que vela por deter o cambio climático, protexer a biodiversidade, promover a paz, previr a contaminación e o abuso dos océanos, as terras, o ar e a auga doce.
Porque sabes que somos independentes e non aceptamos fondos máis ca de persoas coma ti. Non recibimos cartos de gobernos nin empresas.
Porque seguirás a dar forza e voz a quen, coma ti, non calamos ante as desfeitas naturais dos gobernos ou corporacións sen escrúpulos que poñen o seu beneficio económico por diante da vida e da Terra.
Preguntas frecuentes
Cales son os pasos para facer un testamento solidario polo planeta?
- Asesórate con profesionais: toma o teu tempo para pensar e procurar toda a información que necesites. Lembra que estamos á túa disposición por se xorden dúbidas ou preguntas e que contamos con asesoramento xurídico gratuíto e sen compromiso.
- Acude á notaría para redactar o teu testamento. Lembra incluír estes datos:
Greenpeace España
CIF G-28947653
C/ Valores 1, 28007 Madrid - Comparte a túa decisión cos teus seres queridos e nós trataremos toda a información con absoluta confidencialidade. Podes escribirnos a justine.huppert@greenpeace.org ou chamarnos ao 900 535 025.
Que é unha herdanza e como se divide?
A herdanza é o conxunto de bens, dereitos e obrigas que polo falecemento dunha persoa se transmite aos sucesores e que, con carácter xeral, a lei divide en 3 partes (segundo cada Comunidade Autónoma):
- O terzo de lexítima: a parte da herdanza que non se pode dispor libremente, porque a lei a reserva para as herdeiras ou herdeiros forzosos.
- O terzo de mellora: a parte que conta con meirande dispoñibilidade á hora de se adxudicar, dado que debe repartirse tamén entre os descendentes, pero non necesariamente en porcentaxes iguais.
- O terzo de libre disposición: a parte sobre a que pode decidirse con absoluta liberdade a súa adxudicación, como a un familiar, un terceiro ou unha persoa xurídica.
Quen son as miñas herdeiras ou herdeiros forzosos?
Son os descendentes, parella ou proxenitores que, segundo a lei, teñen dereito a herdar a porción lexítima do patrimonio do finado, é dicir, a que o testador non pode dispor libremente.
Que é un legado?
É a asignación de bens concretos (inmóbeis, vehículos, obras de arte…) ou dereitos (prestacións, cobro de débedas, porcentaxe patrimonial…) a unha persoa física ou xurídica nun testamento. O legado atópase separado da herdanza e non é necesariamente obxecto de reparto entre as herdeiras ou herdeiros forzosos, polo que non prexudica a súa parte lexítima a recibir.
Por que é importante facer un testamento?
Facer un testamento é sempre a opción máis recomendábel, sinxela e accesíbel para expresar o destino do teu patrimonio e deixar a túa pegada no mundo. É un documento revogábel e confidencial que che permitirá:
- Planificar o futuro dos teus seres queridos e transmitir os teus valores.
- Garantir os teus desexos do xeito máis sinxelo e económico. Sen testamento, os trámites poden tardar máis dun ano e xerar altos custos.
- Evitar desacordos e conflitos entre as túas herdeiras e herdeiros.
- Incluír disposicións non patrimoniais, como a asignación de titores a descendentes menores de idade.
- Prolongar o teu apoio a unha persoa ou organización coa que compartes valores.
Que lle podería deixar a Greenpeace no meu testamento?
Non fai falla ter un gran patrimonio. Calquera legado, grande ou pequeno, marcará unha diferenza no planeta. Se tes herdeiras e herdeiros, non te preocupes: facer un testamento solidario non prexudica a súa parte correspondente, xa que podes deixar a Greenpeace aquilo que pertenza á porcentaxe de libre disposición da túa herdanza.
Podes incluír a Greenpeace de varias formas no teu testamento:
- Herdeira universal: se así o desexas e no caso de que non teñas ningunha herdeira ou herdeiro forzoso.
- Coherdeira: designando unha parte ou porcentaxe da túa herdanza.
- Destinando un legado específico.
Podo cambiar o meu testamento unha vez feito?
Si, podes modificalo cantas veces quixeres. Se decidiches incluír a Greenpeace só debes contactar coa túa notaría e facilitarlle os nosos datos:
Greenpeace EspañaCIF G-28947653
C/ Valores 1, 28007 Madrid
Podo facer un testamento de forma conxunta coa miña parella ou cónxuxe?
Non, facer un testamento conxunto non é legalmente posíbel, dado que é un acto de vontade individual.
Debo avisar a Greenpeace que incluín a ONG no meu testamento?
É sumamente importante que se nos inclúes no teu testamento nolo notifiques. Non só porque queremos coñecerte e agradecercho, así como manterte ao corrente do labor que iremos levando a cabo; tamén para axudarmos a velar por que todos os detalles sexan correctos e por que se cumpra a túa vontade.
Aínda que as notarías e testamenteiros teñen a obriga legal de notificar a todas as partes beneficiarias dunha herdanza, o máis conveniente é que, se decides facer un testamento solidario, nos informes disto. En moitas ocasións é preciso realizar un pedimento de apertura, pero se esta acción non se leva a cabo por descoñecemento, o patrimonio que decidiches doar pode pasar directamente ao Estado.
Pode a miña doazón manterse no anonimato?
Por suposto, respectaremos a túa privacidade e manteremos a máxima discreción e anonimato se así o desexas.
Poden os meus seres queridos asegurarse de que se cumpra a miña vontade sen necesidade de testamento?
É posíbel, pero non recomendábel. Se non deixas un testamento, os teus seres queridos deberán realizar unha “Declaración de herdeiros”, un procedemento pesado e custoso. Mentres que deixar a túa vontade por escrito leva pouco tempo e diñeiro.
Parte da miña doazón a Greenpeace iría a impostos?
Non, as ONG non están suxeitas ao Imposto de Sucesións e Doazóns, polo que a totalidade das herdanzas e legados solidarios se transforman completamente en acción para a protección do medio ambiente.
Ponte en contacto comigo
Ponte en contacto comigo
Se queres máis información, recibir o noso informe ou un asesoramento sen compromiso algún, ponte en contacto comigo.
Chámame ao 900 535 025 ou escríbeme a justine.huppert@greenpeace.org
Justine Huppert
Responsábel do Testamento Solidario en Greenpeace.