O cambio climático constitúe a meirande ameaza medioambiental á que se enfronta a humanidade.



O problema
O cambio climático é o mal do noso tempo e as súas consecuencias poden ser devastadoras se non reducimos drasticamente a dependencia dos combustíbeis fósiles e as emisións de gases de efecto invernadoiro. De feito, os impactos do cambio climático xa son perceptíbeis e quedan postos en evidencia por datos da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) como:
- A temperatura media mundial xa aumentou 1,2 °C dende a época preindustrial.
- Os seis anos transcorridos dende 2015 son os máis cálidos dos que se teñen datos. A década de 2011 a 2020 foi a máis cálida xamais rexistrada.
- En maio de 2021, a concentración media mensual de CO2, medida pola Oficina Nacional de Administración Oceánica e Atmosférica (NOAA) dos Estados Unidos no seu observatorio de Mauna Loa, en Hawai, volveu acadar un máximo histórico acumulado de 417 partes por millón (ppm), unha cantidade de CO2 que non se rexistraba dende hai tres millóns de anos.
Pero hoxe tamén estamos a ver como se manifestan con meirande intensidade os impactos do cambio climático, como:
- Os fenómenos meteorolóxicos extremos, como danas, tormentas e furacáns.
- Vagas de calor máis intensas, duradeiras e frecuentes ca nunca antes.
- Mega-incendios.
- As secas.
Eses impactos provocan á súa vez danos económicos e sociais, que serán cada vez máis graves, como danos nas colleitas e na produción alimentaria ou riscos para a saúde.
Nos peores escenarios probábeis que os expertos reflicten, o aumento da temperatura podería chegar aos 4,8 ºC para a fin do século. O cambio climático é un problema global que abrangue unha perspectiva ambiental, política, económica e social na que as peores previsións tamén implican enormes perdas económicas. E é que canto máis tardemos en actuar, moito máis elevados serán os investimentos para a adaptación ao aumento da temperatura.
Asina! Pide que se prohíba a publicidade de combustíbeis fósiles.
O 79 % das emisións de gases de efecto invernadoiro na Unión Europea débense á queima de combustíbeis para usos enerxéticos ou de transporte, segundo datos de Eurostat.
En 2019, un 84 % da enerxía usada en España proviña de fontes non renovábeis como combusíbeis fósiles ou enerxía nuclear. De feito, España e mais outros cinco países da Unión Europea acumulan arredor dun 72 % das emisións de todos os gases de efecto invernadoiro do continente.
A solución
O sector enerxético, debido ao seu uso de enerxías sucias —petróleo, carbón e gas—, é un dos meirandes contribuidores ao quecemento global. Arredor de 90 empresas son responsábeis de case as dúas terceiras partes das emisións mundiais. Só 20 delas, todas dedicadas aos combustíbeis fósiles, emiten o 35 % de todos os gases de efecto invernadoiro do mundo. En España, as grandes eléctricas —Endesa, Iberdrola, Naturgy, EDP e Viesgo— seguen a xerar unha boa parte da súa electricidade usando fontes non renovábeis; por iso traballamos para que este modelo insostíbel cambie e se acelere a transición a un sistema enerxético eficiente, intelixente, 100 % renovábel e democrático.
A revolución enerxética nas mans da cidadanía é o camiño: coas enerxías renovábeis conseguirase paliar os efectos do cambio climático e acadar unha eficiencia enerxética que xerará postos de traballo e reducirá os custos da electricidade. Necesitamos prescindir dos combustíbeis contaminantes e da enerxía nuclear e aumentar a participación da cidadanía para que se beneficie da transición renovábel.
«O cambio climático é unha realidade que vai ter xa implicacións inevitábeis, pero aínda podemos minimizar as súas consecuencias máis graves»
Que está a facer Greenpeace
Greenpeace traballa para impulsar solucións que consigan frear o cambio climático, con especial atención no sector enerxético (para pór fin, en primeiro lugar, á dependencia dos combustíbeis fósiles e a enerxía nuclear e acelerar a súa substitución por enerxías renovábeis) e no transporte, apoiando políticas que fagan posíbel un sistema enerxético democrático e 100 % renovábel baseado no aforro e na eficiencia, así como acordos e tratados internacionais que logren reducir as emisións mundiais.
Para acadalo, traballamos para acabar co poder das empresas de combustíbeis fósiles, impulsar as enerxías renovábeis nas mans da cidadanía, reformar en profundidade as regras do mercado eléctrico que favorecen as grandes compañías, conseguir unha mobilidade sostíbel para todas as persoas, transformar as cidades e dar volta ao sistema cunha recuperación verde e xusta.

Que podes facer ti
Actúa co teu consumo! Se adoptas unhas sinxelas medidas de eficiencia enerxética na túa casa, aforrarás cartos e contribuirás á loita contra o cambio climático. Propoñémosche algunhas aquí.
Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que adopten políticas e prácticas sostíbeis. Onde unha persoa non chega, un colectivo si. Preme aquí para te unires a Greenpeace!