O aforro e a eficiencia enerxética benefician a un tempo o peto da cidadanía e a loita contra o cambio climático e son chave nun país coma o noso, onde máis de 5,2 millóns de fogares sofren de pobreza enerxética e onde seguimos a importar máis dun 80 % da nosa enerxía a través de combustíbeis fósiles e perigosos.

#1
Baixa a túa factura da luz, baixa a túa potencia

A potencia é a parte da factura que pagas cada mes, consumas ou non, aforres luz ou non. Reduce a túa potencia eléctrica contratada para pagares menos na túa factura da electricidade, ademais de lanzares unha clara e contundente mensaxe ás eléctricas. Ademais, agora na túa factura podes consultar a potencia máxima que utilizaches nos últimos 12 meses. Así poderás axustar doadamente a potencia contratada segunda a túa necesidade real. Tamén podemos agora escoller contratar dúas potencias diferentes para os dous tramos horarios (val e pico) no caso de que esteas en tarifa regulada, facilitando así fomentar o aforro.

#2
Produce a túa propia enerxía

Cada electrón producido con enerxías renovábeis evita que se xere outro con enerxías sucias. Participa en proxectos individuais ou colectivos de enerxías renovábeis como, por exemplo, o autoconsumo ou as comunidades enerxéticas. Aforrarás na túa factura ao tempo que loitas contra o cambio climático.

Crea ou únete a un colectivo que xere novas formas de enerxía renovable, utilizando os recursos sostíbeis da túa zona (sol, vento, biomasa, xeotermia…). De xeito colaborativo lograrás reducir as emisións de CO2 do sistema eléctrico.

Mira exemplos inspiradores »

#3
Construción intelixente e eficiente dos nosos edificios

Un mellor deseño dos edificios e un illamento térmico efectivo permitirán converter os nosos edificios en edificios de consumo case nulo, especialmente se os combinamos con sistemas de xeración de electricidade renovábel (autoconsumo), e aforrar ata un 80 % da demanda térmica media dos edificios. O sol e a calor corporal son realmente todo o que necesitas para a meirande parte das necesidades de calefacción nunha casa eficiente (casa pasiva). Este tipo de vivendas están moi ben illadas e a meirande parte das súas fiestras están orientadas cara ao sur.

E se a túa casa non é de nova construción, pensa en facer unha rehabilitación especializada (envolvente exterior de paredes, cambio de fiestras e illamento de tellados son elementos doadamente mellorábeis cun altísimo impacto no teu gasto enerxético), ademais dunha instalación de autoconsumo (fotovoltaica ou outra) para xerares a túa propia electricidade. As directivas europeas de eficiencia enerxética de edificios e as recomendacións sobre renovación xa están orientadas cara á construción de edificios de consumo de enerxía case nulo coa premisa de pór primeiro a eficiencia. Entende por que o autoconsumo está feito tamén para ti.

#4
Adquire electrodomésticos de meirande eficiencia enerxética

Moitos electrodomésticos consumen máis enerxía da necesaria, mesmo cando están apagados. Procura os que teñan etiquetas de aforro enerxético de clase A, a máis eficiente. Un frigorífico típico fabricado en 1993 consume o dobre de electricidade ca un modelo de alta calidade moderno. O seu cambio reportarache grandes aforros no termo de enerxía da factura eléctrica e contribuirás a reducir as emisións anuais de CO2. Os novos electrodomésticos deben incorporar un interruptor de corte que os desconecte da fonte de alimentación ou ben, en modo de repouso, non deben consumir máis de 1 vatio.

Podes mercar electrodomésticos en función da súa eficiencia e prezo coa axuda de: http://www.eurotopten.es/

#5
Faille un favor ao teu ordenador e deixa que descanse

Utiliza o modo de aforro de enerxía do sistema operativo. Cando rematares de traballar, apágao e non esquezas desconectalo tamén da fonte de alimentación. Por certo: os ordenadores portátiles son máis eficientes enerxeticamente cós de sobremesa. Mentres os uses, asegúrate de que teñen boa ventilación para evitares sobrequecementos, por exemplo, situando o portátil sobre un soporte elevador.

#6
Usa lámpadas LED

As luces LED reducen o consumo enerxético ata un 80-90 % respecto das antigas incandescentes. Apaga sempre as luces das habitacións que non esteas a usar. Para as zonas moi transitadas ou usadas por moitas persoas diferentes, o ideal son os interruptores de presenza (hainos mesmo con lámpadas incorporadas neles), que se acenden ou apagan automaticamente ao detectaren unha presenza.

#7
Pon fin ás perdas de enerxía en repouso

Televisores, vídeos, ordenadores e todos os accesorios que os acompañan continúan a consumir electricidade cando están en “stand-by”. Para evitalo, desconecta os enchufes ou, máis doado, utiliza un enchufe múltiple co seu propio interruptor de corte. Estas perdas son responsábeis de entre un 5 e un 13% do consumo de electricidade nos fogares dos países da OCDE.

#8
Evita deixar enchufados cargadores e transformadores

Seguen a consumir electricidade mesmo cando non se utilizan. Desconecta os cargadores de teléfonos móbiles e demais aparellos dixitais, ademais dos transformadores das lámpadas halóxenas e electrodomésticos sempre que non estean en uso.

#9
Na cociña, pensa sempre en termos enerxéticos

Tapa a pota. Utiliza só a auga necesaria cando fores ferver alimentos e evita quentar máis da que precisares. Usa ola de presión, mellor se é súperrápida. Non prequentes o forno, non o abras mentres non remate e usa o programador automático. Se tiveres que mercar unha cociña, a máis eficiente é a cociña de indución; é a forma máis eficiente de quentar, xunto co microondas. Se tiveres cociña eléctrica, apaga os fogóns ou o forno cando estiver quente e deixa que remate de cociñar sen gastar electricidade.

#10
Coloca o frigorífico nun lugar fresco

Non o poñas nunca preto de fontes de calor (forno, cociña…). Abre as portas o menor tempo posíbel e verifica que pechan ben. Non obstrúas a ventilación das reixas de atrás e mantenas limpas de po.

#11
Desconxélao con regularidade se o aparello non o fixer de forma automática

Consumen máis enerxía cando acumulan xeo. Non introduzas nunca alimentos quentes. Desconxela a comida pasándoa do conxelador á neveira un día antes. Axusta o termóstato a unha temperatura non excesivamente baixa. Por cada grao centígrado de frío, o seu consumo de enerxía aumenta nun 5 %.

#12
As caldeiras eléctricas para quentar auga son moi ineficientes

Cambia a túa vella caldeira eléctrica ou de gas o antes posíbel por colectores solares ou por unha bomba de calor de auga quente (tanto para auga quente sanitaria como para calefacción de chan radiante) que ademais sexa intelixente para poderes decidir en remoto cando facela funcionar e aproveitar así as horas nas que hai máis produción renovábel e menor prezo da electricidade (xestión da demanda).

#13
Toma unha ducha rápida en troques dun baño

Pecha a billa mentres te enxaboas. Escolle unha melodía corta e cántaa ou asubíaa. Cando rematares, tamén o fará a ducha. Instala un economizador de auga na ducha: acurta á metade o consumo de auga e de enerxía. Unha billa monomando ou con control separado de caudal e temperatura axudan a aforrar auga e enerxía de xeito doado e cómodo.

#14
Podes instalar captadores solares térmicos

Nas nosas latitudes, os captadores poden subministrar entre un 60 e un 70 % da auga quente necesaria nun fogar, e esta cifra pode acadar o 100 % en rexións moi soleadas. Os captadores solares proporcionan máis ca auga para lavarse. As instalacións de quecemento solar de casas ben illadas poden proporcionar toda a calor necesaria e servir de soporte do sistema de calefacción no inverno.

#15
Aforra no lavado da roupa

Lava en frío e esquece o prelavado. Un lavado normal será máis que suficiente, e reducirás o consumo enerxético ata un 80 %. Realiza sempre o lavado coa lavadora chea, como mínimo ata uns tres cuartos da súa capacidade e sempre deixando uns 7 cm libres entre a roupa e a parte superior do tambor. Cando necesitares cambiar de lavadora, escolle sen dubidar unha de categoría A, tanto en consumo de enerxía como de auga.

#16
Tende a roupa a secar

As secadoras son auténticas devoradoras de enerxía. Un fogar de catro persoas que non utilice secadora aforrará 480 kWh –e 120 quilos de CO2– anualmente, o equivalente ás emisións debidas a conducir uns 1.000 km en coche. E, se non tiveres alternativa, cando menos procura que teña bomba de calor (é a máis eficiente, cun consumo de 2,2 kWh).

#17
Non utilices electrodomésticos a pilas

Por exemplo, máquinas de afeitar ou cepillos de dentes, porque consumen máis enerxía cós conectados á rede. Se non tiveres alternativa, cando menos intenta cargalos correctamente. Desenchúfaos tan pronto como se recargar a pila, utilízaos ata que se desgastaren e descártaos correctamente cando xa non funcionaren.

#18
A temperatura ideal: non quentes nin arrefríes máis do necesario

Cada grado que baixes a temperatura da sala, estarás a aforrar ata un 6 % do teu consumo enerxético en calefacción. 20 ºC no inverno e 26 ºC no verán son suficientes para un entorno saudábel e agradábel no salón da túa casa. Coa roupa axeitada en cada época, pódense reducir as necesidades de climatización. Mantén pechadas as portas e non deixes nunca a calefacción elevada cando non estiveres na casa. Instala termóstatos programábeis para regulares automaticamente a temperatura da habitación: por exemplo, máis alta durante as horas nas que adoitas estar na casa e máis baixa durante a noite e cando non estás.

#19
Instala un dobre vidro illante

Ou convence o teu alugador para que o faga. As fiestras vellas poden ser unha importante fonte de perda térmica, non só polo vidro, senón tamén por marcos e peches ineficientes.

#20
Ventila as habitacións rapidamente

O mellor xeito de ventilar unha habitación é apagar a calefacción e abrir as fiestras non máis de 10 minutos. É unha operación rápida que evita que se arrefríen as paredes. Non deixes nunca a calefacción acesa coa fiestra aberta, aínda que só deixes unha abertura pequena.

#21
Evita o uso do climatizador

Pensa se realmente o necesitas antes de instalalo na túa casa. No verán, podes manter a casa fresca cun bo illamento, refrixeradores por evaporación e ventiladores de teito. Lembra controlar as fiestras durante o día (pechándoas para que non entre a calor e impedindo con toldos ou persianas que entre o sol). E, se non atopares alternativa, cando menos instala un que teña bomba de calor (que mesmo pode servir en inverno para quentar, se mercas un reversíbel).

#22
Fai revisar o teu sistema de calefacción

Os sistemas de calefacción eléctricos clásicos (incluídos os sistemas de carga nocturna) son devoradores de enerxía moi ineficientes que deben substituírse polos novos sistemas moito más eficientes. Investindo nun novo, podes acadar beneficios económicos en tan só uns anos. Pero lembra que cada sistema de calefacción debe manterse correctamente e a intervalos regulares.

#23
Os recursos xeotérmicos poden subministrar enerxía para xerar calor de varias formas

En moitos países contan xa con colectores ou bucles xeotérmicos baixo o solo das súas casas e en España xa hai moitísimos casos. As bombas de calor utilizadas para procesar a enerxía xeotérmica deben accionarse unicamente con enerxía limpa. A enerxía xeotérmica produce electricidade e calor canalizada.