A vida na Terra depende directamente dos océanos. Precisamos un Tratado Global dos Océanos que os protexa da actividade humana e do cambio climático.

Pedimos protexer un
30%
dos nosos mares antes de 2030.
Menos dun
3%
dos océanos están protexidos.
Os océanos absorberon máis do
93%
da calor extra producida polo ser humano dende os anos 70.

O problema

Os beneficios que os océanos nos brindan no noso día a día son innumerábeis: inflúen nos fenómenos meteorolóxicos máis importantes, regulan o clima, producen o osíxeno que respiramos e son o fogar de baleas, quenllas, tartarugas e outras especies.

Pero, por sorprendente que pareza, dous terzos da auga de mares e océanos (a metade do planeta en termos absolutos) son augas internacionais nas que non existe regulación ningunha sobre a protección da súa biodiversidade. Da xestión sostíbel dos océanos depende o futuro da humanidade.

A pesca insostíbel e ilegal, a minería submarina, o tráfico marítimo, a contaminación e os efectos do cambio climático levan décadas ameazando profundamente o noso medio mariño. A riqueza do fondo mariño, os seus ecosistemas e diversidade corren risco. Moitos organismos, como o coral, o plancto e os crustáceos, son moi sensíbeis aos efectos da acidificación do océano, que, unida ao quecemento global, pode levar a impactos irreversíbeis sobre todas as especies, entre elas a humana.

Un 90 % das poboacións de peixes avaliadas no Mediterráneo están sobreexplotadas. Un 58 % das poboacións mundiais están plenamente explotadas. Ademais, no territorio español primou a urbanización do litoral no canto de protexer os ecosistemas costeiros. España ten protexido só un 8 % das súas augas e, sen implantación real das políticas de xestión pesqueira ou costeira, a degradación dos nosos mares é imparábel.

ASINA E ESIXE PROTECCIÓN PARA OS OCÉANOS

A solución

Precisamos un Tratado Global dos Océanos co que todas as nacións se comprometan a protexer cando menos un 30 % das augas internacionais dos nosos océanos para 2030. Nestes santuarios mariños poderanse desenvolver espazos de protección das especies que os habitan, onde se posibilite a súa reprodución e desenvolvemento, á marxe da sobreexplotación industrial, da contaminación e dos efectos do cambio climático.

Conservar e utilizar de xeito sostíbel os océanos, os mares e os recursos mariños significa salvagardar os caladoiros de pesca, conservar especies únicas, preservar os ecosistemas máis vulnerábeis e, ademais, ser capaces de responder á crise climática, a presenza de plásticos e outras actividades humanas nos océanos. E o xeito máis efectivo de facelo é a través dunha rede de santuarios mariños.

Hai varios tratados e organizacións que son responsábeis de xestionar a alta mar, pero principalmente para extraer e explotar, non para protexela. E agora temos a oportunidade de cambiar esta tendencia: en virtude do Tratado Global dos Océanos, sería posíbel unha gran rede de santuarios a través dos océanos do mundo, protexendo polo menos un 30 % deles para 2030. E lembra que ti tamén podes colaborar asinando a petición.

Ángel del mar Medusa escifozoo

Que está a facer Greenpeace

Nun momento tan decisivo para o futuro dos océanos, a súa biodiversidade e toda a vida que depende deles, en Greenpeace urximos as Nacións Unidas á rápida adopción dun Tratado Global dos Océanos que protexa as augas de alta mar e o leito mariño baixo delas.

O noso principal obxectivo é lograr uns océanos e mares saudábeis, coas poboacións de peixes recuperadas, ecosistemas mariños ben conservados e con comunidades pesqueiras sustentábeis que poidan vivir da pesca sostíbel.

A saúde dos océanos e mares tamén pasa por desterrar o urbanismo ilegal costeiro, a mala xestión da contaminación, do tráfico marítimo e a presión sobre o litoral e concretar ferramentas que permitan previr e facer fronte aos efectos do cambio climático e da acidificación oceánica.

España ten moito traballo pendente neste sentido. Por iso, traballamos no control da contaminación e da urbanización na costa, na implantación das políticas pesqueiras sostíbeis e na protección mariña.

Que podes facer ti

Asina para pedir un Tratado dos Océanos! Como che contamos, a protección do 30 % dos nosos mares antes de 2030 é crucial para todo o planeta.

Actúa co teu consumo! Adoptar un modelo de consumo sostíbel cos océanos é unha das mellores formas de protexelos. Se comes peixe, propoñémosche aquí algúns consellos para te asegurares de que a túa cesta da compra é respectuosa co medio mariño. Tamén é importante reducir o uso de plásticos, xa que a meirande parte deles acaba no mar. Aquí dámosche algunhas ideas para facelo.

Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que adopten medidas para protexer os nosos océanos. Onde unha persoa non chega, un colectivo si. Preme aquí para te unires a Greenpeace!