A vida no océano Antártico vese ameazada polo cambio climático e a industria pesqueira, pero agora temos a oportunidade de protexela.

14.000 especies
animais teñen nas augas antárticas o seu fogar
1.800.000 km cadrados
terá a área protexida nas súas augas, a máis grande xamais creada
40 millóns
de pingüíns habitan na Antártida

Cal é o problema?

O océano Antártico é o fogar de 14.000 especies, moitas delas únicas e adaptadas ás extremas condicións polares: colonias de pingüíns emperador e de Adelia que poden emparellarse de por vida, a incríbel lura colosal con ollos do tamaño de balóns de baloncesto que lle permiten cazar nas profundidades, e o animal máis grande do planeta: a balea azul, cun corazón do tamaño dun gorila.

Agora, a biodiversidade desta fráxil zona vese ameazada polo cambio climático e pola industria pesqueira, que está a expandirse amodo e apunta a única especie chave no sistema antártico e na que se basea a alimentación de practicamente cada animal na Antártida: o diminuto krill, que constitúe a base da cadea alimentaria.

O krill non é meirande ca un dedo maimiño da man, pero garante a supervivencia das meirandes criaturas da Terra, como as baleas azuis, os cachalotes e os xibardos, xunto coa meirande parte doutros animais salvaxes na Antártida. Sen o krill, a meirande parte das formas de vida na Antártida desaparecerían. Cun clima cambiante que xa sitúa as poboacións de pingüíns e baleas baixo presión, unha industria do krill en expansión é unha mala nova para a saúde do océano Antártico. Peor aínda, a industria do krill e os gobernos que a apoian están bloqueando as tentativas de protección antártica.

Cal é a solución?

A fauna antártica e as augas polares sofren as consecuencias do cambio climático, e atallarmos as causas deste quecemento global será chave para a supervivencia deste ecosistema vital para a saúde do planeta.

Tamén é fundamental para a saúde da vida antártica a prohibición das industrias extractivas nas súas augas, algo que evitaría que a expansiva industria pesqueira siga a facerse co krill, do que dependen para sobrevivir a meirande parte das especies destas augas.

Mediante a creación dun Santuario no océano Antártico, evitaríase que a industria do krill se faga co alimento de pingüíns e baleas e proporcionaría un desabafo para que as poboacións de fauna silvestre se recuperen. Pero os beneficios dos santuarios oceánicos son globais. Os océanos sans xogan un papel crucial na absorción de dióxido de carbono, axudándonos a evitarmos os peores efectos do cambio climático. Ademais, brindan seguridade alimentaria aos milleiros de millóns de persoas que dependen dos nosos océanos. O noso destino e o dos nosos océanos están intimamente conectados.

Que está a facer Greenpeace?

Nas décadas dos 80 e 90, cando as compañías petroleiras e mineiras puxeron os seus ollos nos depósitos naturais da Antártida, Greenpeace acadou, xunto a un movemento de millóns de persoas, que se protexese a súa terra firme. A herdanza dese movemento está moi clara: as industrias extractivas están prohibidas en todo o entorno terrestre do continente. Agora é o momento de garantirmos que os mares da Antártida estean protexidos tamén.

Para acadar a protección destas augas e dos restantes océanos, Greenpeace é parte dunha coalición global de ONG e científicos que piden aos gobernos que protexan cando menos un 30 % dos océanos do mundo para 2030. Malia os compromisos mundiais de protexer o 10 % dos océanos para 2020, actualmente só un 2 % está completamente protexido.

De xeito paralelo, Greenpeace está a traballar para que a Comisión do Océano Antártico (CCAMLR) cree a meirande área protexida do mundo nas súas augas. Serían 1,8 millóns de quilómetros cadrados, máis de tres veces o tamaño de España e 3.000 veces o do Parque Nacional de Doñana.