A defensa do espazo democrático e a capacidade de decidir da cidadanía é fundamental para a defensa do medio ambiente.
En 2016
200 persoas
foron asasinadas por defender o medio ambiente en 24 países diferentes.
40.000 sancións
relacionadas cos dereitos fundamentais e as liberdades públicas foron impostas coa Lei Mordaza nos seus primeiros 18 meses.
En 2015
69
das 100 meirandes entidades económicas do mundo eran multinacionais, o que ilustra o poder das empresas fronte aos estados.

O problema

A degradación do medio ambiente ten de fondo un problema global: o mito do crecemento ilimitado e un sistema sustentado no consumo insostíbel. Isto esquilma os recursos do planeta ao tempo que beneficia a quen os explota, que en moitas ocasións son grandes corporacións. Á súa vez, a miúdo os gobernos lexislan en favor destas corporacións ou fan a vista gorda ante as súas malas prácticas, favorecendo a explotación dos recursos naturais ou perseguindo ás persoas que defenden a natureza.

As grandes empresas afixéronse a aumentar os seus beneficios sen ter en conta o custo que as súas actividades poidan ter para as persoas e o medio ambiente e sen que as vítimas teñan posibilidades de acceder á xustiza cando se vulneran os dereitos humanos ou se lles espolian os recursos naturais e medioambientais dos que dependen. Isto sucede particularmente en países do Sur Global, onde a miúdo as empresas adoptan comportamentos inaceptábeis ética e xuridicamente, dende impoñer condicións laborais inxustas ata a destrución de espazos naturais valiosos, pasando pola persecución do activismo ambiental e dos pobos indíxenas.

Outra das formas da conivencia entre empresas e gobernos pódese atopar nos acordos de comercio e investimento. Con eles, o poder das grandes corporacións consolida a súa hexemonía, establecendo normas e procedementos para aumentar os seus beneficios e garantir os seus investimentos, poñendo en xaque a democracia e os compromisos acadados nos acordos multilaterais como o Acordo de París contra o Cambio Climático ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS). A nova vaga de acordos comerciais e de investimento (TTIP, TISA, CETA, JEFTA, EU-Mercosur, etc.) supoñen unha transferencia de poder dende os gobernos ás grandes corporacións.

 

Por outra banda, estamos en momentos de grandes cambios estruturais que están a levar moitos países con tradición democrática a moverse cara a gobernos con condutas autoritarias respecto da súa poboación. Este tipo de gobernos están a socavar as garantías cidadás básicas, xa que consideran que os dereitos constitúen unha traba ao exercicio dos seus poderes. Estamos a observar como a vontade da maioría se torna prescindíbel para defender os intereses nacionais fronte ás ameazas e os males que presuntamente ameazan a democracia.

Un exemplo disto é a Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, coñecida como Lei Mordaza. Esta lei foi impulsada en 2015 polo Partido Popular como resposta a un rexurdimento da disidencia e das protestas cidadás ante o crecente descontentamento social polo seu modelo de xestión baseado en recortes, deterioración das condicións laborais, privatizacións e inacción ante as desigualdades sociais.

En Greenpeace entendemos que a garantía de dereitos e o traballo por unha democracia sa e avanzada pasa por incorporar gran parte das reclamacións do movemento feminista. O ecoloxismo que deixa fóra as cuestións de xénero perde aspectos chave, igual ca o feminismo que non ten en conta as cuestións ambientais.

A solución

Non seremos quen de conseguir vitorias significativas para parar o cambio climático e protexer a biodiversidade se non abordamos a desigual relación de poder entre as empresas e a cidadanía. É necesario construír un espazo democrático forte e non escurecido polos vencellos entre grandes empresas e gobernos.

Isto pasa por abandonar o paradigma económico actual baseado no crecemento ilimitado, o predominio do mercado, a financiarización da economía, a acumulación do capital e a exacerbación das desigualdades sociais por cuestión de clase, xénero ou raza/etnia.

A transparencia e o acceso á información son eixos chave para garantir a participación e a rendición de contas de gobernos e empresas. Só tendo acceso á información das institucións podemos promover que a cidadanía se mobilice por un cambio. Para poder protexer o medio ambiente e a paz, é fundamental a colaboración e participación da cidadanía.

Ademais, defender a xustiza social e ambiental e os dereitos humanos non pode carrexar consecuencias negativas sobre as persoas e organizacións que loitan por eles. É fundamental a protección das persoas ante posíbeis represalias e vulneracións dos seus dereitos. En calquera lugar do planeta, os dereitos fundamentais e as liberdades públicas, tales como o dereito a disentir, protestar, denunciar inxustizas ou expresar opinións diferentes, son piares sobre os que se asenta o equilibrio da democracia e son requisitos indispensábeis para desencadear cambios sistemáticos.

Que está a facer Greenpeace

Un dos obxectivos de fondo de Greenpeace é modificar as dinámicas de poder e mellorar a calidade democrática.

Para conseguilo, traballamos para transformar o actual modelo de negociación de acordos comerciais e de investimento. En primeiro lugar, para que sexan negociados e revisados de xeito transparente e democrático; en segundo, para que teñan en conta os límites do planeta e contribúan ao desenvolvemento sostíbel, á mitigación do cambio climático e á protección do medio ambiente.

Tamén propoñemos reformar o actual réxime de rendición de contas das grandes corporacións, baseado en normas voluntarias e de responsabilidade social corporativa, a través da aprobación dun tratado vinculante sobre Empresas e Dereitos Humanos no marco das Nacións Unidas e de leis nacionais de Dilixencia Debida. En diversas partes do mundo, vixiamos os casos de agresións a activistas polo medio ambiente e polos dereitos humanos.

 

Greenpeace traballa polo pleno respecto aos dereitos fundamentais e para que a cidadanía e a sociedade civil organizada poidan achegar á sociedade melloras en todos os eidos.

Outra das nosas liñas de traballo é impulsar un espazo democrático con garantías. En España seguimos a traballar xunto a outras organizacións e movementos sociais na plataforma No Somos Delito, co firme obxectivo de derrogar a Lei Mordaza e promover outras reformas lexislativas que garantan o dereito á protesta pacífica e á liberdade de expresión. Ademais, participamos en Poletika, facendo presión sobre os partidos políticos para que promovan medidas que eleven a calidade democrática do noso país.

Do mesmo xeito, traballamos para fomentar unha conciencia colectiva que promova o compromiso activo co futuro do planeta e da vida que o habita. Unha sociedade civil empoderada é un piar básico para a construción dunha democracia na que caibamos todos e todas.

Greenpeace forma parte da Coalición Proacceso para acadar melloras lexislativas no eido da transparencia e o acceso á información que faciliten a participación cidadá e a rendición de contas de gobernos e empresas. Outro dos nosos compromisos é que Greenpeace sexa tan transparente como sexa posíbel; por iso, promovemos os datos abertos (opendata) nas nosas metodoloxías de traballo e nos nosos informes como achega á cidadanía.

Tamén animamos a calquera persoa a denunciar malas prácticas co medio ambiente por parte de administracións ou empresas. Para isto, formamos parte de Fíltrala, unha plataforma independente de denuncia cidadá que preserva o anonimato de quen denuncia, garantindo a súa protección ante posíbeis represalias.