O Ártico funciona coma un climatizador e del depende o clima global, pero segue a ser o océano máis desprotexido do planeta

x2
O Ártico quéntase máis do dobre que calquera outro lugar do mundo
3/4 partes
da capa de xeo boiante do Ártico perdéronse nos últimos 30 anos
4 millones
de persoas habitan no Ártico e dependen directamente del

O problema

O xeo do Ártico exerce de refrixerador global, reflectindo a calor solar cara o espazo e mantendo fresco o planeta. Malia que o que ocorre no Ártico repercute en toda a Terra, este espazo é un dos máis desprotexidos e está aberto a múltiples ameazas.

Tres cuartas partes da capa de xeo boiante do Ártico desapareceron nos últimos 30 anos. A destrución do seu xeo fai do océano Ártico un lugar moito máis navegábel e expono á pesca masiva e á extracción de petróleo, gas e minerais. Estas circunstancias xeran unha gran variedade de choques de intereses, algúns tan graves como posíbeis conflitos bélicos.

Ademais dos cambios locais que terán un impacto directo sobre a biodiversidade do Ártico e os seus medios de vida, haberá cambios “remotos” que afectarán distintas partes do planeta, como España, onde os nosos hábitats naturais se verán afectados polo aumento das temperaturas.

«Para poder salvar o xeo do Ártico, os expertos indican que o aumento da temperatura global debe situarse por debaixo dos 1,5 ºC»

Cal é a solución?

A queima de combustíbeis fósiles é o principal causante do cambio climático, polo que a solución pasa por rematar coa dependencia do petróleo e demais combustíbeis fósiles.

A prohibición das prospeccións, da libre navegación comercial, das accións militares e da pesca industrial no seu territorio é prioritaria. Con ese obxectivo, Greenpeace propón a creación dun gran santuario mariño que salvagarde o Ártico de calquera acción intrusiva.

Un dos marcos perfectos para acadalo nas relacións internacionais é o Convenio OSPAR, capaz de regular as actividades potencialmente nocivas para o Ártico e fixar mecanismos vinculantes e de obrigado cumprimento para os estados membros.

Que está a facer Greenpeace?

O obxectivo da nosa campaña a longo prazo é a creación dun santuario global no Ártico que o protexa das prospeccións petrolíferas, da pesca industrial e do tráfico marítimo nas novas vías creadas polo desxeo.

Greenpeace quere que a Comisión OSPAR aprobe a proposta de declaración dunha Área Mariña Protexida nas augas árticas que entran na súa xurisdición. Isto suporía a protección de case o 10 % do Santuario Ártico que propón Greenpeace.

Aínda que Noruega, Islandia e Dinamarca bloquearon este acordo en 2016, Greenpeace, como membro dunha coalición internacional, seguirá perseguindo xuridicamente as industrias destrutivas e sinalando aqueles países como Noruega que abren novas áreas do océano Ártico para a exploración de petróleo.

Ademais, Greenpeace traballa xunto con outras organizacións no desenvolvemento dun Tratado de Protección da vida mariña en alta mar nas Nacións Unidas para a creación do Santuario Ártico, así como para a protección das augas internacionais en todo o mundo.