Para podermos combater con éxito o cambio climático e a ameaza nuclear, precisamos pór as persoas e o planeta no centro de como producimos, consumimos e distribuímos a enerxía: 100 % renovábel, eficiente, intelixente e nas mans da xente.
O problema
Se ben está a producirse un cambio no sistema enerxético, o seu ritmo é lento de máis. Para que a transformación do modelo enerxético teña lugar á velocidade precisa para salvar o clima, é imprescindíbel que millóns de persoas participen nela producindo, intercambiando, almacenando e xestionando enerxías renovábeis, tanto de xeito individual como colectivo.
España foi líder mundial en enerxía fotovoltaica en 2008, pero a nova lexislación imperante dende 2010 foi destruíndo un futuro prometedor, facendo perder decenas de milleiros de empregos en poucos anos (cando se triplicaron en todo o mundo) e sementando serias dúbidas na Comisión Europea sobre o cumprimento español dos compromisos internacionais.
Mentres as formas de produción, distribución e comercialización colectiva de enerxía nas mans da cidadanía emerxen como unha tendencia clave no sector renovábel en moitos países, as persoas que queren producir enerxía no noso país enfróntanse a continuas barreiras económicas, administrativas e legais, como o famoso “imposto ao sol”, a pesar de que o 30 % da cidadanía se declara altamente predisposta a participar na transición enerxética.
«2016 foi o cuarto ano consecutivo no que practicamente non se instalaron enerxías renovábeis no noso paíss»


A solución
A solución pasa por construírmos un novo sistema enerxético no que se substitúan os combustíbeis sucios (carbón, petróleo, gas e uranio) por enerxías renovábeis e se aposte pola eficiencia e as solucións tecnolóxicas intelixentes que aseguren unha transición xusta para as persoas empregadas nestes sectores e as comunidades que actualmente dependen das enerxías sucias.
Trátase dun modelo no que o control sobre a enerxía non é un privilexio das grandes empresas enerxéticas, senón que cada fogar podería ser dono da súa enerxía, que podería producir, consumir, acumular e intercambiar ao seu xusto valor e libremente. Esta transición enerxética xa está ocorrendo en moitos lugares do mundo, e Greenpeace defende o dereito cidadán a formar parte dela e a gozar dos seus beneficios. É obriga de todos os gobernos impulsala, dando así prioridade ao interese xeral, á loita contra o cambio climático e ao abandono das enerxías sucias.
Por outra banda, a aposta total polas enerxías renovábeis non só é a opción máis segura para o planeta, senón tamén para a economía. Un modelo baseado maioritariamente nas enerxías renovábeis e no aforro enerxético crearía máis de 3 millóns de postos de traballo no Estado español, incrementaría en dous puntos anuais o PIB e diminuiría a factura enerxética nun 34 % con respecto ás de 2012, todo isto para o ano 2030.
Fai falla vontade política e empresarial.
Que está a facer Greenpeace
Greenpeace foi pioneira en demostrar, mediante a elaboración dunha serie de informes, que a revolución enerxética non só é posíbel senón que é viábel en poucas décadas. Os informes ‘Renovables 2050’, ‘Renovables 100%’, ‘Energía 3.0’ e ‘Canarias 100% renovables’ aclaran que en España existen solucións para satisfacer as nosas necesidades enerxéticas e que é posíbel poñelas en marcha coa urxencia que require un problema da magnitude do cambio climático.
Ademais, o informe ‘Energía colaborativa’ recolle por vez primeira a elevada predisposición da cidadanía a ser parte do cambio. Isto anímanos a seguirmos exercendo presión sobre políticos e empresas para que se recoñeza o dereito e a necesidade de substituír o actual sistema corporativo baseado nos combustíbeis fósiles e na nuclear por outro que poña as persoas e a xustiza económica á vangarda da transición cun sistema enerxético 100 % renovábel, eficiente e intelixente; e a catalizarmos as solucións cidadás que permitan o cambio que queremos ver para salvar o clima.