O gas natural é en realidade gas fósil e non ten nada de sostíbel. É un combustíbel fósil que causa cambio climático, igual có petróleo e o carbón.
O gas é xa a
2ª fonte de emisións
de bióxido de carbono na UE.
As subvencións ao gas na UE
aumentaron un 4 %
dende 2015.
Está composto fundamentalmente por metano, un gas con meirande potencial de
quecemento global
có CO2.
metano gas combustible fosil gas enerxía fósil España

O problema

O mal chamado gas natural é fundamentalmente metano. O metano é un potente gas de efecto invernadoiro cun potencial de quecemento global aos 20 anos 84 veces superior ao do CO2. No seu proceso de extracción e transporte prodúcense filtracións de metano e, finalmente, durante a súa queima para os diferentes consumos, producirá CO2.

O gas é, xunto co petróleo, o combustíbel fósil máis utilizado en España. Porén, ten mellor aceptación social, política e económica ca outros combustíbeis, polo que existe un gran risco de aumento dos investimentos no gas, así como de que se incremente o seu consumo e, polo tanto, a produción e as súas emisións. A demanda é enorme e, ante a emerxencia climática, non podemos permitirnos unha transición enerxética que se apoie neste combustíbel fósil na próxima década.

Hai que ter moi en conta que o gas frea a transición a un modelo enerxético 100 % renovábel; por exemplo, frea a conversión cara a fogares dignos con xeitos de calefacción limpos, sans, eficientes e renovábeis.

O gas fósil será máis caro cás enerxías renovábeis no futuro; de feito, xa o é para a xeración de electricidade. Investir agora en novas infraestruturas de gas fósil dificultará o cambio cara ás alternativas cada vez más rendíbeis das solucións enerxéticas limpas e, por tanto, aumentará os custes futuros do sistema enerxético.

A solución

Para evitar que sigamos pechados na nosa dependencia dos combustíbeis fósiles, temos que seguir o camiño da transición enerxética limpa investindo directamente en enerxías renovábeis en troques de substituírmos o carbón polo gas fósil ou mesmo desenvolvermos máis infraestruturas de gas. Estas son as nosas demandas:

  1. Deter os novos investimentos en infraestrutura de gas fósil: a promesa dunha posíbel substitución futura por alternativas non debe ser unha desculpa para seguirmos ampliando agora as instalacións deste combustíbel.
  2. A UE e os estados membros deben pór fin inmediatamente a todas as axudas públicas para infraestruturas de gas fósil e elaborar unha folla de ruta para o desmantelamento e a adaptación das instalacións de gas fósil existentes e as infraestruturas conexas aliñada con acadar a descarbonización completa en 2040.
  3. Eliminar a ENSTOG (agrupación dos operadores de gas na Unión Europea, en España representados por ENAGAS e Reganosa) e substituíla por un organismo técnico-científico independente.
"O gas fósil frea a transición cara a enerxías renovábeis e, polo tanto, frea a conversión cara a fogares dignos con xeitos de calefacción limpos, sans e eficientes. O gas fósil será máis caro cás enerxías renovábeis no futuro; de feito, xa o é para a xeración de electricidade."

Que está a facer Greenpeace

En Greenpeace levamos 50 anos alertando das consecuencias do cambio climático, denunciando os responsábeis e, sobre todo, achegando solucións. Para evitar os peores impactos desta crise, temos que contar cun sistema enerxético 100 % renovábel, eficiente, intelixente e nas mans da xente, algo que xa demostramos que é posíbel acadar.
Por este motivo, facemos presión sobre gobernos e empresas para evitarmos que o negocio dos combustíbeis fósiles, tamén o gas, remate por destruír o planeta. Abonda xa de mentiras, abonda xa de greenwashing; poñamos fin ao poder fósil.

que podes facer ti greenpeace

Que podes facer ti

Actúa co teu consumo! Producir, consumir, almacenar e mesmo vender a túa propia enerxía renovábel é posíbel. Descubre as alternativas de enerxía cidadá contra o cambio climático.

Súmate a Greenpeace! Sé parte da nosa organización para esixir o freo urxente dos combustíbeis fósiles, entre eles o gas. Únete a Greenpeace!

Contido relacionado