Cal é a postura de Greenpeace sobre a matanza de golfiños nas Illas Feroe (Dinamarca) e Taiji (Xapón)?


Greenpeace está en contra de calquera actividade humana que dane as poboacións de cetáceos. Por iso, opoñémonos tamén á matanza anual de caldeiróns nas costas das Illas Feroe (Dinamarca) e Taiji (Xapón).

Greenpeace oponse á matanza de golfiños, caldeiróns e outros cetáceos con fins comerciais ou para a protección de pesqueiras (en países como Xapón xustifícanse estas matanzas co argumento de que golfiños e baleas comen grandes cantidades de peixe).

Os nosos recursos son limitados, polo que non temos unha campaña específica contra a caza de golfiños nas illlas Feroe (Dinamarca) nin en Taiji (Xapón). A nosa loita pola preservación dos cetáceos céntrase na caza en alta mar, en establecer unha rede de Reservas Mariñas a grande escala e en consolidar a prohibición da caza comercial establecida pola Comisión Baleeira Internacional (CBI). Tamén traballamos a distintos niveis para que a CBI protexa no futuro a todos os cetáceos, incluídos golfiños e toniñas. Lamentabelmente, a CBI non ten unha protección específica para caldeiróns. Greenpeace traballa para que a CBI protexa todos os cetáceos, incluídos caldeiróns e toniñas.

A meirande parte dos golfiños, 300.000 ao ano, morren non pola súa caza senón como capturas “accidentais” en redes pesqueiras e debido á contaminación das augas. Por estas mesmas razóns hai unha elevada mortaldade de quenllas, tartarugas, aves mariñas e outras especies. Dende a campaña de océanos de Greenpeace traballamos por unha meirande sustentabilidade da actividade pesqueira, polo control da contaminación e por que se prohiban os procesos que son destrutivos coa vida mariña.

Asemade, traballamos pola creación dunha rede global de reservas mariñas que cubra o 40 % dos océanos (actualmente só o 1 % se atopa protexido). A creación destes espazos protexidos sería un grande avance na conservación de todo tipo de especies mariñas, incluíndo baleas e golfiños.