COMO RESPOSTAR AOS REQUERIMENTOS DA XUNTA SOBRE AS ALEGACIÓNS A ALTRI: MODELO 1
MODELO 1
Moitas persoas que presentaron modelos de alegacións ao proxecto ALTRI na Ulloa están a recibir requerimentos da Xunta para seren recoñecidas como interesadas, ao abeiro do art. 4 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo. Ao noso xuízo as administracións están a interpretar este artigo de xeito moi restritivo. Só recoñecen a condición de interesada ás persoas físicas con terreos afectados polo proxecto, servidumes ou outros intereses lexítimos directamente afectados. No entanto, para nós, calquera cidadán ou cidadá está afectada, pois as dimensións do proxecto de Altri sobardan as afectacións á comarca da Ulloa. É un problema para o país todo. Con esta “campaña”, a Xunta pretende silenciarnos e minimizar as máis de 23.000 alegacións ao proxecto, que constitúen un récord histórico de alegacións contra un proxecto industrial en Galicia.
É importante que se respondan todos os requerimentos posibles, pois estásenos intentando silenciar e minimizar. Hai moitas maneiras de estar afectados ou afectadas, non só se tes unha leira na zona. Altri é un problema de toda Galicia, polo que estamos no dereito de persoarnos.
Dende Greenpeace, e xunto a outras organizacións como a Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra, Adega, Ecoloxistas en Acción, Sindicato Labrego Galego, Confederación Intersindical Galega, animámosvos a respostar a estes requerimentos e para iso poñemos ao voso dispor dous modelos de resposta.
PERSOAS CON INTERESES NA ZONA DO PROXECTO
Se estás directamente afectado/a porque tes unha leira na zona do proxecto, unha servidume ou similar, cubre o MODELO 1 feito polas nosa compañeiras de Adega. No punto 2 deste modelo tes que escoller cal é o teu caso. No DOG nº 45 no que se somete a exposición pública o proxecto de ALTRI figura unha relación (Anexo I) de bens e dereitos afectados. As persoas con intereses na zona, figuren ou non nesta relación, que se consideren afectadas deberían cubrir e presentar este modelo.
PERSOAS DE FÓRA DO PERÍMETRO DO PROXECTO
Para persoas non directamente afectadas polo proxecto que presentaron alegacións e solicitaron seren recoñecidas como interesadas, propoñemos que en resposta ao requerimento recibido acheguen o escrito MODELO 2 apelando aos seus dereitos constitucionais.