Usamos cookies para mellorar a túa experiencia.
Entendemos que estás de acordo se segues navegando.

O Rainbow Warrior de Greenpeace chegará a Vilagarcía de Arousa para completar a súa campaña europea ‘En marcha polo clima’

Entrada de blog por Mario Ruiz-Ayúcar - 24-07-2019

 

  • O xoves 25 de xullo, Día de Galicia, o barco insignia da organización ecoloxista atracará á primeira hora da mañá no peirao do Ramal da poboación galega
  • Greenpeace agradece á Autoridade Portuaria, ao Concello e á sociedade da Ría de Arousa todo o apoio e os esforzos realizados para poder acoller o Rainbow Warrior no seu porto
  • Luns 29: rolda de prensa a bordo do Rainbow Warrior xunto con persoas e colectivos que están a liderar a resposta fronte o cambio climático
  • O domingo 28 celebrarase un concerto na Praza da Segunda República a cargo de  Depedro, Maika Makovski e Uxía
  • Tódalas persoas interesadas poderán visitar o barco nas xornadas de portas abertas o sábado 27 e o domingo 28

 

Galicia, 24 de xullo de 2019.- O barco insignia de Greenpeace,  Rainbow Warrior, realizará a última parte do seu circuíto europeo ‘En marcha polo clima’ na poboación galega de Vilagarcía de Arousa. Esta será a última parada do veleiro ecoloxista no noso país tras recalar en Barcelona e Málaga dentro dunha gran campaña europea (8 países, 15 portos) que ten o obxectivo de concienciar sobre a emerxencia climática, esixir medidas urxentes aos gobernos e empresas, e difundir as alternativas viábeis de participación cidadá en enerxías renovábeis coa mensaxe ‘Muda a enerxía, non o clima’

A campaña do  Rainbow Warrior combina a denuncia da crise climática, sinalando as súas causas, consecuencias e responsábeis, coa esixencia de solucións. Greenpeace apunta aos gobernos, que perante unha emerxencia climática que eles mesmos recoñecen, non están a actuar coa urxencia nin ambición necesaria. Tamén sinala ás empresas que encobren a súa actividade contaminante con campañas de lavado de imaxe.

Coa visita do  Rainbow Warrior, Greenpeace quere salientar a urxencia de actuar contra o cambio climático e como, diante da falta de acción política, a cidadanía está a tomar as rendas. Para iso, contará coa presenza de diferentes colectivos que xa están “en marcha polo clima” como os movementos xuvenís, representantes da comunidade científica ou exemplos de persoas e colectivos que forman parte da chamada cidadanía enerxética.

Logo de descartar a atracada inicialmente prevista en Vigo, o  Rainbow Warrior estará finalmente en Vilagarcía de Arousa -desde o vindeiro 25 até o 30 de xullo- desenvolvendo unha axenda de actividades públicas enmarcadas dentro da súa campaña ‘Muda a enerxía, non o clima’, entre as que destacan: obradoiros sobre alternativas cidadás para participar no impulso ás enerxías renovábeis, un concerto na poboación galega, xornadas de portas abertas para tódalas persoas interesadas en visitar o barco insignia de Greenpeace, visitas de autoridades e representantes políticos e, para rematar, unha rolda de prensa na que estarán presentes representantes da comunidade científica e da cidadanía que está a traballar na loita contra o cambio climático. 

Greenpeace quere agradecer de forma pública á Autoridade Portuaria, ao Concello e a toda a sociedade da Ría de Arousa tódolos esforzos realizados e as mostras de apoio recibidas para poder acoller ao  Rainbow Warrior no porto da poboación pontevedresa. 

“Estamos moi agradecidos a tódalas persoas e institucións que se mobilizaron ou colaboraron para facer posíbel esta visita“, declarou María Prado, responsábel da campaña de enerxía e clima de Greenpeace. “Galicia ten a grande oportunidade de asumir un papel protagonista na transición enerxética ás enerxías limpas renovábeis e o  Rainbow Warrior quere ser un trampolín para impulsar a participación activa da cidadanía fronte á emerxencia climática”. 

O lendario ‘Guerrero do  Arco da Vella’ é o terceiro barco da organización que suca os mares baixo este nome. O actual é un veleiro construído coa tecnoloxía existente máis sustentábel. O capitán do barco, Pep  Barbal, leva máis de 15 anos navegando con Greenpeace. Dentro dunha tripulación internacional, haiq ue salientar a presenza da primeira oficial española María Martínez. Ámbolos dous dispoñíbeis para entrevistas baixo petición. 

A despedida do  Rainbow Warrior de terras galegas terá lugar o 30 de xullo, cunha última parada na Illa de Arousa, unha das illas membro do proxecto da Comisión Europea, “ Clean  Energy for EU Islands”, que pretende pular por unha transición rápida a enerxías limpas en diversas illas europeas.

 

CALENDARIO ESPECÍFICO DE ACTIVIDADES 

Lugar: Porto de Vilagarcía de Arousa (peirao do Ramal)

Entrada a porto: Xoves, 25 de xullo pola mañá (8:00h)

Xornadas de portas abertas:

  • Sábado 27 de xullo: 10:00-14:00 h e 17:00-21:00 h
  • Domingo 28 de xullo: 10:00-14:00h e 17:00-21:00h 

Obradoiro-mesa redonda presentación de Alternativas de enerxía cidadá contra o cambio climático: Venres, 26 de xullo: 11:00-13:30 h. Aberto ao público, previa inscrición. Lugar: Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa, Avda. dá Mariña, nº27.

Concerto:  Depedro, Uxía e  Maika Makovski, o domingo 28 de xullo ás 21:30 na Praza da Segunda República.

Encontro de prensa: Luns, 29 de xullo: 11:00 h. Para asistir á rolda de prensa, os medios e xornalistas interesados teñen que chamar ao responsábel de prensa de Greenpeace: Mario Ruiz- Ayúcar, 618 548 193

Saída de porto: Martes, 30 de xullo pola mañá (hora por confirmar)

Xornada na Illa de Arousa: Martes, 30 de xullo pola mañá:

  • 9:00: Fondeo frente a la isla. Benvida e recepción da tripulación polas autoridades da illa e a banda de gaitas A. C. A Dorna. Actividades na illa. 
  • 14:00: Despedida do  Rainbow Warrior cunha marcha naval con dornas e galeóns pola ría de Arousa.