Cal é a postura de Greenpeace sobre a matanza de focas en Canadá?
Actualmente, a principal ameaza para os pinnípedos é o cambio climático que está a destruír o seu hábitat. A decisión do goberno canadense de continuar coa caza comercial de focas agrava esta situación e fai diminuír aínda máis as súas poboacións. Greenpeace está completamente en contra da matanza de focas con fins económicos.
Greenpeace oponse á matanza comercial de pinnípedos. O Goberno canadense actúa de xeito irresponsábel ao permitir a matanza de máis dun cuarto de millón de crías de foca, cando os científicos non son quen de cuantificar exactamente o tamaño da poboación, o número de focas xa cazadas ou o impacto das presións externas (como o cambio climático) na saúde da poboación. O Goberno de Canadá ten un longo historial de mala administración dos ecosistemas mariños, que dá prioridade aos intereses a curto prazo da industria pesqueira e da caza de focas, poñendo en perigo postos de traballo e a conservación da biodiversidade mariña.
Greenpeace non se opón á caza de focas para a subsistencia das Comunidades Indíxenas como xeito de subsistencia e modo de vida tradicional. Moitas Comunidades Indíxenas do norte do planeta dependen das focas para se alimentaren, abrigaren e outros medios de vida. En áreas de caza indíxena, as poboacións de focas son saudábeis e fortes.
Porén, os nosos recursos son limitados e non temos unha campaña específica contra a caza de focas. Dende Greenpeace realízase un seguimento da tempada de caza, e en ocasións deuse soporte a outros grupos que lideran na actualidade a oposición a esta práctica, como IFAW (International Fund for Animal Welfare) e HSUS (Humane Society of the United States). O noso principal foco céntrase na ameaza que o cambio climático supón para os mamíferos mariños e na creación de reservas mariñas para a súa salvagarda. No caso das focas, a perda continuada da capa de xeo afecta gravemente ao seu período de cría. Os impactos do cambio climático unidos á caza anual supoñen unha combinación nefasta para a poboación de focas.
Greenpeace tamén traballa para lograr unha rede global de Reservas Mariñas que protexa todas as especies mariñas, incluídas as focas.