Poden os produtos procedentes de Agricultura Ecolóxica conter transxénicos? Como podo obter máis información sobre a Agricultura Ecolóxica?


A lexislación prohibe tallantemente a utilización voluntaria de transxénicos ou derivados destes nos produtos da agricultura e a gandería ecolóxica.

Sen embargo, a agricultura ecolóxica está a verse ameazada polos OMX; están a darse graves casos de contaminación. Por exemplo, o pole de plantacións ou cultivos transxénicos chega aos cultivos ecolóxicos e provoca a contaminación xenética destes. En España son moitos os casos que apareceron, pero a administración segue a negalo. Co réxime actual de responsabilidade ambiental e económica, son os contaminados os que asumen as consecuencias e ven como se lles retira a licenza de venda en ecolóxico das súas colleitas porque conteñen transxénicos.

A Unión Europea ten unha lexislación que permite a contaminación "accidental ou tecnicamente inevitábel" dos produtos ecolóxicos transxénicos sen ter que informar disto na etiqueta. Unha medida que favorece unha vez máis as grandes corporacións biotecnolóxicas, que deixa totalmente desprotexido ao consumidor e amosa que a coexistencia entre os distintos modelos agrícolas é imposíbel.

Se queres obter información específica sobre a Agricultura Ecolóxica ou se tes algunha dúbida en concreto sobre este tema, podes contactar coa SEAE (Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica) ou coa Entidade Certificadora de Agricultura Ecolóxica da túa comunidade autónoma.