Sobre a utilización de plantas e elementos vexetais no Nadal


Todos os anos, en vésperas do Nadal, xorden as mesmas preguntas e os mesmos dilemas. Árbore natural ou árbore de plástico? É ético adornar a casa con ramas de acivro? Podemos recoller carriza para o noso Belén?

A árbore de plástico é unha opción desatinada, porque para a fabricación do plástico utilízanse hidrocarburos e outros derivados do petróleo e o propio proceso de fabricación é moi contaminante. A mesma produción de petróleo está vencellada a conflitos bélicos. Se xa tes unha árbore de plástico, úsaa ata que poidas. Pero non merques unha nova.

Hoxe en día, a meirande parte das árbores de Nadal (abetos, piceas, piñeiros) procede de plantacións e viveiros. Asemade, as entresacas de exemplares en repoboacións de piñeiros poden ir destinadas a este fin. No caso das árbores de viveiro que dispoñen, no mellor dos casos, dunha pequena cepeira con algunhas raíces, paga a pena preguntármonos se ten sentido mercarmos un exemplar que ten poucas probabilidades de subsistir pasado o Nadal.

Algunhas suxerencias para adornar no Nadal:

  • Utilizar como “árbore de Nadal” unha árbore viva nun xardín, na rúa, na comunidade de veciños, etc.
  • Utilizar como “árbore de Nadal” algunhas das nosas propias plantas de interior.
  • Facer a nosa propia árbore con papel reciclado, pólas secas, follas recollidas no outono, envases reutilizados, etc.
  • No caso de mercares unha planta nun viveiro, utilizar unha especie mediterránea (albedro, sabina, alaterno), planta que posteriormente se poida replantar, coidando de que a súa situación sexa a máis axeitada.
  • Facer adornos caseiros con piñas pintadas, pólas, troncos ou produtos reciclados.
  • Utilizar o visgo: aínda que en España non existe tanta tradición, noutros lugares de Europa e América esta planta é considerada como “símbolo” da boa fortuna. A miúdo forma parte de pequenos ramos con outras plantas verdes, se case sempre con baias que son moi decorativas. É doado de atopar nos piñeirais, e non supón un problema, xa que é unha planta que parasita os piñeiros.
  • Plantas de Flor do Nadal.
  • No caso de mercares ramos de acivro ou xibarda, solicitar sempre un certificado que garanta a súa orixe legal.
  • En vez de carriza, pódense utilizar pedras, cortiza de árbores, pólas secas, papel reciclado pintado, etc.