Se comes peixe, aposta por un peixe sostíbel e fai presión sobre os gobernos para que apoien a pesca sostíbel como futuro para os océanos e para as comunidades pesqueiras. Se comes peixe, faino de xeito responsábel.

#1
Reduce o teu consumo de peixe e, cando o mercares, escolle sempre pescado de tempada, de artes sostíbeis e o máis próximo posíbel

É máis saboroso e moito máis sostíbel. Coa nosa guía de peixe de tempada poderás identificar os peixes e mariscos de tempada máis habituais nas peixarías, contribuíndo a mellorar a situación de sobreexplotación na que se atopan os océanos.

#2
Mira a etiqueta

Un correcto etiquetado dá toda a información necesaria e permite escoller o peixe máis sostíbel. Co actual regulamento da UE, no peixe fresco e conxelado deberíanse indicar, entre outras cousas:

  • Método de pesca: Escolle as máis selectivas, como o pincho, o trasmallo, as nasas, o palangre non industrial, a cana, etc.
  • Zona de captura: Ás veces, o peixe descárgase en portos próximos pero vén de lonxe. Mira que se capturase canto máis preto, mellor.
#3
Esixe aos supermercados que desenvolvan unha política de compra sostíbel de produtos pesqueiros

Como consumidores, queremos produtos da pesca que sexan sostíbeis, que apoien as comunidades pesqueiras e que estean ben etiquetados con información completa sobre a súa orixe.

#4
Coñece a viaxe do atún do mar ao prato

O atún é un dos peixes máis consumidos e, a un tempo, máis vulnerábeis. No teu supermercado, procura produtos que indiquen que foi pescado con cana e o máis preto posíbel.

#5
Penaliza a pesca insostíbel

Se o etiquetado non está claro e o peixeiro carece da información sobre a orixe do peixe, non o merques. O meirande dano que podemos facer como consumidores é precisamente consumirmos cando temos dúbidas verbo da procedencia e a sustentabilidade do peixe. Mira este vídeo para saber como mercares peixe de xeito sostíbel.

#6
Procura evitar o de acuicultura intensiva

A acuicultura non é a solución para a sobrepesca. Arredor dun terzo da pesca mundial dedícase á fabricación de fariña de peixe para alimentar a cría en catividade. Ademais, ten outros impactos sociais e ambientais como a contaminación da auga, a introdución de especies invasoras e a ocupación de zonas costeiras e mariñas en prexuízo da súa conservación e doutras actividades como a pesca tradicional. Opta pola acuicultura máis tradicional (como o marisqueo) ou de especies herbívoras e autóctonas.

#7
Fomenta o turismo pesqueiro

Goza e aprende da cultura do mar a través do contacto coas súas paisaxes, xentes e xeitos de vida. A túa visita pode xerar novas vías de ingresos, emprego estábel e complementario á actividade extractiva, así como un meirande dinamismo que permita mellorar a calidade de vida nas zonas costeiras.