Novo informe da plataforma Galiza sen Gas
A aposta desproporcionada polo gas fósil atrasa a transición enerxética en Galicia
- A plataforma Galiza sen Gas, da que forma parte Greenpeace, publica un informe que conclúe que a queima de gas pon en perigo a urxente mitigación do cambio climático no país
- No que levamos de século, o uso de gas fósil medrou en Galiza máis que o de todas as enerxías renovábeis xuntas
- As importacións galegas de gas fósil están ligadas a abusos dos dereitos humanos e á destrución do territorio nos países de orixe
- Para cumprir o Acordo de París Galiza debe pór fin ao emprego de gas na produción eléctrica antes de 2030 e en todos os usos no ano 2035
O gas fósil, mal chamado gas natural, ten actuado como unha barreira para a transición enerxética en Galiza. É o que pon de manifesto o informe ‘Gas natural, o combustíbel fósil que atrasou a transición enerxética’, elaborado pola plataforma Galiza sen Gas, da que forma parte Greenpeace, baseándose nos datos oficiais máis recentes. No que levamos de século, marcado pola intensificación da crise climática global, en Galicia aumentou máis o uso de gas fósil que o de todas as enerxías renovábeis xuntas.
A aposta desproporcionada pola gasificación de Galicia feita polos gobernos e as empresas enerxéticas xerou unha infraestrutura gasista (regasificadora, rede de gasodutos, centrais eléctricas de ciclo combinado) sobredimensionada que competiu eficazmente co desenvolvemento das enerxías renovábeis eléctricas e térmicas. Un exemplo é que o incremento acumulado da produción eléctrica das centrais de gas (ciclos combinados) de Sabón e As Pontes en 2008-2024 con respecto a 2007 (34.316 GWh) superou á dos parques eólicos (30.077 GWh), mesmo a pesar do seu baixo grao de utilización.
A entrada en funcionamento en 2007 da planta de regasificación de Reganosa en Mugardos posibilitou un salto no emprego do gas fósil e o agravamento dos impactos socioambientais asociados. Ademais de contribuír á deterioración do medio ambiente local, a regasificadora de Mugardos permitiu a importación de gas natural licuado. Este é aínda máis intensivo en carbono –e polo tanto máis prexudicial para o clima- que o de gasoduto, especialmente cando se extrae mediante a técnica do fracking, como a maioría do que provén dos Estados Unidos de América (EUA), de onde Galicia importa gas desde 2016.
As importacións galegas de gas fósil están ligadas a abusos dos dereitos humanos e á destrución do territorio nos países de orixe. África e Rusia teñen sido até hoxe os principais fornecedores. Todo o importado até 2007 foi de gasoduto, procedente de Alxeria. A partir de 2007 a maioría do gas recibiuse como gas licuado transportado en barcos metaneiros até a regasificadora de Mugardos. Sete países concentran o 91% dos metaneiros descargados nesta planta até 2023: Nixeria, Rusia, Trindade e Tobago, EUA, Perú e Alxeria.
A posta en marcha da regasificadora de Reganosa, cuxa legalidade aínda se está a dirimir no Tribunal Supremo, fixo posíbel que Galicia se convertese en reexportadora de gas fósil, mais a grande maioría do gas importado destínase ao consumo interno. Despois de ascender de forma continuada nos primeiros 10 anos do proceso de gasificación (1998-2008), o consumo enerxético de gas fósil experimentou altos e baixos para retomar desde 2014 unha senda ascendente, atinxindo o seu teito en 2019-2022. As centrais eléctricas de ciclo combinado e a industria acaparan conxuntamente un 85-90% do consumo anual galego. A demanda dos fogares representa un 5-10% da total.
En Galicia non só se utiliza o gas fósil como fonte de enerxía senón tamén como materia prima para a fabricación de hidróxeno cincento, necesario no proceso produtivo da refinaría de petróleo de Repsol na Coruña. Paralelamente ao descenso progresivo da actividade da refinaría, até o seu peche ou transformación, sería preciso substituír canto antes o hidróxeno cincento por verde, obtido a partir de electricidade renovábel. Non obstante, a pretensión do sector gasista de usar o hidróxeno verde como vía para manter a súa posición no sistema enerxético é unha ameaza para unha transición enerxética rápida e xusta, na medida en que poida competir coa electrificación directa, máis eficiente, ou converter Galicia nun hub exportador de hidróxeno verde cara ao centro de Europa, grazas a proxectos como o H2Med, co que se integraría o hidroduto Guitiriz-Zamora, impulsado por Reganosa e Enagás.
Para cumprir o Acordo de París, Galicia debe deixar de usar gas fósil antes de 2035. O primeiro paso é pór fin ao seu emprego na produción eléctrica antes de 2030, pechando as centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa). Un obxectivo factíbel se se ampliar a capacidade de produción e almacenamento de electricidade limpa e se mellorar a xestión da demanda. Abandonado de vez o carbón en 2023, o gas natural é o próximo combustíbel fósil que podemos deixar atrás no camiño cara a un modelo enerxético totalmente renovábel en 2040.
Máis Información:
O informe ‘Gas natural, o combustíbel fósil que atrasou a transición enerxética’ pódese descargar aquí.
Galiza sen Gas está integrada por Amigas da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Ecoar Global. Federación alega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) y Verdegaia.