A Coruña destina máis de 10 millóns de euros a subvencionar voos non rendíbeis en Alvedro
- Un informe elaborado por Greenpeace denuncia as subvencións a diferentes aeroliñas realizadas desde 2019 a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
- O documento cuestiona o modelo aeroportuario de Galicia e todo o Eixo Atlántico, con catro aeroportos en menos de 300 quilómetros
- Greenpeace esixe ás administracións que deixen de subvencionar o avión -o modo de transporte máis contaminante- e dedique estes recursos para promover un modelo turístico e de mobilidade que non incremente as emisións de CO₂
13 de setembro de 2022.– O Concello da Coruña dedicou máis de 10 millóns para financiar voos deficitarios ao Aeroporto de Alvedro. É unha das conclusións que Greenpeace tirou á luz na súa última investigación, titulada “Trampulladas no aire: Análise das subvencións de concellos e comunidades ao sector aéreo”, no que denuncian as axudas que diversas administracións deron ás aeroliñas para manter voos deficitarios.
No caso coruñés, o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña concedeu desde 2019 máis de 10 millóns en subvencións a aeroliñas como Volotea, Binter, Iberia ou Vueling, a través de contratos de promoción turística e conectividade aérea. A estes contratos súmase unha recente adxudicación, non incluída no informe, por ser de datas posteriores, por un importe de 1,2 millóns a EasyJet para manter voos desde Alvedro a tres cidades europeas.
Mediante contratos xustificados como «Servizo de promoción do sector turístico local e a súa conectividade aérea» mantéñense uns roteiros que non serían rendíbeis sen estas inxeccións adicionais de cartos públicos. Un contrato que se prolongará deica o ano 2024, a pesar de ser unha práctica vixiada de preto por entidades como o Tribunal de Contas Europeo, ao supor unha perturbación dos principios de libre competencia.
No seu informe, Greenpeace cuestiona a xustificación do turismo para outorgar as devanditas axudas, debido a que lonxe de atraer visitantes estranxeiros, os destinos das liñas (como Canarias) parecen sobre todo destinos vacacionais da poboación propia. Unha fórmula similar á xa empregada polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra para manter voos en Peinador, ou mesmo pola propia Xunta de Galicia quen, xunto co Concello de Santiago, subvencionaron voos en Lavacolla antes da pandemia.
Segundo Adrián Fernández, responsábel da campaña de mobilidade de Greenpeace, “en plena emerxencia climática vemos como a Xunta, as deputacións e os concellos galegos financian unha actividade nociva para o medio ambiente, como é a aviación. Unhas axudas que baixo a aparencia de contratos de promoción turística, teñen como finalidade real que as aeroliñas manteñan de xeitos artificial uns voos innecesarios. Por iso esiximos aos concellos e deputacións que deteñan este tipo de axudas e dediquen estes recursos para promover un modelo turístico compatíbel coa protección do clima e a contorna.”
O mesmo informe alerta da saturación de aeroportos en Galicia, onde se concentran tres aeroportos en menos de 120 quilómetros. Esta situación agrávase ao ignorar a existencia do aeroporto do Porto, que absorbe unha boa parte do tráfico aéreo ao posicionarse como “aeroporto da eurorrexión”. A sustentabilidade económica dos aeroportos galegos atópase comprometida desde o principio por esta carencia de estratexia global, a pesar do cal as administracións seguen a dilapidar diñeiro público con tal de que eses voos non se desvíen a aeroportos próximos.
O avión é o medio de transporte máis contaminante por persoa
A través da súa campaña de mobilidade, Greenpeace chama a atención sobre o impacto do sector aéreo nas emisións de CO₂ e denuncia que en plena emerxencia climática as administracións sigan promovendo as viaxes en avión a pesar de ser o transporte máis contaminante por persoa transportada. Como exemplo, alguén que viaxe en avión da Coruña a Madrid estará a emitir 152 kg de CO₂; mentres que a mesma viaxe nun tren Alvia, que é 100 % eléctrico, supón só 14 kg de CO2.[1]
Greenpeace esixe á UE e aos estados membros a prohibición dos voos curtos cando se conte cunha alternativa en tren. Unha medida xa aplicada parcialmente en Francia e que non só reduciría as emisións procedentes da aviación, senón tamén evitaría as importacións de queroseno desde Rusia nun momento de crise enerxética.
A pesar de que as compañías aéreas expresaron a súa intención de acadar as emisións netas cero para o ano 2050, apenas hai evidencia de que as grandes aeroliñas poidan aliñar os seus obxectivos cos do Acordo de París. É a conclusión doutro informe, “Voamos cara ao fracaso climático: Unha análise dos sete maiores grupos aéreos europeos“, que Greenpeace publicou a nivel europeo este verán e que cuestiona a axenda climática de sete grandes grupos aéreos. Entre eles figuran firmas moi presentes en Galicia como EasyJet, Ryanair ou o grupo IAG, matriz de Iberia e Vueling.
Segundo se desprende do antedito informe as aeroliñas carecen de plans a curto prazo para reducir as súas emisións absolutas de CO₂ e sustentan a maioría dos seus compromisos climáticos en solucións que se consideran contraproducentes co medio ambiente, como os mecanismos de compensación de carbono ou un maior uso de agrocarburantes, cuxa produción está relacionada coa deforestación en rexións tropicais.
Notas:
[1] Comparativa elaborada a través da páxina especializada EcoPassenger.org