Greenpeace: presentación do informe 'Crise a toda costa'

A costa galega en risco: comezaremos a perder praias nos vindeiros dez anos

22-07-2024

  • As previsións sobre a erosión e a suba do nivel do mar mostran un retroceso das praias galegas de entre 20 e 30 metros para 2050
  • Greenpeace presenta hoxe un informe que repasa os principais riscos en Galiza e o resto de comunidades do litoral: destruír a costa é expoñer millóns de residentes
  • A suba do nivel do mar, o aumento da temperatura mariña, a intensificación dos fenómenos meteorolóxicos extremos e a turistificación masiva, principais causas do perigo

 

Greenpeace presenta hoxe o informe Crise a toda costa 2024. Análise da situación do litoral perante os riscos da emerxencia climática (sección Galiza AQUÍ), onde realiza unha radiografía do estado dos máis de 8000 km de costa española ante as ameazas que veñen.

Non hai rexión costeira española —e Galiza non é unha excepción— que non estea exposta a riscos por exceso de urbanización e infraestruturas, a contaminación, a construción de barreiras artificiais (como diques, espigóns, paseos marítimos ou portos deportivos), a dilapidación de recursos naturais e a canalización, o soterramento e os desvíos de leitos fluviais. Todas estas actuacións provocaron desequilibrios que se traducen no retroceso e a perda das praias e, con elas, a súa función de barreira protectora, o que supón un risco para millóns de persoas residentes no litoral.

A estas malas prácticas hai que sumar as debidas especificamente ao cambio climático:

A suba do nivel do mar, segundo as previsións da NASA, ocasionará a perda de praias na totalidade do litoral. Cómpre lembrar que, segundo a regra de Bruun, estímase que de media, por cada centímetro que suba o nivel do mar, a costa retrocederá un metro. Para 2030 xa se esperan impactos moi graves nas costas de Vigo, A Coruña e Vilagarcía. Concretamente, os tramos máis afectados por erosión e retroceso serán Foz, Viveiro, Ortigueira, Ferrol, Betanzos, A Coruña, Ponteceso, Carnota, ría de Muros-Noia, ría de Arousa, Pontevedra, Vigo e A Guarda. Para finais de século, en cidades como Vigo, o mar levará comidos máis de 40 metros de costa.

«Durante décadas, deformamos a costa á vontade, pero iso xa non funciona máis. Xa non chegamos a anticiparnos ao problema porque xa está aquí, mais as solucións teñen que poñerse en marcha con urxencia. Todo atraso comportará maiores custos económicos e humanos», explica María José Caballero, responsable de Costas en Greenpeace España.

A contaminación é un dos problemas máis graves aos que se enfronta a costa galega. A contaminante celulosa de ENCE na ría de Pontevedra, presente na costa grazas á neglixente e interesada xestión pública, destruíu unha das marismas máis ricas deste tramo litoral. Outro dos auténticos puntos negros é o provocado pola vertedura de augas residuais da mina San Finx ao regato das Rabaceiras, parte da rede fluvial que alimenta a ría de Muros-Noia, onde 1500 familias de mariscadoras recollen o 70 % do berberecho galego. Outro proxecto que tería un impacto negativo na costa galega sería a macrocelulosa de Palas de Rei (A Ulloa), que vertería 30 000 m3/día de augas contaminadas, as cales rematarían na ría de Arousa, afectando aos seus bancos marisqueiros e a súa pesca tradicional. De igual xeito, a posible reapertura da Mina de Touro, que leva contaminando décadas a bacía do Ulla e que a Xunta vén de declarar proxecto industrial estratéxico, podería resultar tamén catastrófico para a ría de Arousa.

A contaminación presente nas rías está a poñer a súa biodiversidade en risco. A Xunta non publica datos actualizados sobre verteduras nas rías galegas. Así e todo, Augas de Galicia recoñece preto de 2000 verteduras na costa e cando menos un 10 % de contaminantes fóra dos límites legais, ben que as diferentes plataformas en defensa das rías afirman que son moitos máis. Rías como Arousa, Vigo, Muros-Noia, Pontevedra ou Ferrol son as máis castigadas pola contaminación.

Ademais da contaminación, tamén a diminución da salinidade da auga mariña e o cambio climático están a ameazar a supervivencia de especies como o percebe, varias especies de ameixas, a nécora e o centolo.

Solucións para a costa

É urxente facerlles fronte a estes riscos. Tan só cunha redución moderada das emisións de gases de efecto invernadoiro sería posible evitar o 40 % do retroceso das praias de todo o mundo. Tamén son precisas medidas de adaptación a todos os niveis (municipal, autonómico e estatal) que minimicen os danos e procuren solucións reais e duradeiras. Estas deben ser locais, pois cada tramo do litoral ten características propias, deben ser acordadas polas administracións e contar coa participación da cidadanía de forma urxente. Protexer e conservar as praias suporía un beneficio 150 veces superior a deixar que sigan a deteriorarse.

«A costa protéxenos dos eventos meteorolóxicos extremos e a suba do nivel do mar provocados polo cambio climático, mais seguimos a maltratala. A perda das súas características naturais debe reverterse para que nos poida protexer», explica Caballero.

Para reverter a situación actual, resulta imprescindible:

  1. Aplicar políticas ambiciosas de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e normativas de adaptación e protección da costa de acordo co que marca a ciencia.
  2. Devolver a calidade ambiental aos espazos costeiros para ter sistemas naturais estables que protexan dos peores riscos.
  3. Acabar coa contaminación que empobrece a calidade das augas e nos supón o pagamento de cuantiosas multas á Unión Europea.
  4. Poñer couto á turistificación masiva con medidas como a limitación de voos e cruceiros, o establecemento de taxas por pernoctación que repercutan na mellora dos servizos públicos e a rexeneración de ecosistemas ou a limitación de aloxamentos turísticos e a participación cidadá na planificación turística.
  5. Introducir as previsións sobre o cambio climático na planificación urbanística e de infraestruturas.
  6. Impedir a construción de infraestruturas e a urbanización que xeren barreiras artificiais que fan de pantalla e impiden que a area se deposite nas praias, co que aumenta a virulencia dos temporais mariños.
  7. Conservar e facilitar a expansión cara ao interior de marismas e zonas húmidas (son grandes disipadoras da enerxía do mar e, polo tanto, excelentes aliadas na protección) e recuperar os sistemas dunares. Prohibir proxectos nestas zonas e retirar as que existan.
  8. Revisar os deslindes (a delimitación) que determinan o dominio público marítimo-terrestre (100 metros en zonas non-urbanizables en 20 en zonas urbanizables), que constitúe a zona mínima de protección fronte ás DINA, os temporais e a suba do nivel do mar.
  9. Recuperar as zonas inundables. En España, as inundacións son, despois das vagas de calor, o segundo fenómeno natural que máis mortes provoca. Liberalas de construcións (a súa presenza aumenta exponencialmente os danos e riscos) e recuperar os leitos naturais de ríos e enchentes.
  10. Promover a investigación científica das afeccións provocadas tanto polas barreiras artificiais coma polo cambio climático nos ecosistemas, as especies mariñas e a saúde das persoas.

 

———————

Ligazón á sección Galiza do informe AQUÍ

Ligazón ao informe completo AQUÍ

 


Comparte!