A sociedade civil presenta alegacións ao “non-Decreto” de nitratos da Xunta de Galicia
- O Proxecto de Decreto de Nitratos se enroca no negacionismo sobre o problema da contaminación por nitratos no canto de achegar medidas que vaian á súa raíz: a desmesurada cabana gandeira intensiva de Galicia
- Segundo un informe da Comisión Europea, Galicia soporta 2,3 UGM (Unidades de Gando Maior) por hectárea, moi por encima da media española e europea de 0,7 UGM/ha
- Na conca da Limia a xeración de excrementos por parte da gandería equivalen aos xerados por uns dous millóns de persoas, cando a poboación era de tan só 24.736 persoas en 2020
Greenpeace, o Movemento Ecoloxista da Limia e a Sociedade Galega de Historia Natural presentaron alegacións ao Proxecto de Decreto de Nitratos da Xunta de Galicia, que se atopa aberto á participación pública ata o próximo día 3 de setembro, coa intención de que se reformule e sirva realmente para reducir e evitar a contaminación por nitratos xerada polo sector agropecuario e, moi en particular, pola gandería intensiva.
Lonxe de intentar reducir e evitar a contaminación por nitratos de fontes agrarias, a Xunta de Galicia se enroca no negacionismo do problema e nunha falsa carencia de estudos que acrediten a orixe agraria da contaminación.
Máis da metade do preámbulo e case un terzo da extensión total do borrador de Decreto dedícanse a cuestionar as evidencias sobre a importancia da contaminación por nitratos de orixe agraria en Galicia, atrasando de xeito irresponsable a toma de decisión e a adopción de medidas correctoras, algo que se debería levar a cabo hai anos.
Segundo a Xunta, en Galicia non hai declaradas zonas vulnerables pois “non existe acreditación da orixe agraria da contaminación” e a día de hoxe “non se dispón dos datos definitivos e concluíntes aprobados pola autoridade competente sobre as presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas, polo que non cabe a designación de zonas vulnerables por parte da comunidade autónoma, xa que a correcta designación delas esixe a acreditación, mediante as probas pertinentes, da orixe agraria dos compostos nitroxenados detectados nos puntos de medición así como da súa contribución de forma significativa á referida contaminación”.
En contra do afirmado pola Xunta, os Plans Hidrolóxicos vixentes inclúen os planos coa presión por “escorreduras urbanas e rede de sumidoiros” e cos excedentes de nitróxeno (kg/ha/ano) de orixe agraria debidos a cultivos de secaño, cultivos de regadío, gandería non estabulada e gandería estabulada.
No caso concreto das augas oficialmente afectadas pola contaminación de nitratos no encoro das Conchas e a necesidade de declarar zona vulnerable a conca do Limia augas arriba do encoro os datos non poden ser máis claros:
- A presión por “escorreduras urbanas e rede de sumidoiros ” é moi baixa, pois apenas o 1% – 4% do territorio está urbanizado.
- O excedente de nitróxeno polos cultivos de secaño e regadío está entre 1 e 10 kg/ha/ano.
- O excedente de nitróxeno por gandería non estabulada está entre 2,5 e 15 kg/ha/ano.
- O excedente de nitróxeno por gandería estabulada está entre 20 e 102 kg/ha/ano na maior parte da conca, polo que é responsable dun 80-85% do excedente de orixe agraria.
Por se as devanditas evidencias fosen insuficientes, as estatísticas oficiais de 2020 revelan que, na conca do Limia ata a presa das Conchas, a carga gandeira era de 111.500 UGM, que en produción de feces e ouriños equivalen a uns 2 millóns de persoas, cando a poboación era de tan só 24.736 persoas. É dicir, a xeración de feces e urina pola gandería era unhas 80 veces maior que a da poboación humana.
A desmesurada carga gandeira que soporta Galicia vén confirmada polo informe recentemente elaborado pola Comisión Europea no que se analiza a aplicación da Directiva de Nitratos durante o período 2020-23 e no que se establece que a carga gandeira de Galicia é de 2,3 UGM/ha, só por detrás de Cataluña con 3 UGM/ha, e moi por encima da media estatal e europea de 0,7 UGM/ha.
“Lendo o ‘non-proxecto’ de nitratos e as declaracións do presidente Rueda dá a sensación de que á Xunta non lle importa que as augas de Galicia estean contaminadas por nitratos – que o están, e o mellor exemplo é o encoro das Conchas – senón determinar a orixe da contaminación, cando este está máis que claro: é a agricultura e moi principalmente a gandería industrial”, manifestan as organizacións asinantes.
Para dar realmente solución ao problema da contaminación por nitratos en Galicia, o futuro Decreto de Nitratos debería incluír, entre as medidas, a redución do uso de fertilizantes sintéticos e, especialmente, a prohibición de novas granxas ou ampliación das existentes:
- En municipios con balance de Nitróxeno que exceda a media de Galicia (aprox. 41 kg N/ha/ano).
- En municipios nos que a concentración de nitratos nas augas aumentase en máis de 5 mg/l entre 2016 e 2024, período para o cal hai datos do Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC).
- Se o incremento de UGM por unidade de SAU conleva que se excedan os niveis de carga gandeira recomendados pola UE no polígono da concentración parcelaria onde se sitúan as parcelas ou na parroquia onde se sitúan as parcelas no caso de que non estea feita a concentración parcelario.
- Reducir polo menos un 50% a cabana gandeira en intensivo ata o 2030.