Reactivo perante as filtracións de informes sobre o proxecto Gama de Altri
Altri: Greenpeace demanda a paralización do proxecto e unha investigación para depurar responsabilidades
- A filtración á prensa do informe de Augas de Galicia para a declaración de impacto ambiental do Proxecto Gama de Altri dana gravemente os dereitos das persoas, colectivos e institucións que contribuíron no proceso de participación pública e levan máis dun ano agardando coñecer os informes
- Greenpeace denuncia unha estratexia mediática do Goberno galego para impoñer os intereses dunha empresa privada sobre a protección da natureza e a estrutura socioeconómica de Galicia
Diante das sucesivas filtracións á prensa de supostos informes sectoriais relacionados co proceso de Declaración de Impacto Ambiental da fábrica de celulosa de Altri na Ulloa, a organización ecoloxista Greenpeace esixiu hoxe a paralización temporal do proceso e unha investigación independente para depurar responsabilidades sobre o que considera “un xeito de proceder absolutamente escandaloso e un desprezo á cidadanía por parte do Goberno galego”. Para a organización, as continuas declaracións de altos cargos do Goberno galego favorábeis á instalación de Altri xa indicaban que a decisión estaba tomada antes de encargar os informes sectoriais, e a súa filtración interesada só parece responder á necesidade de facer cambiar de criterio a unha opinión pública que se se manifestou constante e masivamente contra o proxecto.
“Estamos diante dunha forma de actuar que non ten precedentes nos procesos de avaliación ambiental en Galicia e que é absolutamente desleal coa cidadanía. Non parece lóxico nin ético que, perante o proxecto industrial máis controvertido das últimas décadas en Galicia, un só medio de comunicación teña acceso á documentación máis salientábel antes que as decenas de miles de persoas que alegaron pola vía oficial. O que si parece é que, diante dos esmagadores argumentos de quen se opón a Altri, o Goberno galego emprendeu unha estratexia mediática orientada para impoñer custe o que custar os intereses dunha empresa privada sobre a protección da nosa natureza e sobre a estrutura socioeconómica de Galicia”, declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
Malia que non é a primeira vez que dende a Xunta de Galicia filtran presuntos informes favorábeis á instalación de Altri, o acontecido o pasado sábado 1 de febreiro coa publicación de detalles do informe de Augas de Galicia é absolutamente insólito, por canto numerosas organizacións levan agardando unha decisión por parte deste organismo desde decembro de 2023. Na filtración danse ademais detalles sobre supostas “melloras tecnolóxicas con respecto ao seu plan orixinal”, co que as emisións de nitróxeno e fósforo serían considerabelmente menores ás establecidas orixinalmente. Esta variación contrasta coas numerosas afirmacións realizadas até a data por parte da papeleira Altri, que asegurou por activa e por pasiva que o Proxecto Gama contaba coas Mellores Técnicas Dispoñíbeis para evitar o agravamento das xa contaminadas masas de auga afectadas. Isto indica que as análises de plataformas, entidades académicas e organizacións ecoloxistas sobre os impactos de Altri estaban no certo, e agora o Goberno e Altri tratan de corrixir sobre a marcha e sen ningunha seriedade.
“Están a atravesarse todas as liñas vermellas que separan os procesos administrativos garantistas das imposicións interesadas, e isto pode xerar unha grave fractura social. Cómpre que alguén pare esta tolemia. Por iso tamén queremos reiterar a nosa petición aos responsables de Altri para que descarten instalarse en Galicia e que cumpran os desexos do seu responsable, José Soares de Pina, cando afirmou que ‘non facemos investimentos onde non os queren”, concluíu Manoel Santos.