Aulas que botan lume en Ourense: Greenpeace denuncia con cámaras termográficas as altas temperaturas nos centros educativos
- Os vídeos e fotografías térmicas tomados en seis colexios e institutos de Alacante, Barcelona, Madrid, Ourense e Sevilla visibilizan as temperaturas insostíbeis que poñen en risco a saúde dos menores
- No caso galego, as temperaturas mínimas nas aulas documentadas sitúanse xa preto dos 27 °C, límite legal establecido pola lexislación laboral para traballar. No centro do patio, as zonas sen sombra superan os 40 °C
- Segundo os estudos científicos, a partir dos 24 °C diminúe o rendemento escolar por cada grao que aumenta a temperatura
Ir a clase a final de curso está a converterse nun risco para a saúde. Greenpeace visitou seis colexios e institutos de Alacante, Barcelona, Madrid, Ourense e Sevilla para documentar, mediante cámaras termográficas1, as elevadas temperaturas que se viven estes días nos centros educativos do país. A organización súmase así ás peticións históricas das familias e a comunidade educativa para adaptar de forma sostíbel os centros e patios á calor. Reclamacións que, ademais, están a percorrer varios puntos do país sumándose a outras reivindicacións perante as carencias da educación pública.
IMAXES TERMOGRÁFICAS DAS AULAS, AQUÍ
Os estudos científicos apuntan a que a temperatura óptima para un bo rendemento escolar atópase ao redor dos 22 °C-24 °C en climas tépedos. A partir dos 24 °C até os 32 °C redúcese progresivamente o rendemento por cada 1 °C de aumento de temperatura2. A través dunha paleta de cores que vai desde o azul escuro (temperatura máis baixa rexistrada en cada imaxe) ao amarelo (maior temperatura), as cámaras termográficas de Greenpeace amosan como as temperaturas para a aprendizaxe óptima supéranse en todos os centros visitados. Tamén se superan coas mínimas os 27 °C, temperatura que establece a lexislación laboral como máxima para a realización de traballo sedentario.
No caso de Galicia, onde Greenpeace visitou esta semana un colexio de Ourense, as temperaturas mínimas nas aulas sitúanse preto dos 27 °C, límite legal establecido pola lexislación laboral para realizar traballos de carácter sedentario. No centro do patio, as zonas sen sombra superan os 40 °C.
“A calor excesiva non é ningunha fonte de inspiración para ninguén. Provoca graves impactos na saúde, como esgotamento por calor e golpe de calor, entre outros. Alén do risco sanitario, ten efectos sobre a capacidade cognitiva, a concentración e a comprensión, o que pon en xaque a calidade do ensino”, sinalou Elvira Jiménez, responsábel de adaptación ao cambio climático de Greenpeace.
Os menores son un colectivo especialmente vulnerábel á deshidratación, ao esgotamento por calor e á tensión térmica. Os seus mecanismos de termorregulación diante de temperaturas extremas non son tan eficientes como os das persoas adultas3. Doutra banda, os seus patróns de comportamento, como realizar actividades ao aire libre ou non hidratarse coa frecuencia axeitada, tamén afectan a esta vulnerabilidade. Asemade, pasan a maior parte do seu día nos centros escolares, tanto dentro dos edificios como nos patios, coincidindo coas horas de máis calor. Aínda por riba, a contaminación, presente en moitas contornas escolares dos centros urbanos, actúa como un factor ambiental agravante.
Son numerosas as voces expertas que reclaman medidas contra a calor nas aulas. Após o episodio de altas temperaturas vividas en maio, o Comité de Saúde Medioambiental da Asociación Española de Pediatría reclamou medidas de climatización en colexios e institutos4, demanda á que tamén se sumou UNICEF España5.
“A adaptación dos edificios e patios á realidade climática non é ningún capricho. É unha cuestión de saúde pública e do dereito a unha educación de calidade. As administracións non poden seguir mirando cara a outro lado desatendendo ás familias e as voces expertas. Se estas condicións considéranse inaceptábeis nunha contorna laboral, por que se aceptan para nenos e nenas? “, destacou Jiménez.
O parón escolar de xullo e agosto xa non abonda para esquivar a calor. Por mor do cambio climático, as temperaturas de verán alongáronse cinco semanas, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía. Así mesmo, os episodios de altas temperaturas e as ondas de calor adiantáronse a maio e xuño6, e alónganse até setembro, o que expón á comunidade educativa a temperaturas límite durante o período lectivo. Esta situación prolóngase mesmo alén do peche do curso, xa que moitos colexios seguen activos durante o verán para acoller campamentos, colonias ou mesmo clases, como é o caso da etapa de 0-3 anos, na que as escolas infantís permanecen abertas todo o mes de xullo.
A pesar da evidencia científica7, así como das voces expertas e as mobilizacións cidadás que reivindican medidas contra a calor nas aulas, aínda son minoría os centros nos que as autoridades competentes executan proxectos de adaptación quer dentro dos edificios quer nos espazos exteriores, coa falta de financiamento e de liderado institucional como principais barreiras.
Diante da insuficiencia de protocolos, urxen reformas estruturais de climatización eficiente e descarbonizada nos centros educativos para protexer os usuarios sen agravar o cambio climático. Nos espazos exteriores, a naturalización dos patios é unha solución chave que non só achega frescura, senón beneficios físicos e cognitivos ao alumnado mediante o xogo na natureza. Amais, cando abren ao barrio fóra do horario lectivo, as escolas mudan en valiosos refuxios climáticos e espazos de coidado comunitario.
Demandas de Greenpeace
- Bioclimatización e fóra os combustíbeis fósiles das aulas: instalar enerxía renovábel e deseños pasivos (ventilación cruzada natural, protección solar, sistemas sostíbeis de climatización, illamento térmico…) para conseguir confort térmico, mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, mentres se reducen as emisións.
- Naturalización de patios e contornas escolares: maior cobertura verde e espazos de sombra (incluídas fachadas e azoteas) para crear non só contornas máis frescas, senón que melloren o benestar e promovan a biodiversidade urbana.
- Vías escolares seguras: as contornas e percorridos habituais aos centros tamén deben garantir a seguridade e o benestar con sombra e auga. Para iso debe fomentarse a creación de vías escolares seguras, con itinerarios peonís e ciclistas accesíbeis, protexidos e ben sinalizados nos que se reduza a velocidade e se pacifique o tráfico nas rúas achegadas aos colexios para eliminar o factor agravante da contaminación.
- Barrios quentes primeiro: priorizar nestas reformas os centros educativos en barrios con maiores temperaturas para non acrecentar desigualdades no risco e a adaptación á calor.
- Investimento axeitado e prazos de execución realistas para a implantación destas medidas.
- Plans autonómicos ambiciosos con: regulación das condicións mínimas de habitabilidade, auditorías enerxéticas de cada centro, relación de centros nos que intervir anualmente, equipos de xestores enerxéticos, formación para unha xestión eficiente do consumo de enerxía a toda a comunidade educativa, medidas de transparencia e información pública, así como garantir a participación de toda a comunidade educativa en cada fase.
- Guías para a adecuación e rehabilitación ambiental bioclimática, así como para o uso de enerxías renovábeis nos centros educativos.
- A repartición de competencias non pode ser unha escusa: as comunidades autónomas teñen a maior responsabilidade e deben coordinarse con concellos e Estado, que tamén poden acelerar os traballos neste eido.
A adaptación segue a ser unha materia pendente por parte da maioría de gobernos no Estado español. Trátase dunha medida básica que require investimentos urxentes, non só nos centros educativos, mais tamén para vivendas e outras edificacións, espazos públicos e os sectores socioeconómicos afectados polos impactos prexudiciais do cambio climático.

Aula nun instituto de secundaria en Orense, Galicia.

Patio nun instituto de secundaria en Orense, Galicia.
Notas
- As imaxes termográficas teñen unha finalidade divulgativa e comunicativa. Mostran diferenzas relativas de temperatura entre espazos, pero non constitúen unha medición científica nin un estudo técnico das condicións térmicas.
A cor correspondente a cada temperatura varía en cada imaxe, xaora que depende do gradiente de temperatura que se dea en cada toma.
Na imaxe, ‘Cen’ indica a temperatura no centro da imaxe (marcada polo punto obxectivo en branco) e ‘Max’ a temperatura máxima na imaxe (marcada polo punto obxectivo laranxa). Este último pode situarse en obxectos como aparellos eléctricos, ordenadores ou luces no caso de interiores. Para evitar dar datos de lecturas distorsionadas recoméndase verificar na imaxe que eses valores centrais ou máximos non están sobre aparellos ou persoas. - https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0360132319302987
- https://www.mdpi.com/2072-6643/11/9/2010
- https://efesalud.com/calor-aulas-menores-pediatras-efectos/
- https://www.europapress.es/epsocial/infancia/noticia-unicef-espana-pide-adaptar-climatizar-aulas-calor-extremo-proteger-infancia-20260604170549.html
- No que vai de 2026, experimentamos 16 días de anomalías de calor e ningunha de frío. Catro deses días déronse durante o episodio de altas temperaturas do pasado mes de maio.
- Un estudo recente de ISGlobal que suxire que a exposición á calor nos primeiros anos de vida pode afectar o desenvolvemento da materia branca do cerebro. Tamén indica como este efecto intensifícase cando as nenas e nenos viven en barrios de menor renda. Esta vulnerabilidade agrávase nos centros e aulas de Educación Especial ou nos centros que acollen todas as etapas educativas, dende infantil até secundaria, onde conflúen todas as necesidades.