Chamamento á banca para que non financie a fábrica de celulosa de Altri en Galicia
- A organización internacional BankTrack, en colaboración coa Rede Environmental Paper Network (EPN) e Greenpeace España, publicou hoxe un novo ‘Dodgy Deal’ (acordo turbio) que expón os devastadores custes ambientais e sociais do megaproxecto liderado por Altri
BankTrack, en colaboración coa Rede Environmental Paper Network (EPN) e Greenpeace España, publicou hoxe un novo perfil sobre a controvertida fábrica de celulosa e lyocell do proxecto Gama, proposta en Palas de Rei (Lugo, Galicia) pola empresa portuguesa Altri. O perfil inclúese na base de datos Dodgy Deal de BankTrack, que recompila información sobre empresas ou proxectos con impacto negativo nas persoas e o planeta que poderían ser financiados por bancos.
A publicación deste perfil chega nun intre de crecente indignación pública, xa que as protestas contra o proxecto seguen a mobilizar masivamente ás comunidades de toda Galicia, cunha nova manifestación programada para o vindeiro domingo 1 de xuño. A protesta, baixo o lema “Nin Ence na Ría, Nin Altri na Ulloa”, oponse ao proxecto e aos seus potenciais impactos negativos na comarca da Ulloa, o río Ulla e a ría de Arousa, e esixe ao goberno español que negue a concesión de calquera financiamento público ao proxecto.
O detallado perfil do acordo turbio expón os impactos destrutivos do proxecto, proposto por Greenfiber, unha empresa conxunta do conglomerado portugués Altri (75 %) e a española Greenalia (25 %). O perfil destaca o impacto devastador na biodiversidade e varias especies endémicas, xunto cun alto consumo de auga, que supera o da poboación total da provincia de Lugo, duns 325.000 habitantes. Tamén chama a atención sobre un posíbel aumento na demanda de plantacións de eucalipto, que podería chegar a sumar até 190.000 hectáreas na rexión peninsular onde estes cultivos xa están máis concentrados, o que tamén aumenta o risco diante dos incendios forestais.
Perante a crecente preocupación de que este proxecto tan daniño poida seguir adiante a pesar da resistencia local, a información proporcionada no perfil de Banktrack é crucial para garantir que todas as partes interesadas, incluídos os posíbeis financiadores, sexan plenamente conscientes das consecuencias negativas que este proxecto terá para a saúde das persoas, os ecosistemas locais, a economía e os medios de vida tradicionais.
A protesta do 8 de maio en Madrid, organizada pola Plataforma Ulloa Viva, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, marcou o último capítulo dunha onda de manifestacións a grande escala contra o proxecto, que comezou xa hai máis dun ano. O 4 de maio, centos de persoas e embarcacións participaron noutra protesta ao longo do río Ulla até Padrón (A Coruña) e o pasado decembro, máis de 100.000 persoas protestaron na capital de Galicia, Santiago de Compostela, pondo de manifesto a ampla oposición que existe no país. Está previsto que as protestas continúen o 1 de xuño en Pontevedra.
“As nosas comunidades expresáronse con claridade”, declarou unha portavoz de Ulloa Viva. “Non podemos permitir que fondos públicos financien un proxecto que ameaza os nosos cursos fluviais, ecosistemas e medios de vida”.
O custo total estimado da primeira fase do proxecto é de 900 millóns de euros. Altri solicita ao goberno español axudas públicas por un valor de ata 250 millóns de euros. O financiamento restante procederá de entidades privadas ou de entidades financeiras de desenvolvemento.
Coa firme oposición de decenas de milleiros de residentes, asociacións e empresas locais, o proxecto Gama ameaza os ecosistemas, os medios de vida, a saúde e a calidade da auga, o que supón un risco reputacional que, segundo Banktrack, ningún banco ou investidor responsábel pode permitirse ignorar.
Máis información:
BankTrack é unha organización internacional de apoio á sociedade civil dirixida aos bancos comerciais do sector privado e as actividades que financian. A súa misión é instar os bancos comerciais de todo o mundo para actuar con urxencia, decisión e xustiza diante da crecente crise climática, a continua destrución da natureza e a violación xeneralizada dos dereitos humanos. A inclusión dun proxecto ou empresa nos perfís Dodgy Deal (acordo turbio) ten como obxectivo exercer presión pública sobre os bancos para que reforcen os seus compromisos políticos e se absteñan de financialos.