A bici reclama un sitio no tren galego
Colectivos piden a Renfe en Galicia que permita levar bicicletas no tren sen atrancos
- Ciclistas e ecoloxistas cumprimentaron decenas de follas de reclamacións e despregaron pancartas nas estacións da Coruña, Compostela, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo para pedir a Renfe que facilite a intermodalidade bici-tren
- Denuncian que a empresa pon moitas dificultades para que nos trens galegos as persoas poidan desprazarse coa súa bicicleta, o que imposibilita despois empregala como medio de transporte limpo na cidade de destino
- A propia Renfe afirma na súa web que “A combinación Tren+Bici é clave para unha mobilidade urbana fluída e limpa, e ao mesmo tempo, os trens de Renfe son o medio ideal para combinarse co cicloturismo”
Decenas de persoas pertencentes a colectivos ciclistas e ecoloxistas* acudiron hoxe coas súas bicicletas aos despachos de billetes das principais estacións ferroviarias do Eixo Atlántico para esixirlle á compañía poder transportar sen dificultades as súas bicicletas e así usalas despois nas cidades de destino. Nunha acción coordinada á mesma hora nas estacións da Coruña, Compostela, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo-Urzáiz cubriron ducias de follas de reclamacións nas que pediron a Renfe que permita levar máis bicicletas nos trens e que non cobre suplemento por traxecto e amosaron pancartas coa mensaxe “Bici no Tren Xa!”.
Segundo os colectivos, en Galicia a intermodalidade entre o tren e a bicicleta é case unha andrómena. A ausencia de trens de proximidade fai que os percorridos polo Eixo Atlántico só se poidan facer en trens de Media Distancia (Avant, MD e Rexionais). Acusan a Renfe de poñer demasiadas dificultades para que neste tipo de trens, ao contrario que acontece nos de cercanías doutros lugares do Estado, as persoas poidan desprazarse coa súa bicicleta para despois empregala como medio de transporte sostíbel no destino. Nos trens rexionais e MD galegos a compañía só permite subir tres bicicletas por traxecto completo e cobra un suplemento cando os traxectos son de máis de 100 quilómetros.
“Unha familia ou un grupo de máis de tres persoas non pode levar as súas bicicletas no mesmo tren, se ten a sorte de que alguén que viaxa na mesma liña non collera antes os tres billetes. Ademais Renfe cobra un suplemento por bici para os traxectos de máis de 100 Km, polo que entre Vigo e Santiago, por exemplo, teremos que aboar 3 € por bici e traxecto. O mesmo acontece entre Compostela e Ourense, co agravante de que as tres bicis só poden ir nun dos dezaseis trens que unen ambas as cidades cada día, xa que o resto son Alvia ou Avant e só admiten bicis pregábeis”, denuncian dende as organizacións.
A propia Renfe afirma na súa web que “A combinación de Tren+Bici é clave para unha mobilidade urbana fluída e limpa, e ao mesmo tempo, os trens de Renfe son o medio ideal para combinarse co cicloturismo e ofertar unha solución eficaz para levar máis aló a afección por este deporte e, para moitos, modo de vida”. No entanto, afirman dende a organización do acto, “en Galicia estas son palabras baleiras de contido, pois isto só vale para as cercanías. As dificultades que pon Renfe para onde, como en Galicia, non se conta con este servizo, son moi elevadas e debería solucionalas. As grandes áreas urbanas de Galicia son das poucas do estado que carecen de trens de proximidade, malia contar con moitos percorridos que por tempo se enmarcan nesta definición”.
Bicicletas, trens e cambio climático
Os colectivos lembran que abordar a emerxencia climática para limitar o quecemento global a 1,5º para 2030 como reza o Acordo de París require, segundo indica a comunidade científica internacional (IPCC), facer baixar as emisións de Gases con Efecto Invernadoiro (GEI) de xeito moi rápido a nivel global. Para isto cómpre unha importante transformación social e económica en tódolos sectores, dende o enerxético ao transporte, industria, comercio, residencial, agrogandeiro, etc. Destes sectores, o transporte xa é hoxe a principal fonte de emisións de GEI, un 34% en Galicia. Cómpre polo tanto actuar neste eido, prescindindo ao máximo dos vehículos particulares impulsados por motores de explosión. Apostar polo transporte público e a mobilidade non motorizada é un imperativo.
“O transporte ferroviario parece ser a mellor escolla para solucionar os desprazamentos a media e longa distancia en Galicia, pero o país carece dun transporte de cercanías malia que moitos traxectos, por distancia e tempo, son deste tipo. Ao tempo, combinar esta opción co transporte urbano non motorizado (a pé e en bicicleta) é sen dúbida a opción na que temos que avanzar”, engadiron os colectivos da acción de hoxe.
Nas súas reclamacións a Renfe insistiron en catro puntos fundamentais:
- Que Renfe procure unha solución para non limitar o número de bicis nun tren a só tres por traxecto.
- Que se permita subir bicicletas sen encartar nos trens Avant, xa que o modelo de tren que se utiliza (s121) tiña enganches de bicicletas en orixe, pero Renfe retirounos e agora ese espazo está infrautilizado.
- Que o custe por levar a bici no tren sexa de balde, independetemente do número de quilómetros que se percorran.
- Que Renfe sexa consecuente ca súa campaña “TREN E BICI PARA A MOBILIDADE URBANA” e que isto se aplique aos trens de MD en Galicia, xa que non se dispón dun servizo de cercanías e isto crea unha discriminación coas viaxeiras e viaxeiros galegos.
*Colectivos participantes: A Golpe de Pedal, Arousa en Bici, Composcleta, Conbici, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Mobi-liza, Mulleres Bicivisíbeis, Pedaladas, Verdegaia, Vigo Ciclábel