Comeza a aventura: posta de quilla do novo barco de Greenpeace nos estaleiros Freire de Vigo
- O veleiro, de 75 metros de eslora, integrará tecnoloxía punteira para optimizar a eficiencia enerxética e reducir drasticamente a pegada de carbono deste tipo de embarcacións
- Os barcos son un emblema para Greenpeace: as ferramentas máis poderosas para enfrontar a quen destrúe o planeta e para amosar a beleza dun mundo polo que paga a pena loitar
A posta de quilla do novo buque insignia de Greenpeace Internacional, nos estaleiros Freire de Vigo, supón un importante paso adiante na redución da pegada de carbono da industria naval.
“Este novo buque, construído polo estaleiro Freire de Vigo baixo os máis altos estándares ambientais, de sustentabilidade e de dereitos humanos, representa a vangarda da construción naval ecoloxicamente responsábel e, sen dúbida, converterase na nova icona da organización”, sinalou Eva Saldaña, directora executiva de Greenpeace España.
“Estamos orgullosos de que Greenpeace escollese o estaleiro Freire para a construción do seu buque insignia. Para nós é unha honra participar nun proxecto único no mundo, que integra múltiples fontes de enerxía co obxectivo de reducir significativamente o uso de combustíbeis fósiles e minimizar a pegada de carbono do barco”, afirmaron Marcos Freire e Guillermo Freire, directores xerais do estaleiro.
O veleiro terá 75 metros de eslora e case 2.000 metros cadrados de superficie vélica. Estará equipado con sistemas de xeración e almacenamento de enerxía, como baterías, paneis solares e tecnoloxía de rexeneración, para aproveitar ao máximo as enerxías eólica e solar. O seu sistema de propulsión incluirá pilas de hidróxeno e motores capaces de utilizar metanol como combustíbel, o que reducirá significativamente o uso de combustíbeis fósiles e minimizará a súa pegada de carbono.
“Os barcos de Greenpeace simbolizan os principios e valores da organización: están en mans das persoas, son globais, innovadores e, con eles, levan a cabo arriscadas operacións. Son as ferramentas máis poderosas de campaña, xa que permiten a Greenpeace chegar a lugares que non son visíbeis para a maioría, enfrontar a quen destrúe o planeta e amosar a beleza oculta dun mundo polo que paga a pena loitar”, conclúe Saldaña.
Información adicional, AQUÍ