Comeza en Galiza a construción do novo barco de Greenpeace
- O veleiro estará á vangarda da responsabilidade ecolóxica e da capacidade marítima, reducindo drasticamente a pegada de carbono deste tipo de embarcacións
- O estaleiro Freire, en Vigo, foi seleccionado para o traballo pola súa capacidade para acadar os máximos estándares ambientais, de sustentabilidade e dereitos humanos
- Os barcos son emblemas para Greenpeace, as ferramentas máis poderosas para enfrontar aos que destrúen o planeta e amosar a beleza dun mundo que merece ser máis verde e en paz
Greenpeace Internacional asinou un contrato para iniciar a construción dun novo barco ecolóxico. Cando estea rematado, o novo buque representará a vangarda da construción naval ecoloxicamente responsable e demostrará que é posible ampliar a capacidade marítima e ao mesmo tempo reducir drasticamente a pegada de carbono.
O novo barco de Greenpeace será construído polo estaleiro Freire, en Vigo. O estaleiro foi seleccionado despois dun extenso proceso de licitación debido á súa capacidade para construír este novo buque cos máis altos estándares ambientais, de sustentabilidade e de dereitos humanos. Será un veleiro e está deseñado para empregar a menor cantidade posíbel de combustíbeis fósiles dende o seu lanzamento e para facer a transición a enerxía 100 % verde tan pronto como sexa técnica e loxisticamente posíbel.
Cando comece a construción do barco, a organización iniciará unha campaña de recadación de fondos para poder financiar o que será unha plataforma única e poderosa para campañas polo medio ambiente e a paz.
Ademais de ser poderosas ferramentas, os barcos de Greenpeace simbolizan os principios e valores da organización: están en mans das persoas, son globais, innovadores e, con eles, lévanse a cabo arriscadas operacións. A frota permite a Greenpeace chegar a lugares que non son visíbeis para a maioría, confrontar aos saqueadores e contaminadores en alta mar e amosar a beleza oculta dun mundo polo que paga a pena loitar.
Agora máis ca nunca, ademais de esixir responsabilidades a aqueles que destrúen o medio ambiente, temos que liderar solucións innovadoras que minimicen a explotación da natureza e que constrúan un futuro verde e en paz para todas as persoas.