Denuncian o Premio de Narrativa Breve en galego de Repsol como 'greenwashing'

22-09-2022

  • O certame de Narrativa Breve en lingua galega é o patrocinio máis visíbel e salientábel da petroleira en Galicia
  • A refinaría de Repsol na Coruña é a segunda industria galega con maiores emisións de gases causantes de cambio climático
  • Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace piden á Consellería de Cultura que deixe de co-organizalo coa empresa enerxética

 

As organizacións ecoloxistas Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, xunto co Observatorio Galego da Acción Climática, denuncian nun manifesto a operación de “lavado verde” que supón o Premio de Narrativa Breve en lingua galega convocado por Repsol.

Nun verán marcado en Galicia e no mundo polas graves consecuencias da crise climática, a petroleira Repsol, unha das súas maiores responsábeis, organizou por décimo sexto ano o premio de novela curta en galego. Trátase do patrocinio máis visíbel entre os promovidos por Repsol na nosa terra. O fallo do premio anunciouse para o presente mes.

A refinaría de petróleo da Coruña é a creadora do Premio de Narrativa Breve Repsol. En 2021 as súas emisións de gases causantes de cambio climático ascenderon a 760.000 toneladas, converténdose na segunda industria galega con maiores emisións (1). Unha cifra que se multiplicaría se se sumasen as emisións asociadas ao uso dos produtos obtidos nela, destinados ao consumo en Galicia e á exportación.

As organizacións asinantes dirixíronse a Román Rodríguez, á fronte da Consellería de Cultura, para pedirlle que deixe de co-organizar o premio con Repsol e promova un novo premio de novela curta en galego. Asemade, pediron ás entidades que colaboran co premio, a Academia Galega, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Editorial Galaxia, que deixen de facelo mentres continúe ligado a Repsol. Non se pode permitir que a cultura galega se manche cos negocios lixosos e se relacione coa destrución climática.

O lavado verde, a través da publicidade e os patrocinios, está na cerna da estratexia de comunicación de petroleiras como Repsol, dirixida a obter “licenza social” para operar agachando as súas enormes responsabilidades climáticas e vendendo falsas solucións que son paus na roda para unha transición enerxética real. Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace forman parte da coalición promotora dunha Iniciativa Cidadá Europea (ECI) que tenta prohibir a publicidade e os patrocinios do negocio fósil en toda a UE (2) .

Xúntase o texto do manifesto


Notas
  1. “Premio de Narrativa Breve Repsol: un exemplo de greenwashing”, informe do Observatorio Galego da Acción Climática dispoñíbel en https://ogacli.org/documentos/
  2. Iniciativa Cidadá Europea para prohibir a publicidade e patrocinio dos combustíbeis fósiles: https://banfossilfuelads.org/es/

Comparte!