Na véspera do 30° aniversario da catástrofe de Bens

Desastre de Bens: Greenpeace lembra a necesidade urxente de transformar o modelo de xestión de residuos e pór fin aos plásticos dun só uso

09-09-2026

  • A entulleira de Bens (A Coruña) amoreou durante dúas décadas máis dun millón de toneladas de lixo sen control, até o seu colapso o 10 de setembro de 1996
  • Entre 100.000 e 200.000 toneladas de residuos precipitáronse até o mar, sepultando O Portiño, provocando unha desfeita ecolóxica e a morte dun veciño da Coruña, Joaquín Serantes
  • O buque ‘Sirius’ de Greenpeace acudiu daquela á zona para exixir unha mudanza radical na xestión dos residuos, axudando a impulsar a transición posterior cara á planta de tratamento de Nostián
  • Greenpeace esixe a implantación íntegra e urxente do sistema SDDR, a priorización da reutilización fronte á reciclaxe e a redución da produción de plásticos dun só uso
  • A organización ecoloxista convoca a cidadanía coruñesa este sábado, 12 de setembro, a unha xornada de recolleita e auditoría de residuos na praia de Bens para sensibilizar sobre o impacto dos plásticos

O 10 de setembro de 1996, o amoreamento masivo de lixo, as filtracións e a acumuluación de gases provocaron un colapso catastrófico do vertedoiro de Bens, que levaba dúas décadas amontoando o lixo da cidade da Coruña sen ningún tipo de tratamento previo nin controis ambientais axeitados. Unha xigantesca avalancha de arredor de 200.000 toneladas de residuos urbanos precipitouse ladeira abaixo cara ao Portiño, sepultando vivendas, instalacións pesqueiras, embarcacións e vehículos. A traxedia costoulle a vida ao veciño Joaquín Serantes, cuxo corpo nunca puido ser recuperado. O colapso desencadeou unha marea de lixo que chegou directamente ao mar, xerando unha forte contaminación mariña e un cheiro fétido insoportábel que obrigou á poboación a utilizar máscaras durante semanas. Trinta anos despois, Greenpeace convoca á sociedade a lembrar o acontecido e as leccións aprendidas, participando nunha recolleita e auditoría de residuos na praia de Bens (A Coruña), o vindeiro sábado, 12 de setembro, entre as 11:00 e 14:00. 

Malia que as autoridades locais declararon descoñecer a gravidade da situación no seu momento, con posterioridade á catástrofe saíron á luz diversos informes técnicos que xa alertaban do risco inminente de derrube e das graves deficiencias de drenaxe. Nos días posteriores, ante a ameaza de máis desprendementos e un intenso debate político sobre as responsabilidades administrativas, o daquela buque insignia de Greenpeace, o Sirius, desprazouse até as inmediacións do Portiño. Dende a auga, activistas da organización despregaron unha pancarta fronte á montaña de residuos coa consigna “Reduce, Reutiliza, Recicla”, e reuníronse con alcalde, Francisco Vázquez, para esixir a transformación radical do modelo de xestión do lixo.

O desastre de Bens obrigou a un investimento de máis de 10.000 millóns de pesetas para o selado e recuperación ambiental da zona —hoxe convertida no Parque de Bens, duns 600.000 metros cadrados— e serviu de detonante para a aprobación da Ordenanza de Xestión de Residuos Municipais e o posterior impulso en 1999 da planta de Nostián, pioneira na súa época por apostar pola separación, o reciclaxe e o compostaxe.

A pesar de que a planta de Nostián naceu como unha alternativa vangardista fronte á incineración de Sogama, a súa traxectoria nos últimos anos reflicte tamén un estancamento preocupante. O modelo padece unha severa falta de investimento, cunha concesión caducada dende hai anos e sucesivos atrasos na licitación dun novo prego adaptado ás exixencias europeas. Esta parálise traduciuse en baixas taxas de recuperación de materiais, o rexeitamento masivo de residuos que acaban nos vertedoiros e constantes conflitos laborais e operativos.

Para Greenpeace, o estado actual de Nostián evidencia que non abonda con ter unha planta no papel: sen vontade política, modernización continua e redución drástica de lixo na orixe, o sistema queda obsoleto e incapaz de responder o reto ecolóxico actual. O aniversario da catástrofe de Bens ten que facernos reflexionar ao respecto. Agardamos que o novo concurso, que se pecha nos vindeiros días, poida resolver a situación”, apuntou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Do desastre de Bens á crise global dos plásticos

Greenpeace remarca que a lección de Bens non pode quedar no esquecemento. Na actualidade, a proliferación masiva de plásticos dun só uso superou a capacidade de calquera sistema de reciclaxe ou planta de tratamento. Cada ano, os mares e océanos reciben ata 12 millóns de toneladas de plásticos. O reciclaxe por si só demostrouse insuficiente: a nivel mundial, menos do 10% de todo o plástico producido foi reciclado. Por riba, os microplásticos están a destruír literalmente a estructura física e o «sistema nervioso» dos ecosistemas.

Por iso, Greenpeace enmarca este aniversario na loita por un acordo internacional ambicioso e xuridicamente vinculante no marco do Tratado Global dos Plásticos das Nacións Unidas que estableza obxectivos legais para reducir a produción mundial de plástico polo menos un 75% para 2040 e traslada ás Administracións públicas as seguintes demandas prioritarias:

  • Fin do «usar e tirar»: prohibición efectiva dos envases refugables e unha transición real cara a sistemas de reutilización e enchido.
  • Implantación inmediata do sistema SDDR (devolver o casco): que España adopte dunha vez o Sistema de Depósito, Devolución e Retorno para que as empresas paguen o custo real dos seus envases e o consumidor poida devolvelos nas tendas.
  • Priorización real da reducción e reutilización sobre a reciclaxe: fomentar infraestruturas para a venda a granel, envases reenchíbeis e loxística de reutilización, abandonando o modelo extractivo de usar e tirar.
  • Responsabilidade ampliada do produtor: esixir ás grandes corporacións envasadoras e distribuidoras que asuman o custo real do impacto ambiental e a xestión dos residuos que introducen no mercado.
  • Prohibición total de microplásticos engadidos: tolerancia cero coas microesferas e aditivos sintéticos en cosmética, deterxentes e procesos industriais.
Convocatoria cidadá: recolleita de residuos na praia de Bens

Para conmemorar este 30º aniversario, lembrar o acontecido e denunciar a crise global por contaminación plástica que continúa afectando aos nosos mares, Greenpeace convoca a toda a cidadanía a unha xornada de sensibilización.

  • Data: Sábado, 12 de setembro de 2026
  • Horario: De 11:00 h a 14:00 h
  • Lugar: Praia de Bens (A Coruña)
  • Actividade: Recolleita comunitaria e auditoría de marca de residuos*

*Unha auditoría é un proceso sistemático cuxo obxectivo é analizar, clasificar e cuantificar os residuos colleitados durante unha limpeza, co fin de obter información precisa sobre a composición, orixe e volume dos refugallos presentes nesa contorna costeira.


Comparte!