Ecoloxistas en Acción e Greenpeace demandan en Vigo unha xestión sostíbel da pesca para protexer os océanos
- Activistas de Ecoloxistas en Acción e Greenpeace despregan unha pancarta no porto de Vigo por mor do cumio de ministros de pesca da UE.
- Aínda que se avanzou en materia de conservación dos océanos nos últimos anos, estes seguen a estar en perigo crítico xa que se atopan ameazados por causas como a sobrepesca e o quecemento global.
Vigo, 17 de xullo de 2023.– “Stop industrial fishing. Protect the oceans” é o lema da pancarta despregada por Ecoloxistas en Acción e Greenpeace hoxe no porto de Vigo. Diríxense así aos ministros de pesca da UE que están reunidos co gallo da Presidencia española da UE, ao ministro Luis Planas e ao futuro goberno. As activistas esixen que poñan fin á degradación e destrución dos océanos provocada pola pesca industrial.
Na actualidade a actividade pesqueira supón unha das maiores ameazas para a biodiversidade mariña (1). A sobrepesca aínda ameaza as poboacións de peixes e, malia que se foi reducindo en augas do Atlántico Nordés, no mar Mediterráneo máis do 70% das poboacións avaliadas están sobreexplotadas (2) e máis da metade das especies de quenllas, raias e quimeras están ameazadas (3).
Aínda por riba, o cambio climático non fai máis que agravar a situación. Segundo os últimos datos (4), supéranse as peores predicións con máximos históricos de temperatura desde que temos rexistros: se non se pon fin ás emisións de gases de efecto invernadoiro, máis do 80% da biodiversidade mariña estaría en perigo en 2100 (5), sendo os depredadores superiores da cadea trófica dobremente ameazados polo cambio climático e a pesca e, por tanto, asociados a maiores riscos de extinción.
A pesca é á súa vez vulnerábel e responsábel ao cambio climático. Segundo a FAO, os produtos do mar seguen a ser un dos alimentos básicos máis comercializados internacionalmente (en 2018, 67 millóns de toneladas —o 38% da produción pesqueira e acuícola— foi comercializada internacionalmente). De feito, dous de cada tres pezas de peixe que se consomen en España proceden de caladoiros afastados, coa pegada socioambiental asociada.
Ecoloxistas en Acción e Greenpeace demandan ao Consello de Pesca da UE, ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e ao futuro goberno as seguintes medidas:
- Prohibir todas as subvencións prexudiciais á pesca en augas distantes e en alta mar —con escasas excepcións para os Pequenos Estados Insulares en Desenvolvemento—, e garantir un acceso xusto e equitativo ao financiamento para a pesca costeira de pequena escala.
- Reforzar os estándares sociais e ambientais das importacións para poñer fin ás importacións de peixes e mariscos provenientes de pesqueiras destrutivas ou daquelas que non respectan os dereitos humanos e laborais.
- Apostar contundentemente pola transición cara a unha pesca neutra en emisións de carbono e de menor impacto a través dos fondos da UE, garantindo un acceso xusto e equitativo ao financiamento para a pesca de baixura e de pequena escala.
- Protexer e restaurar os ecosistemas mariños incluíndo as zonas potencialmente salientábeis desde un ollar pesqueiro, como zonas de restauración de hábitats de interese para a pesca ou Reservas Mariñas.
- Comprometerse coa protección dos Ecosistemas Mariños Vulnerábeis da pesca de fondo para asegurar a conservación destes ecosistemas esenciais para a biodiversidade.
- Distribuír as posibilidades de pesca (cotas e esforzo pesqueiro) en beneficio da pesca de baixura e das comunidades locais de pesca, incluíndo criterios sociais e ambientais na repartición, como o número de traballadores ou a inxección á economía local, o aumento da selectividade, ou a redución do impacto sobre o fondo, seguindo as recomendacións científicas para rematar coa sobrepesca.
Marta Martín-Borregón, portavoz de Greenpeace: “Estudos recentes evidencian que podería lograrse unha recuperación substancial da vida mariña para 2050, se se mitigan as súas principais presións, incluído o cambio climático. A recuperación da vida mariña representa un gran reto que, ademais de posíbel, é unha obriga ética e social que non poden seguir a ignorar os nosos responsábeis políticos de máis alto nivel”.
Cristóbal López voceiro de Ecoloxistas en Acción: “É hora de poñer fin á xestión pesqueira a curto prazo, reactiva e escorada cara á industria altamente destrutiva, e apostar por unha xestión pesqueira baseada na ciencia, deseñada para o longo prazo e adaptada a nivel territorial. A humanidade depende dos océanos para a súa subsistencia. As funcións de regulación climática, produción de osíxeno ou captación de CO2 permiten a vida no planeta, é hoxe máis necesario que nunca rematar coa súa degradación“.
Notas
-
IPBES 2019: Global assessment report on biodiversity and ecosystem services.
-
Scientific, Technical and Economic Committee for Fisheries (STECF), Monitoring of the performance of the Common Fisheries Policy (STECF-adhoc-23-01), Publications Office of the European Union, Luxembourg, 2023, doi:10.2760/361698, JRC133325.
- De acuerdo con la IUCN. Ver en: Mediterranean Shark and Ray Conservation Meeting, 2019.
- Ver artículo en The Guardian: https://www.theguardian.com/
environment/2023/apr/08/ headed-off-the-charts-worlds- ocean-surface-temperature- hits-record-high - Boyce, D. G., Tittensor, D. P., Garilao, C., Henson, S., Kaschner, K., Kesner-Reyes, K., … & Worm, B. (2022). A climate risk index for marine life. Nature Climate Change, 12(9), 854-862.