Ecoloxistas en Acción e Greenpeace protestan en Vigo contra a desprotección dos ecosistemas mariños vulnerables

10-07-2025

  • Varias decenas de activistas concentráronse diante da sede da Axencia  Europea de Control da Pesca, en Vigo, ante a chegada do comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, e o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para esixir a permanencia das medidas de protección establecidas para as zonas vulnerables de augas profundas
  • Acusan ao exdirector xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Antonio Basanta, de pretender reverter o consenso científico e as decisións do Tribunal de Xustiza da UE coa súa proposta de reabrir 87 zonas de augas profundas ás artes de pesca de fondo
  • Ecoloxistas en Acción e Greenpeace defenden que a existencia de océanos saudables é imprescindible para frear a perda de biodiversidade e mitigar os efectos do cambio climático; e insiste en que esta é unha nova oportunidade para que a pesca comece a realizar a súa transición ao emprego de artes de menor impacto

(EN ESPAÑOL, AQUÍ)

Ecoloxistas en Acción e Greenpeace recibiron este xoves en Vigo ao comisario europeo Costas Kadis e ao ministro Luis Planas cunha acción de protesta na que esixiron a permanencia das medidas de protección establecidas no ano 2022 para 87 zonas vulnerables de augas profundas de toda a UE, hábitats mariños extremadamente fráxiles. A concentración realizouse diante da sede da Axencia Europea de Control da Pesca, coincidindo coa chegada da comitiva oficial.

As organizacións ecoloxistas demandan que se respecte a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) do 11 de xuño de 2025, que confirmou a legalidade e lexitimidade do Regulamento da Comisión polo que se pecharon estas zonas de augas profundas ás artes de pesca de fondo polos seus posibles danos á biodiversidade bentónica. A mesma sentenza validou a metodoloxía científica do Consello Internacional para a Exploración do Mar, destinada a preservar os ecosistemas mariños vulnerables (EMV) dos danos irreversibles causados por determinadas prácticas pesqueiras destrutivas.

Segundo Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, as reunións previstas para os días 10 e 11 en Vigo, organizadas polo exdirector xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, agora integrado no gabinete do comisario Kadis, buscan reverter a decisión do Tribunal europeo, reabrindo a discusión sobre os peches e poñendo en cuestión un proceso baseado na ciencia, o dereito e a aplicación do principio de precaución.

Ana Freiría, licenciada en Ciencias do Mar e voceira da organización ecoloxista, declarou que “Basanta, xunto co lobby industrial e algúns eurodeputados españois, busca socavar a integridade do regulamento sobre o acceso aos fondos mariños, pero tamén a credibilidade da UE como líder mundial na gobernanza dos océanos e os propios compromisos internacionais de protección da biodiversidade mariña adquiridos polo Goberno español e a Comisión Europea”.

As organizacións ecoloxistas lembran que, tras dous anos de avaliación socioeconómica, o Comité Científico, Técnico e Económico da Pesca non atopou probas concluíntes dun prexuízo económico xeneralizado causado polos peches, aínda que recoñece que, nos casos individuais nos que se demostre que o prexuízo foi significativo, pode estudarse a forma de compensar a devandita afección. 

A reapertura destas zonas vulnerables á pesca industrial con artes de contacto de fondo supoñería unha emenda á totalidade da política de conservación mariña europea, tras lanzar hai apenas unhas semanas o Pacto Europeo sobre os Océanos na terceira Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos, celebrada en Niza. As organizacións ecoloxistas consideran que é incoherente comprometerse coa conservación e restauración dos océanos en Niza e pretender desfacer o consenso científico e o marco lexislativo avalado polos tribunais, nunha visita a Vigo.

Ecoloxistas en Acción e Greenpeace tamén agradeceron a posibilidade que lles brindou o comisario de Pesca e Océanos de expresarlle directamente, nunha reunión con varias organizacións ambientais, a súa posición de apoio ás medidas encamiñadas á conservación dos ecosistemas mariños vulnerables. 

“A reunión do comisario co sector pesqueiro é unha encerrona orquestrada polo exdirector xeral de pesca da Xunta, Antonio Basanta, coa pretensión de eludir o consenso científico e as decisións do Tribunal de Xustiza da UE e volver a esquilmar as zonas vulnerables. Protexámos os océanos se queremos que siga habendo pesquerías no futuro”, concluíu a Celia Ojeda, voceira de Greenpeace.

 


Notas

Galería imaxes e vídeo declaración + recursos da concentración protesta en Vigo (de libre uso para prensa)


Comparte!