Acción de Greenpeace no encontro Sánchez-Scholz na Coruña

Escaladores de Greenpeace despregan unha pancarta no cume hispanoalemán para pedir que os cartos do gasoduto MidCat se invistan en renovábeis

05-10-2022

  • Greenpeace pide a Sánchez e Scholz que abandonen o proxecto STEP-MidCat por agravar a crise climática e non solucionar as necesidades enerxéticas da poboación, e que aposten polas renovábeis, o aforro e a eficiencia
  • O MidCat é unha falsa solución: tardaría mínimo tres anos en rematarse, non resolve a crise a curto prazo e non está claro que poida servir para transportar hidróxeno de xeito eficiente
  • Se o investimento necesario para infraestruturas de gas e hidróxeno se dedicara a renovábeis, poderíanse substituír a meirande parte das importacións de gas ruso para 2025, antes de que o MidCat puidese comezar utilizarse

Esta tarde, 10 activistas de Greenpeace despregaron unha enorme pancarta nunha estada situada fronte ao edificio onde se celebra o cume hispanoalemán, co texto “Os cartos para o midcat, para renovábeis xustas xa!” A organización ecoloxista reclama ao presidente Sánchez e ao chanceler Scholz que non se siga investindo en infraestruturas de gas, carísimas e que non solucionan os problemas enerxéticos da poboación a curto prazo. Os investimentos para transportar máis gas a Europa son unha falsa solución: desvían o foco da necesaria transición a enerxías renovábeis e antepoñen os intereses da industria gasista fronte ás necesidades das persoas que van sufrir un inverno con prezos desorbitados da luz e do gas.

A organización ecoloxista basea a súa posición en varios informes técnicos e científicos. publicados recentemente por consultoras especializadas como Artelys  (Marzo 2022), Bellona (Marzo 2022), EG3 (Junio 2022)ECF,  ou Universidade Pompeu Fabra (2022) que consideran que esta e outras infraestruturas de gas como o Midcat non son necesarias pois para a data na que entren en servizo a demanda de gas na UE deberá sufrir un forte descenso ocasionado polas políticas de descarbonización. Os informes expertos tamén conclúen que, se o tempo e o investimento necesarios para infraestruturas de gas e hidróxeno se dirixen a descarbonizar con enerxías limpas e eficientes, as necesidades da cidadanía resultarían mellor atendidas e poderíase substituír a meirande parte das importacións de gas ruso para 2025, data na que o MidCat podería comezar a utilizarse.

“Sánchez e Scholz deben abandonar proxectos de alto custo económico e climático como o Midcat e asinar un compromiso de colaboración para acelerar a transición enerxética cara ás enerxías renovábeis, a eficiencia e o aforro, que respondan as necesidades da cidadanía e fagan fronte á emerxencia climática. España non debe nin pode ser un hub de gas, senón de enerxía renovábel”, declarou José Luis García, responsábel de Clima en Greenpeace.

Doutra banda, o proxecto é incompatíbel cos compromisos climáticos da Unión Europea e dos países directamente implicados (España, Francia e Alemaña). Se a UE quere cumprir co obxectivo climático do Acordo de París, cómpre deixar atrás o uso do gas fósil para 2035. Greenpeace considera que non ten sentido construír unha infraestrutura como o MidCat (ou outras alternativas gasistas), que probabelmente non se poida concluír antes do 2025 como moi cedo.

O últimos sete anos foron os máis cálidos xamais rexistrados, sufrimos o verán que trouxo intensas ondas de calor e lumes inapagábeis, e sabemos que serán cada vez máis frecuentes polo quecemento do planeta. Non podemos perder máis tempo para afrontar a emerxencia climática e desviar recursos a falsas solucións ou a aumentar a subministración de combustíbeis fósiles, que son a súa causa principal. 

A organización ecoloxista sinala que o consumo de gas en toda Europa, incluídos España e Alemaña, é moi desigual: a meirande parte do mesmo é consumido por industrias e centrais eléctricas. Para resolver a crise enerxética a curto prazo e de maneira xusta, os esforzos deberían enfocarse na redución da demanda en sectores non esenciais que consomen máis, garantindo o dereito á enerxía da poboación máis vulnerábel. En paralelo débese investir en axudas públicas e cambios lexislativos para incrementar a eficiencia mediante reformas exprés de vivendas, servizos e industrias que se consideren esenciais. As axudas deben ir a quen as necesita para cubrir os servizos enerxéticos esenciais (como a calefacción) sen facer medrar  a dependencia do gas.

Cómpre lembrar que, segundo o IPCC, o metano, principal compoñente do gas natural, ten un potencial de quecemento global 86 veces superior ao do CO2 nunha escala temporal de 20 anos. As fugas de metano acontecen en toda a cadea de produción, transporte e distribución. A construción de novos gasodutos conleva a utilización deste combustíbel fósil durante moitos anos máis, contribuíndo a facer máis grave a emerxencia climática actual. Do mesmo xeito, Greenpeace pon de manifesto que hai serias dúbidas técnicas de que un gasoduto poida utilizarse para o transporte de hidróxeno e mesmo de se ten sentido facelo, dadas as perdas enerxéticas que conleva. O hidróxeno producido con fontes renovábeis é un vector enerxético moi pouco eficiente e só debe empregarse en aplicacións moi específicas alí onde sexa difícil a descarbonización. O transporte do hidróxeno en longas distancias é moi difícil e pouco eficiente, polo que debería evitarse. O hidróxeno ten o seu papel na transición enerxética, mais sempre de proximidade e non como substituto do gas nas redes existentes.


Comparte!