Altri Non: Testemuños e imaxes contra a macrocelulosa

“Este proxecto non pode seguir adiante. Temos que paralo”: Así se organiza Galicia contra o monstro de Altri

18-06-2024

  • Agricultoras, gandeiras, mariscadoras e veciñas da Ulloa e da ría de Arousa explican como a fábrica de Altri cambiaría as súas vidas (para mal)
  • Greenpeace documentou a beleza e riqueza natural da zona e recolleu os testemuños das veciñas que amosan a súa oposición frontal ao proxecto
  • Afectando a unha superficie dez veces máis grande que Ence, consumiría até 46 millóns de litros diarios de auga e vertería ao río 30 millóns de litros de auga contaminada
  • A organización pide á Xunta e ao Goberno central que non destinen cartos públicos á destrución dunha zona de alto valor ambiental e social

 

“Para min, isto é un paraíso. Aquí naceu meu pai, nacín eu. Pensar en marchar aféctame moito psicoloxicamente. Este proxecto non pode seguir adiante. Temos que paralo”, explica emocionada Chusa Expósito, da cooperativa Milhulloa e Muuhulloa. Ela é unha das moitas persoas que se opoñen á macrocelulosa que a multinacional portuguesa Altri quere construír na comarca da Ulloa. Greenpeace recolleu as súas voces para pedir a súa paralización

A organización ecoloxista, da man do fotoperiodista galego Pedro Armestre, documentou a beleza e riqueza natural da zona, en perigo por este macroproxecto, e recolleu os testemuños de veciñas que amosan a súa oposición frontal a un proxecto que ameaza a súa contorna e o seu modo de vida. Agricultoras, gandeiras, mariscadoras e veciñas da comarca explican como Altri cambiará as súas vidas (para mal).

O proxecto tería unha repercusión directa sobre o noso traballo, afectando á nosa forma de traballar e de concibir tamén o coidado deste territorio. É unha agresión, unha ameaza que atenta contra o tecido socioeconómico que conformamos e que afectarían a esa función que cumprimos”, denuncia Ana Corredoria, gandeira ecolóxica.

A multinacional portuguesa Altri quere construír unha enorme fábrica de celulosa no corazón de Galicia (Palas de Rei, Lugo) que pon en perigo a súa natureza e aos seus habitantes para producir até 400.000 toneladas de celulosa solúbel e 200.000 de lyocell, ademais doutros subprodutos, como biomasa e xeso.

Trátase dun megaproxecto (denominado proxecto Gama) que ameaza directamente a exigua Rede Natura 2000 galega: unha enorme macrocelulosa que usará millóns de litros de auga ao día, verterá auga contaminada de volta ao río Ulla, emitirá gases tóxicos, poñerá en perigo os sectores primarios e requirirá que se plante moito máis eucalipto no norte, empobrecendo a biodiversidade. Greenpeace, xunto con outras organizacións e colectivos da zona, está a loitar para parar este absurdo.

Vivimos da auga. Se nos falta a auga, fáltanos todo. Non vexo as cousas que queiran poñer aí, tan preto, que nos arruínan por completo. Iso acaba connosco”, explica a agricultora Carmen Velázquez: “Irei a todas as manifestacións. Teño 72 anos. Non me queda moito de vida, pero detrás de min veñen os meus fillos e os meus netos, e hai que mirar por todos. Creo que o imos a parar. Para iso andamos”.

A destrución de Altri en cifras
O valor ambiental da zona onde se sitúa o proxecto de Altri debe ser protexido. O macroproxecto pon en perigo o corazón de Galicia, a súa natureza e aos seus habitantes. E estas cifras aválano.

Afectará a unha superficie dez veces máis grande que a que ocupa a celulosa de Ence na ría de Pontevedra, unhas 360 hectáreas.

A fábrica pretende usar até 46 millóns de litros de auga diarios do río Ulla, o cal equivale ao consumo de toda a provincia de Lugo. Nas súas previsións, non se teñen en conta os escenarios futuros de diminución dos recursos hídricos por causa do cambio climático.

Debido ao proxecto verteranse ao río até 30 millóns de litros de augas residuais contaminadas acotío a 27 graos centígrados. Non só consumirá unha enorme cantidade de auga, tan necesaria en tempo de seca, senón que contaminará a que queda, poñendo tamén en perigo o marisqueo na ría de Arousa.

Calcúlase que Altri necesitará ata 2,4 millóns de toneladas de eucalipto ao ano. Este aumento brutal da demanda obrigará a encher aínda máis terra galega deste monocultivo que tanto dano está a facer á biodiversidade do norte da Península, e que aumenta o perigo e virulencia dos incendios en Galicia, como vemos cada ano.

Instalará unha cheminea de 75 metros de altura para emitir substancias precursoras da choiva aceda (xofre, óxidos de xofre, óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado).

Tres espazos da Rede Natura 2000 veríanse afectados (ZEC Serra do Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais do Arnego) e mesmo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Asemade, a fábrica construiríase sobre un terreo identificado xa hai máis dunha década pola propia Xunta de Galicia para ampliar a rede Natura 2000. O proxecto de ampliación segue de xeito vergoñento gardado nalgún caixón.

Altri afecta directamente a moitas especies ameazadas, algunhas mesmo endémicas e en perigo de extinción, como Santolina melidensis, Armeria merinoi e Leucanthemum gallaecicum, cuxas poboacións son únicas no mundo. No ámbito do proxecto hai rexistradas máis de 140 especies de aves, das cales catro están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e seis no Catálogo Español de Especies Ameazadas.

Para a súa posta en marcha, a empresa reclama até 250 millóns de euros de cartos públicos dos fondos europeos Next Generation que servirán para levar ao colapso a unha contorna natural.

Presentáronse máis de 23.000 alegacións na súa contra, entre elas as de Greenpeace. Unha cifra histórica.

Máis de 20.000 persoas acudiron á primeira manifestación contra o proxecto en Palas de Rei (Lugo), a zona cero deste bárbaro proxecto e case 300 embarcacións formaron unha flotilla de protesta xunto co rachaxeos Arctic Sunrise na ría de Arousa.

Desde o inicio, Greenpeace traballou man a man con outras organizacións e colectivos para parar este absurdo proxecto de Altri e seguirá facéndoo.“O proxecto de Altri e a Xunta de Galicia reflicte de xeito nídio como o Goberno e algunhas empresas entenden o territorio como un simple espazo para obter beneficios á conta do que sexa. Pero neste territorio viven persoas en perfecta comuñón cunha biodiversidade, xa moi mermada, que temos a obriga de coidar, de protexer e de defender até o último alento. Vainos o futuro niso. E non imos parar até que o proxecto sexa desbotado. Nin o necesitamos, nin o queremos”, conclúe Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Por último, Greenpeace anima a toda a cidadanía a acudir á mobilización (convocada pola plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) que rodeará a sede da Xunta de Galicia (San Caetano) en Santiago de Compostela o vindeiro 30 de xuño ás 12:00 para esixir de forma masiva que se desbote o proxecto de Altri.

Testemuños completos e fotografías

EN PROFUNDIDADE: ALTRI, UN MONSTRO DE CELULOSA NO CORAZÓN DE GALICIA


Comparte!