Galicia apenas avanza en enerxías renovábeis e afianza a súa enorme dependencia do petróleo e do gas fósil

30-04-2026

  • Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática analizan o último balance enerxético de Galicia: mandan os combustíbeis fósiles
  • Tan só a cuarta parte dos recursos enerxéticos transformados para obter electricidade, combustíbeis e calor foron de orixe renovábel 
  • Galicia segue a exportar moitos máis produtos petrolíferos e gas fósil (73%) que electricidade (21%)
  • A potencia renóvabel só medrou un 4% nos últimos cinco anos, nos que o principal impulso veu do aumento do autoconsumo solar fotovoltaico
 

Greenpeace e mailo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) veñen de facer unha análise do último Balance enerxético de Galicia (2024) dispoñíbel, que acaba de facer público o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, e conclúen que o documento confirma a mala situación da transición enerxética no país. De non ser polo peche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, Galicia apenas tería avanzado na redución do uso de enerxía fósil durante os últimos anos. O abandono progresivo dos combustíbeis fósiles é un imperativo cada vez máis urxente para mitigar a crise climática, reducir a contaminación tóxica, asegurar a autonomía enerxética e garantir a prosperidade socioeconómica.

Segundo o INEGA, a porcentaxe de orixe renovábel dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor, con destino ao consumo interno e á exportación, non superou o 25% en 2024. Un ano máis confírmase que en Galicia non existe ningún excedente de enerxía renovábel.

2024: primeiro ano sen carbón no mix enerxético galego

Debido aos escasos avances no aproveitamento dos recursos renovábeis propios e ao mantemento en niveis altos da actividade da refinaría de petróleo da Coruña e da regasificadora de Mugardos, o peso das renovábeis no uso dos recursos enerxéticos en Galicia non chegaría nin tan sequera ao 25% de non ser polo abandono total do carbón en 2024. Comparando 2024 con 2018, o ano previo ao comezo do declive do carbón, a achega dos recursos enerxéticos renovábeis apenas variou. A tendencia foi a un aumento no uso do gas fósil e un descenso similar no uso de petróleo. Xa que logo, o abandono do carbón non foi acompañado dunha redución no uso dos demais combustíbeis fósiles.

Produtos petrolíferos e gas fósil achegan o 61% do consumo enerxético

O consumo directo de produtos petrolíferos e de gas fósil supuxo o 61% do consumo galego de enerxía final en 2024. A electricidade e as renovábeis non eléctricas (biomasa, aerotermia, biocarburantes, etc.) achegaron, respectivamente, o 22% e o 14%.

O transporte mudou nos últimos anos no sector líder en Galicia en demanda enerxética e en emisións de gases causantes de cambio climático. Cómpre reforzar o transporte colectivo, á transferencia de mercadorías da estrada ao tren e á electrificación.

Paralelamente as exportacións enerxéticas medraron, pero non están dominadas pola electricidade, senón polos combustíbeis fósiles da refinaría da Coruña e da regasificadora de Mugardos. Produtos petrolíferos e gas fósil representaron o 73% da enerxía exportada, fronte ao 21% de electricidade e o 6% de biocarburantes. Na realidade, Galicia exporta electricidade que non está a usar, perdendo a oportunidade de empregala en desfosilizar o seu consumo enerxético co aumento da electrificación. Aínda así, necesitaría producir moita máis electricidade de orixe renovábel para o abandono do petróleo e do gas fósil.

Estancamento das renovábeis e retroceso da electrificación

O fin da produción eléctrica con carbón posibilitou que a porcentaxe da xeración renovábel sobre a total da electricidade saltase do 55% ao 82% entre 2018 e 2025. Aconteceu a pesares do cativo incremento da potencia renovábel eléctrica, especialmente nos últimos cinco anos, período no que tan só medrou o 4%. O principal impulso renovábel, nun contexto de parón eólico, veu do aumento do autoconsumo solar fotovoltaico, que tende a debilitarse despois do pico atinxido en 2022.

Un dato positivo é o importante incremento na instalación de bombas de calor rexistrado en 2024, ano no que por primeira vez as bombas de calor superaron a biomasa en nova potencia renovábel térmica instalada. Con todo, produtos petrolíferos e gas fósil seguen a ser de lonxe a principal fonte de calor en Galicia.

A cota de renovábeis no consumo enerxético total acadou o 48% en 2024. Nos dous últimos anos estancouse, tendencia que de se manter comprometería o logro do obxectivo do 58% para 2030 establecido na Axenda Enerxética da Xunta, aínda así pouco ambiciosa.

Máis preocupante aínda é o panorama no eido da electrificación do consumo enerxético, crucial para avanzarmos na descarbonización. O peso da electricidade no consumo galego de enerxía final baixou nos últimos tres anos até o 22%, a cifra máis baixa desde polo menos 2006. Estamos moi lonxe do obxectivo do 35% para 2030 establecido polo plan estatal de enerxía e clima. A Xunta carece dunha meta propia.

Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles

En decembro de 2023 Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática publicaron o informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles. O documento inclúe recomendacións sobre a planificación enerxética da Xunta, os combustíbeis fósiles, o consumo de enerxía e o desenvolvemento renovábel en Galicia. Os dez obxectivos máis importantes marcados por Greenpeace e o OGACLI son:

  1. Reducir as emisións brutas de gases de invernadoiro  desde o -38,3% (2023) ao -65% para 2030 respecto a 1990
  2. Alcanzar un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030
  3. Alcanzar un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovábel en 2040
  4. Reducir a demanda de enerxía final á metade para 2040 con respecto a 2019
  5. Alcanzar unha cota de renovábeis no consumo final do 70% en 2030
  6. Abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030
  7. Abandonar a queima de gas fósil para todos os usos en 2035
  8. Planificar a fin das actividades de refino de petróleo e de regasificación de gas licuado, para acompasalas ao resto de obxectivos
  9. Incrementar a electrificación, que en 2030 debería aproximarse xa ao 50%
  10. Acadar un parque de vehículos cero emisións antes de 2040

 

Máis información:

Documento de análise completo do balance enerxético galego (GAL).


Comparte!