Greenpeace, 20 años despois do Prestige: “É desolador ver que non aprendemos nada. Hoxe podería repetirse”

10-11-2022

  • Milleiros de buques con millóns de toneladas de mercadorías perigosas como o petróleo seguen a pasar fronte ás nosas costas cada an
  • Greenpeace demandou desde o primeiro intre que se refuxiase o buque para transvasar o fuel, mais o Goberno decidiu afastalo da costa, o que provocou unha catástrofe de dimensións continentais
  • Despois do suceso a sociedade civil mobilizouse coma nunca e logrou mitigar e converter a catástrofe no meirande acto colectivo en defensa da natureza que se lembra
  • Para conmemorar o tráxico aniversario a ONG volveu aos lugares máis afectados e realizou un documental testemuñal con voces que o viviron en primeira persoa

 

10 de novembro de 2022-. O accidente, peregrinación forzada e afundimento do petroleiro Prestige en novembro de 2002 orixinou o desastre ambiental máis grave da nosa historia, que acadou dimensións continentais por mor da deficiente xestión das autoridades. Estas foron responsábeis dun encadeamento de erros críticos e de alimentar a desinformación sobre as dimensións da catástrofe.

Para conmemorar o tráxico aniversario do Prestige a ONG volveu aos lugares máis afectados polo “chapapote” e realizou un documental testemuñal con voces que viviron en primeira persoa a desfeita e actuaron para pór solucións. Tamén realizou na súa páxina web un especial no que percorre a cronoloxía do desastre.

Ademais vinte anos despois, Greenpeace lembrou que as condicións para que se produza outro evento catastrófico de similares características seguen presentes. Polo Corredor de Fisterra, fronte a Galicia, seguen a pasar máis de 36.000 barcos ao ano, un 35% con mercadorías perigosas como o petróleo. Aproximadamente o 70% do transporte marítimo de petróleo na Unión Europea, cifrado en máis de 800 millóns de toneladas, realízase fronte ás costas do Atlántico e do Mar do Norte.

A xestión da crise

Para a ONG entre o máis salientábel daquela desfeita orixinado pola enorme fenda no buque o 13 de novembro de 2002, estivo a neglixente actuación das autoridades antes durante e despois do accidente, así como a desinformación, que foi constante durante a xestión. Galicia sufrira até catro catástrofes similares nas tres décadas anteriores e, a pesares diso, non existían nin medios nin un plan de continxencia minimamente eficaz para abordar o naufraxio. 

Greenpeace demandou desde o primeiro intre que se refuxiase o buque para transvasar o fuel que transportaba, mais a decisión do Goberno foi afastalo da costa, o que provocou unha catástrofe de dimensións continentais. Preto de 3.000 quilómetros de costa contaminada, algo insólito até daquela. Doutra banda, tardouse moito en despregar a medidas anticontaminación das que se dispoñía que, ademais, resultaron escasas. A desinformación oficial foi unha das principais características desta catástrofe de repercusión internacional: foi escasa, insuficiente e, en ocasións, falsa. Un exemplo foi a falta de recomendacións á poboación diante do posíbel impacto do fuel na saúde das persoas que accedían ás praias. Posteriormente, a organización ecoloxista afirma que o maior xuízo por danos ambientais da historia de España, que aconteceu 10 anos despois da vertedura, non sentou a todos os culpábeis no banco.

O impacto del vertido

As sucesivas mareas negras do Prestige contaminaron gravemente case 3.000 quilómetros de costa, desde Portugal e Galicia até Francia. Tivéronse que parar as actividades pesqueiras durante meses e moitos ecosistemas e especies foron arrasadas, incluíndo até 200.000 aves mariñas mortas, así como golfiños, londras, tartarugas e focas. Greenpeace chama a atención sobre a falta dunha avaliación do impacto ambiental a curto, medio e longo prazo que caracterizase, avaliase e cuantificase todos os impactos da marea negra do Prestige, así como os efectos daquel fuel tóxico nas persoas.

Branco sobre negro, a mobilización social

Por último, a organización quixo lembrar tamén o bo que nos trouxo a catástrofe. Foi a sociedade civil, co desprazamento espontáneo ás costas de máis de 300.000 persoas voluntarias, e o movemento cívico Nunca Máis quen se puxo á fronte do desastre, logrou mitigalo con eficacia e esixiu medios e responsabilidades cando máis facía falta.

A mobilización da sociedade civil durante a catástrofe do Prestige foi absolutamente heroica, o meirande acto colectivo de amor pola natureza que lembramos. Centos de milleiros de persoas voluntarias, xentes do mar e un movemento cívico de dignidade como Nunca Máis puxéronse ao temón diante da ausencia do Estado. Sen ese liderado colectivo as sucesivas mareas negras do Prestige terían sen dúbida un impacto aínda máis devastador”, comentou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

A industria fósil

Os combustíbeis fósiles, desde a súa extracción, transporte e consumo, xeran enormes emisións de gases con efecto invernadoiro e irreparábeis danos ambientais. Son os principais responsábeis da crise climática na que estamos mergullados. O seu papel no sistema enerxético debe ser substituído con urxencia por alternativas renovábeis, máis limpas, máis baratas e máis xustas. Ademais disto, a industria fósil continúa actuando con total impunidade e opacidade, creando redes de sociedades pantasmas de toda caste para protexer os seus perigosos cargamentos e eludir responsabilidades en caso de accidente. Ese foi o caso do Prestige, no que a batalla xudicial continúa vinte anos despois. Para Greenpeace debe existir un mecanismo claro que faga que a industria petroleira, que aproveita os recursos naturais, se faga responsábel das consecuencias derivadas da súa lucrativa actividade económica.

O desastre do Prestige revela como ningún outro a impunidade coa que actúa a industria dos combustíbeis fósiles. A regulamentación do transporte marítimo está deseñada á medida dunha industria que trata de sacar beneficio até as últimas consecuencias. Unha industria que nunca se fará cargo dos 4.442 millóns de euros nos que a Fiscalía española cifrou os danos económicos e ambientais da catástrofe e da que só se cobrou un 4%”, afirmou Sara del Río, responsábel de investigacións de Greenpeace.

Demandas de Greenpeace 20 anos despois

Lamentabelmente, moitas cousas deben mudar para que outro Prestige non sexa posíbel. Greenpeace expón una serie de demandas recolleitas no seu especial para que no volva a repetirse unha catástrofe como a vivida hai xa dúas décadas. 


Comparte!