Greenpeace anima á cidadanía para converter a manifestación do vindeiro domingo en Compostela nun clamor social en defensa dos océanos
- A organización ecoloxista pide unha participación masiva na mobilización convocada o 21 de decembro ás 12:00h na capital galega polo sector produtivo, as organizacións ecoloxistas e outras entidades sociais
- A vertedura de pellets plásticos do Toconao e a crise no sector marisqueiro tradicional son as dúas principais razóns polas que se produce a convocatoria, baixo o lema “Na defensa do noso mar”
- Greenpeace quere chamar a atención sobre a crise ecosistémica dos océanos, azoutados polo cambio climático, a sobrepesca, a contaminación e novas ameazas como a minería submarina
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024.- Baixo o lema “Na defensa do noso mar” preto dun centenar de organizacións, entre colectivos do mar, plataformas e organizacións de defensa ambiental e entidades socio-culturais, convocaron unha manifestación o vindeiro domingo 21 de xaneiro ás 12:00 horas, con saída da alameda Compostelá e chegada á Praza do Obradoiro.
A mobilización quere dar resposta á deficiente xestión da vertedura de millóns de pellets na costa galega e chamar á vez a atención sobre a ruína que sofre o sector marisqueiro tradicional. Greenpeace, unha das entidades convocantes, fai un chamamento á participación masiva da cidadanía na mesma e pide que esta se converta nun reclamo unánime en defensa dos nosos mares e océanos, azoutados por unha crise múltiple na que o cambio climático, a contaminación, a sobrepesca, a perda e destrución de hábitats e novas ameazas como a minaría submarina están a levar aos ecosistemas mariños a unha situación límite.
As organizacións convocantes acusan á Xunta de Galicia e á administración do Estado de actuar de forma tardía, descoordinada e con pouca transparencia na marea de pellets plásticos que chegou ás costas no último mes, e reclaman máis medios para mitigar o desastre e mellores normativas para que non volva acontecer. Greenpeace tamén chama a atención sobre a necesidade de que a activación do plan de continxencia por contaminación mariña accidental sexa realizada por comités técnico-científicos, deixando así de depender de decisións políticas como as que frearon a necesaria resposta rápida neste caso.
“Non é de recibo que teña que ser de novo a sociedade civil a que salga en primeira instancia ás praias para recoller parte da vertedura. Aínda nos teñen que explicar por que o Camgal se activou case un mes despois da vertedura, ou por que a Xunta non publicou protocolos de recolleita de pellets até o día 10, cando xa moitos voluntarios e voluntarias estaban a limpar a costa sen coñecer sequera a composición do plástico. Hai que facelo moito mellor”, manifestou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
O marisqueo tradicional en perigo
A chegada masiva de materiais plásticos uniuse á enorme crise que sofre o sector marisqueiro tradicional na última década, con descensos da produción de até o 80% e 90% en moitas especies de interese comercial con respecto ás medias dos últimos 20 anos, especialmente ameixas e berberechos. Deste xeito, identifican a chegada de millóns de pellets á costa como un indicador máis dos malos tratos ao que se está sometendo aos océanos e por extensión ao sector produtivo.
Aos efectos do cambio climático, con eventos climatolóxicos extremos, subida da temperatura do mar e acidificación das augas, únese un problema case endémico de contaminación das rías galegas por verteduras industriais, agrogandeiras e urbanas, así como a descoordinación no baleirado dos encoros, afectando gravemente a parte dos mellores bancos marisqueiros do continente. É por iso que o sector reclama á Consellaría do Mar un plan urxente de actuación desde hai anos.
Os océanos en crise
Para Greenpeace, a vertedura do Toconao ou a crise produtiva das rías galegas son unha mostra da grave situación que atravesan os mares do mundo. Cada ano vértense até 12 millóns de toneladas de plástico aos océanos. Aínda que o 80 % procede de actividades en terra, tamén se perden anualmente unhas 640.000 toneladas de redes de pesca, as coñecidas como “redes pantasma”, que seguen a atrapar especies mariñas durante décadas. Asemade, a pesca industrial está a levar aos océanos a unha situación crítica na que o 35% dos recursos pesqueiros mundiais están sobreexplotados, con algunhas especies chave, como quenllas e raias, en dramático declive. Tan só un 3% dos océanos están protexidos a pesar das numerosas ameazas ás que se enfrontan.
“Só un 3 % dos océanos están protexidos a pesar das numerosas ameazas ás que se levan enfrontando durante décadas. Tras a aprobación do Tratado Global dos Océanos agora temos que conseguir que polo menos 60 países o ratifiquen para que poida ser legalmente vinculante e declarar os primeiros santuarios oceánicos en augas internacionais”. Pero non todo son boas novas, agora existe unha nova ameaza, a minaría submarina, que están a tentar poñer en marcha para seguir esquilmando os nosos océanos. “Queren baixar unhas máquinas do tamaño dunha balea azul a máis de 4.000 metros de profundidade para sacar metais como cobalto, manganeso ou níquel. Unha práctica que non só agravaría a crise climática na que nos atopamos, senón que danaría aos ecosistemas mariños e ao sector pesqueiro, xerando danos irreversíbeis”, manifestou Marta Martín-Borregón, responsábel da campaña de océanos de Greenpeace.